ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: miércoles, 16 de septiembre
A crónica desta historia tan singular como descoñecida comeza alá polo ano 1047 (hai -aí é nada- a frioleira de 974 anos) cando, morto o abade Aloito, na emerxente comunidade monacal de Celanova asoma a figura de Ariano, ó ser elixido en democrática votación como o sexto abade do mosteiro.
Segundo recollen diversos documentos do libro becerro de Celanova dos que bebe o cronista Benito de la Cueva seis séculos despois, logo de asumir a responsabilidade cenobítica, o Rei Fernando o Magno decidiu poñelo á fronte do goberno das cousas do reino de Galicia, nomeándoo Gobernador de todo o territorio galego e permitíndolle ademais, que a sede gubernamental galega se asentara en Celanova dende "donde despachaba los negozios que se ofrezían".
Velaí como durante un tempo que non está documentado, Celanova pasou a ser a capital oficiosa da Galicia daquela. Di o cronista que podería botar man de moitas escrituras custodiadas no arquivo monacal "para probar esta verdad", por máis que logo só faga referencia a dúas, dunha das cales extraemos nós a información que nos interesa.
Resulta que, correndo o ano 1061 un conde chamado Nuño Rodríguez e a súa tía, tamén condesa, Dona Adroacia, decidiron revelárense contra o Rei, que acabou por detelos e confiscarlles os seus bens, entre os que se atopaban "unas casas grandes y espaziosas en la ciudad de Santiago, cerca de la Yglesia mayor y cerca de las casas tenía unha heredad buena".
Así quedou recollido, a dicir do devandito cronista Benito de la Cueva, que o exhumou do documento número 59 do libro Tombo, datado o día 19 de setembro de 1061 e á marxe do cal aparece a inscrición "Hospital de Santiago".
Continúa o cronista indicando que "el Rey Don Fernando dio los bienes de estos rebeldes a diversos Monasterios e Yglesias y hospitales, y en esta ocasión dio a Celanova los Palazios de la Condesa Doña Adroacia, con su heredad para que los Monges de Celanova tengan posada quando fueren a Santiago y para que en los palazios se haga Hospital, donde los Monges de Celanova hospeden y abriguen a los pobres que ban a aquella Ciudad a visitar al Santo Apóstol".
E por se aínda non quedase claro, incide a crónica de Benito de la Cueva en que "el Abad Ariano dispuso estos palacios de la Condesa Doña Adroacia en forma de Hospital y puso Monges que se ocupasen en hospedar a pobres, regarlos y curarlos y perseveraron en este Santo exercicio hasta que los Reyes Cathólicos Don Fernando y Doña Ysabel ampliaron este Hospital con la liberalidad y grandeza que oy (1634) está".
"No es pequeña loa para Celanova -remata con grande orgullo, o autor da crónica referida- que sus Monges ayan sido hospitaleros desde estos tiempos y que ayan dado principio a un hospital tan principal coo el Real de Santiago". E, problemente por temor a non ser crido, aínda reforza argumentalmente o seu relato indicando que lle dan ocasión "para dezir esto, dos escrituras: una este Privilegio del Rey Don Fernando, otra es el inventario de los Monasterios sujetos a Celanova en el qual hallo un párrafo que dize: Item Caenodochium Compostelanum quod Rex Fernandus donavit".
Procurando outros autores que referendasen tan subxectiva información, encontro un documento sobre o arquivo do hospital dos Reis Católicos, de Jorge Parra que di que "coa chegada de Felipe II produciuse unha gran concentración hospitalaria", logo de que no ano 1486 a maxestosa parella real se acercase a Santiago para venerar as reliquias do apóstolo -segundo Ana Goy e outros investigadores- e ditaran carta de natureza para a construcción do gran edificio que veu substituir ó que durante tantos anos xestionaron os hospitaleiros de Celanova.
A longa historia do mosteiro de Celanova, contada sucesivamente por infinidade de cronistas e historiadores, dá fe doutras moitas propiedades das que o cenobio rosendiano gozou ó longo do tempo na episcopal cidade compostelana, a inmensa maioría delas por cesión real e que demostran a secular relación que Celanova mantén coa cidade do apóstolo, alén incluso da presenza na súa igrexa das reliquias dun dos sete discípulos xacobeos, como é San Torcuato.
Pola historia singular que leva emparellada, vexamos como, pasados uns anos, a comunidade celanovesa se fixo con outras propiedades na praza da Quintana.
Foi en tempos da infanta Elvira, filla do monarca Fernando I e irmá do que co tempo sería o todopoderoso Alfonso VI, e xa con outro abade, Pelayo, á fronte da comunidade abacial. Di así:
A infanta Elvira exercía naquel momento (1097) o cargo de gobernadora de Galicia e mantiña relacións con Pedro González, monxe que fora de Celanova e que acabou apostatando para deixar a vida cenobítica, se ben continuou devecendo por controlar o mosteiro e tódalas propiedades que del dependían.
Tanta influencia exerceu sobre a infanta que esta acabou viaxando a Celanova e facéndose co mosteiro, nomeou abade a Pedro González, que pronto comezou a exercer, retirando ós monxes das súas celas e nelas instalou "a las damas y criados de la Ynfanta, haciendo de la casa de Dios, casa de plazer.
Una noche Pedro González hizo gran fiesta a la Ynfanta, a sus damas y cavalleros, dioles una cena sumptuosa y después de ella siguieron música, danzas y saraos y a media noche todos se fueron a descansar". Os monxes, oprimidos, imploraron por San Rosendo "y al punto que se acabó la oración, milagrosamente Pedro González rebentó con gran ruydo y estruendo, que todas las damas y cavalleros se alborotaron".
A infanta rematou arrepentíndose e en compensación "le dio unos ricos palacios, muchas casas en la Quintana, con huertas y jardines, y casas de campo, unas dentro de la ciudad de Santiago y otras en los Arrabales".
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: miércoles, 16 de septiembre
UN DINOSAURIO SAURÓPODO
Hallazgo histórico al encontrar restos de huesos de un dinosaurio Diplodocus en Teruel
ANALIZAR LA FOTOSÍNTESIS
La Agencia Espacial Europea lanza el satélite FLEX para el monitoreo de la vegetación
ORÁCULO DAS BURGAS
Horóscopo del día: martes, 15 de septiembre
Lo último