Oito técnicos de turismo darán a coñecer Ourense no estranxeiro

A Secretaría Xeral para o Turismo acaba de finalizar unha viaxe de familiarización para oito técnicos especializados en turismo á Ribeira Sacra e ás terras ourensás do Ribeiro
O obxectivo desta iniciativa é a de conseguir que este grupo de técnicos, que pasarán a partir do vindeiro setembro varios meses nas oficinas de turismo do estranxeiro, acaden unha formación práctica básica que lles permita desenvolver con soltura logo os seus coñecementos do sector turístico e estar familiarizados coa dinámica xeral do sector. As oficinas nas que desempeñarán o seu traballo como técnicos son as situadas na cidade de Nova York, París, Lisboa, Londres, Roma, Frankfurt, e dúas en Porto.

Ademais, esta acción persegue que os participantes nesta iniciativa promocionen e prescriban os destinos da Galicia interior que visitan, 'sempre cunha visión integradora e de complementariedade do destino', segundo explicaron desde Turismo. Ademais, preténdese potenciar as relacións interterritoriais entre os diferentes destinos turísticos de Galicia.



PERCORRIDO

Entre os lugares que visitaron os técnicos de turismo ao longo da pasada semana atópanse o Clube Naútico de Belesar a reitoral de Gundivós, os Canóns do Sil, o centro de interpretación de cerámica da Ribeira Sacra, o mosteiro de San Pedro de Rocas, o casco histórico de Ourense, os circuitos termais de Outariz, o Hotel-Monumento San Clodio ou a vila de Ribadavia. Durante o seu percorrido, tiveron ocasión de ver adegas e degustar os viños e a gastronomía típica ourensana.

Te puede interesar