Seis amigos practican en Ourense a vertente máis antiga da esgrima. Hoxe, estes mesmos, organizan as 'III Xornadas' desta técnica, a partir das 10.30 horas na Casa da Xuventude, con demostracións e obradoiros.

Os virtuosos das espadas

Coñecidas son as artes defensivas que os antigos orientais empregaban para se defender.
Tamén certa popularidade, pero máis na súa vertente deportiva, posúea a esgrima. Unha técnica coñecida como as artes marciais europeas que, ademais de competir nas Olimpiadas, ten en Ourense un grupo de seguidores que a practican na súa faciana máis antiga. Hoxe, domingo, ademais de demostrarlles ós ourensáns o virtuosismo que foron adquirindo tanto coa espada ropera como coa de man e media, realizarán ponencias e obradoiros para tódolos públicos. E farano durante todo o día co gallo das III Xornadas de Esgrima Antiga, na Casa da Xuventude a partir das 10.30 horas. Alí estará tamén o grupo 'Gastrafetes', que realizará exhibicións de tiro con ballesta.

Será hoxe cando o ensinen, pero o traballo arredor dunha arte con 'participación limitada' e con certo 'descoñecemento do que é en realidade' vai máis alá para os expertos ourensáns. Diego Conde, un dos integrantes e organizadores da iniciativa, explica que non só é un deporte, senón que tamén realizan investigacións arredor del. Os manuais de historia son parte dos seus libros de cabeceira e, tal é o seu grao de documentación, que teñen colaborado co Museo Arqueolóxico na catalogación dalgúns exemplares de espadas.

El, en concreto, descubriu a arte da esgrima de neno, 'moi de casualidade'. Practicou a vertente deportiva no instituto e na universidade, pero máis adainte, xuntouse cun grupo de amigos para estudiar o relacionado coa chamada esgrima antiga. Tódalas asociacións desta técnica en Galicia coordinan estudios conxuntamente arredor dos materiais e técnicas empregados hai séculos. De feito, as súas ferramentas de asalto son réplicas do século XVII, coñecidas por ser similares ás que empregaban os literarios mosqueteiros, aínda que requiren certa adaptación por motivos de seguridade.

Nun principio, cando comezou a xurdir a afición pola esgrima antiga, era complicado adquirir o material, 'non había', apunta Diego Conde. As espadas que se comercializaban eran coreanas, 'pero daban problemas porque podían ser perigosas'. Hoxe, debido á crecente demanda, é posible conseguir réplicas a través de internet.

Os coñecementos que adquiren, ademais de documentais son prácticos. 'Cando dominas a esgrima antiga, adquires soltura para desenvolver outras técnicas', asegura Diego Conde. Debido a iso, el e os seus compañeiros teñen realizado demostracións nalgunha festa medieval dunha esgrima máis escénica, 'parecida á das películas, con movementos vistosos'.

Te puede interesar