Resposta a carta sobre Upg e Bng

CARTAS AL DIRECTOR

Publicado: 30 ago 2026 - 01:40
Carta al director
Carta al director | La Región

O martes pasado o señor Rubén Requeixo comentou nesta sección un meu artigo titulado “A UPG contra o futuro do BNG” e desexo, co seu permiso, aclarar algúns extremos. Creo que esaxera cando cualifica as miñas colaboracións sobre o tema de “cruzada persoal e ideolóxica contra a esquerda soberanista”, etc. etc. Non se mesturar todo. Eu sonlle independente, que nunca indiferente, e exerzo a miña opinión, con absoluta liberdade, sen cálculos. Non entro en ningunha componenda, tipo “nós, á cultura; vós á política, e todos tranquilos”. Resúltame desacougante que persoas dese mundo me digan en privado “que valente”, “ti podes dicilo”, etc. Así, nin censura, nin autocensura, nin cálculos de conveniencia. Defendo o que creo. Si. Como o dereito a existir de Israel aínda desde as antípodas da actuación de Netanyahu tanto en Gaza como cos colonos en Cisxordania... Pero isto hoxe non toca. E non é que teña “incapacidade para aceptar o proxecto da esquerda nacionalista” e que teño a liberdade -e a sorte- de non compartir postulados da que vostede chama aquí, “esquerda nacionalista”.

Pois resulta significativo que vostede trate de facer unha sinonimia entre nacionalismo e galeguismo cando me acusa de “fobia contra o galeguismo de esquerdas”. Non lle son, por sorte, a mesma cousa. A historia é máis complicada que un simple desenvolvemento lineal provincialismo-rexionalismo-galeguismo-nacionalismo-UPG-BNG. Vostedes queren ocupar todos estes espazos -e outros- e tanto lles ten reivindicar a Antolín Faraldo como a Vicente Risco ou a Moncho Reboiras; a Otero Pedrayo como ao Foucellas ou á Afonso VIII. E non pode ser. Lembro o día da chegada dos restos de Castelao, en 1984 - alí estaba eu- cando a UPG non deu aceptado a elevación de Castelao a símbolo común do país impulsado polo Parlamento e familia, e abalanzouse acaparador sobre o cadaleito, no medio do insulto ás institucións e a Camilo Nogueira, promotor da iniciativa. El é bo cristián e perdoou.

Respecto da historia da actuación da UPG na conformación do sistema político e cultural galego actual hai moito que falar, pois nada contribuíu á chegada da democracia e autonomía; opúxose á Constitución e ao Estatuto. O seu nunca foi un traballo de sumar ou coordinar esforzos, senón de combate aos próximos polo control absoluto e a construción do relato único. Lembran a destrución do PSG? E a inquina con Piñeiro? E o boicot a Blanco Amor en Ribadavia? E a Casares en Moldes? E o desprestixio fomentado sobre Celso Emilio pola integración nunha candidatura ao Senado? E o esgazamento da AN-PG e das CCLL? E as acusacións de “culturalistas”, de “pseudonacionalistas” a todo canto se movía que non estivese “ao acollido”.

Insisto en que a asimilación da idea de galeguismo só a unha voz, radical, e formadora dun “pack” integral de pensamento único, é moi negativa. Non me gusta o seu estilo de nación. Insisto que en Occidente, a función dos partidos é a de presentase a eleccións e tratar de xestionar temporalmente unha administración, non a de ser lobbies de influencia, tipo Opus Dei. Non debe ser tampouco o modelo a China comunista do capitalismo salvaxe, partido único e todopoderoso.

Na miña intención, non está, promover a ilegalización da UPG nin de ninguén -diríao sen máis, claro- pero podo opinar e opino que a función dos partidos en Occidente é presentarse ás eleccións, gañalas e xestionar o poder o tempo que toca e logo deixar ao seguinte, como cousa normal. E isto, vale para UPG e para calquera dentro ou fóra do BNG. E si, o camiño lóxico e natural parece a disolución dos partidos dentro do BNG, pois é o instrumento que funciona, e a conversión do Bloque nun partido “normal”, para que non haxa ocultas outras estruturas reflexivas e decisorias.

PD: Creo que Luís Seara será bo alcalde de Ourense.

Afonso Vázquez-Monxardín (Ourense)

Contenido patrocinado

stats