LOITA CONTRA AS DROGAS

O conselleiro de Sanidade non ve motivo para legalizar o comercio de cannabis

En 2016, preto de 1.500 pacientes foron atendidos polo Sergas por presentar problemas derivados do consumo do cannabis

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, avogou hoxe por ser "precavidos" ante os movementos que tratan de normalizar o consumo do cannabis e considerou que non hai "razóns sociais ou de saúde" que xustifiquen ou favorezan un comercio legal desta substancia.

Na inauguración do I Congreso internacional sobre cannabis e os seus derivados en Catoira, Almuíña preveu das "técnicas" de quen pretende favorecer esta legalización, "similares", dixo, ás que "durante anos utilizaron as empresas tabaqueiras".

Abundou en que do mesmo xeito que os promotores de produtos de tabaco, alcol ou xogos en liña, hai que ter en conta que aínda que os seus argumentos se revistan de "aparentes razóns altruístas ou liberadoras", a súa prioridade é "o propio enriquecemento, á conta da saúde dos consumidores".

Almuíña subliñou que tras estes movementos procannábicos "escóndense intereses económicos que buscan clientes cativos de procesos adictivos".

O conselleiro de Sanidade indicou que, do mesmo xeito que sucede con outras substancias psicoactivas cuxo consumo está "moi normalizado" e que son as que dan "maiores problemas" de saúde pública, hai unha "relación directa" entre tolerancia social, normalización do consumo e prevalencias de uso a idades temperás.

Aludiu á relación entre o consumo de cannabis a estas idades con algunhas alteracións no desenvolvemento do sistema nervioso central, o fracaso escolar e "outras anomalías".

Fixo fincapé en que o sistema de saúde pública non debe "sobrevalorar pero tampouco trivializar" o consumo de cannabis, que tamén asociou con episodios de psicoses, accidentes de tráfico e condutas sexuais de risco.

Sobre o uso terapéutico do cannabis, indicou que a prescrición dun fármaco é competencia exclusiva dos profesionais da saúde e calquera medicamento debe ser comercializado seguindo as canles de avaliación de eficacia e seguridade.

O conselleiro resaltou que máis do 35% da poboación galega de 15 a 65 anos recoñece consumir cannabis algunha vez na súa vida, e o 2,1% faino a diario.

Na poboación de 14 a 18 anos, a enquisa Etudes revela que un de cada sete adolescentes en Galicia recoñece consumir cannabis nos 30 días anteriores.

En 2016, preto de 1.500 pacientes foron atendidos polo Sergas por presentar problemas derivados do consumo do cannabis, como reaccións adversas graves, sobre todo psicoses, e crises esquizofrénicas. 

Te puede interesar