Obituario | Elixio Rivas, un misioneiro apaixoado da etnografía e toponimia galegas

O misioneiro paúl Elixio Rivas faleceu onte en Salamanca ós 97 anos de idade. Nado en Fondo de Vila no concello de Xunqueira de Ambía no ano 1925, foi, ademais de misioneiro, profesor, etnógrafo e lingüísta, disciplina na que se dedicou fundamentalmente á onomástica, etnolingüísta e a etimoloxía.

Membro da Comisión de Toponimia de Galicia dende 1978, e membro correspondende da Real Academia de Historia, da súa man saíu unha extensa produción de libros e artigos que recolleron o seu intenso traballo, e que lle valeron recoñecementos como a Medalla de Ouro da Deputación de Ourense en 2019 e a Medalla Castelao no ano 2000, só por mencionar os de maior entidade.

Era ben novo cando deixou os apeiros de labranza e marchou estudiar ó Santuario dos Milagres un 11 de setembro de 1936, cando tiña 11 anos, en plena Guerra Civil. Logo viaxou a Santander, ó colexio San Vicente de Paúl de Limpias, e posteriormente completou a súa formación entre Murguía (Álava) e Madrid.

Pero tivo que volver a Galicia con 17 anos, cando a falta de comida da posguerra fixo que enfermara. Debeu volver á Limia xa coa ausencia do seu pai, que falecera cando Rivas tiña 14 anos.

Cando se repuxo da súa doenza, solicitou ir como misioneiro a India, formando parte dos proxectos que alí ten a Congregación dos Paúles. Non foi posible porque aínda estaba débil, polo que viaxou ó Reino Unido para aprender inglés nunha estancia que durou nove anos. Despois foi trasladado a Cuba en 1955, cando tiña 31 anos, ata que tivo que saír abruptamente en xuño de 1961 tralo triunfo da Revolución Cubana.

Aí foi cando volveu a España, previas paradas en Miami e Porto Rico. Asentou en Marín, exercendo como mestre na escola San Narciso durante 21 anos. Foi entón cando a súa vida cambiou. Xa con 45 anos decidiu matricularse na Universidade de Santiago de Compostela para estudar a disciplina á que era aficionado, a Filoloxía Románica.

Probou sobradamente a súa sabedoría coa súa tese doutoral, na que trataba a toponimia de Marín; e co seu libro “A Limia”, polo que recibiu o Premio Otero Pedrayo en 1980 e que recolle a historia e antropoloxía da comarca. Son só dúas obras da vasta produción que deixou tras de si. Tamén concibiu o Léxico Rural de Galicia, un compendio de 25 libros nos que estuda a etnografía e a vida diaria da comunidade.

Outro dos seus grandes méritos foi a súa ardua labor para recuperar a ruta xacobea do Camiño Mozárabe (tamén coñecida como Vía da Prata), froito do seu interese pola peregrinación, que profesou dende que en Inglaterra camiñou catrocentos quilómetros á basílica de Nosa Señora de Walsingham. Non en van, foi o primeiro presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago de Galicia, fundada en 1992.

A capela ardente estará instalada no Santuario dos Milagres, e abrirá hoxe a partir das seis da tarde. O funeral terá lugar no mesmo sitio na xornada do luns, sendo oficiado ás once da mañá. 

Te puede interesar