Un proxecto europeo estuda en Ourense a conexión biodiversidade-solo

UNIVERSIDAD

O Campus de Ourense participa nun estudo europeo que estuda o impacto do cambio climático no solo

Publicado: 07 oct 2024 - 09:21 Actualizado: 07 oct 2024 - 10:07
Traballos experimentais realizados no Campus de Ourense.
Traballos experimentais realizados no Campus de Ourense.

Un equipo do Campus de Ourense da Universidade de Vigo está a participar no proxecto europeo BIOservicES. Nel, 22 socios de once países afondan nas interconexións entre a biodiversidade do solo, entre os seus organismos, e as funcións e servizos ecosistémicos en diferentes usos do territorio. A iniciativa pretende proporcionar novos coñecementos, indicadores e ferramentas dixitais para a toma de decisións que axuden a deseñar prácticas de xestión resilientes ao clima e programas de seguimento, conservación e restauración.

BIOservicES ten un orzamento de case 7,4 millóns de euros, ascendendo a axuda concedida á UVigo a 686.875 euros. Arrancou en setembro de 2023 e prevese a súa finalización en agosto de 2028. Están involucrados tanto socios de universidades e centros de investigación como empresas e fundacións, recollendo unha ampla experiencia en agricultura, innovación e comunicación.

Por parte da UVigo participa un equipo do Grupo de Investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, encabezado por David Fernández Calviño e Andrés Rodríguez Seijo.

Este equipo xa tiña unha estreita colaboración previa, con bos resultados, con outros socios a través de proxectos europeos previos, como SoildiverAgro, coordinado tamén por David Fernández.

O principal obxectivo de BIOservicES é comprender a conexión entre os diversos organismos do solo, tales como virus, bacterias, arqueas, fungos, protistas, nematodos, microartrópodos, miñocas de terra, isópodos, milpés, insectos e arañas, e como contribúen ás múltiples funcións e servizos ecosistémicos do solo a diferentes escalas, tendo en conta os distintos usos do territorio e o impacto do cambio climático.

O proxecto pretende identificar as presións e factores que afectan a estes organismos e os servizos do solo, realizar unha valoración económica da súa contribución ao ecosistema e desenvolver ferramentas de apoio na toma de decisións.

Toén e Ourense, entre as 25 localizacións

Seleccionáronse 25 emprazamentos experimentais, con diferentes niveis de presión debido ás prácticas de xestión neles e en diferentes rexións: alpina (Suíza), atlántica e mediterránea (España), continental (Alemaña) e a rexión boreal (Letonia). Nelas abárcanse oito usos diferentes do solo para estudar a aplicación de prácticas de xestión sostible. Na rexión Atlántica que coordina o Campus de Ourense, os casos de estudo encóntranse no concello de Toén e na cidade, abarcando diferentes presións nos usos de agricultura, seminatural, humidal, urbano e mineiro.

Nestes usos estudaranse diferentes propiedades do solo, como a súa estrutura e biodiversidade. No uso seminatural (no caso galego, antigas zonas de cultivo reconvertidas en uso forestal con bosques de acacia, piñeiro e carballo), estudarase o impacto do cambio climático sobre o solo. Deste xeito, estase a desenvolver un ensaio que se prolongará ata o verán de 2026 e no que se simula unha redución das precipitacións do 50% e un incremento da temperatura de ata 2ºC.

Contenido patrocinado

stats