CRÓNICAS DE AGORA E SEMPRE

“O Gorila español”, a forza e a beleza

Fotografía de Eugenio González cando andaba polos 28 anos.
photo_camera Fotografía de Eugenio González cando andaba polos 28 anos.
Non ten sido, a provincia, pródiga en canto a deportistas de noutrora que salientaran polo mundo. Velaí polo que cobra máis valor, se cabe, a figura do carballiñés Eugenio González -“O Gorila Español”- que chegou a ser campión de loita libre

Abonda con subir ata a frondosa carballeira que esconde a capela da Madanela, na parroquia carballiñesa de Santa Uxía de Lobás -hoxe inzada de muíños de vento no alto da serra- e contar os 95 nomes e apelidos que se reproducen na placa de mármore que se mantén chantada á fachada sur da igrexa dende o verán de 1952, para decatarse do grao de atracción que ó longo de varias décadas exerceu a cidade de Buenos Aires sobre o conxunto das aldeas e familias que compuñan ese enclave territorial das terras do Orcellón.

Non é de estrañar, pois, que un mozo nacido nunha desas aldeas -concretamente na de Trigás- e ó que lle comezaban a abrollar unhas portentosas condicións físicas a medida que a pubertade lle ía evolucionando cara un corpo adulto, sentira de contado a necesidade de abrir os horizontes máis alá dos vales que se deixaban contemplar dende a Madanela e que outros -veciños, amigos e familiares- decidiran abrazaren antes.

Así foi como, cando aínda non chegara ós 18 anos, aquel mozarrón que respondía ó nome de Eugenio e que era quen de levar os feixes de leña a pares e turraba dun carro ou dunha agrade coa mesma forza coa que o podía facer unha xugada, decidiu ollar tamén cara o mar e viaxar a Buenos Aires.

Loxicamente, tendo en conta a circunstancia de chegar a terra estraña pero cunha parroquia de coñecidos asentados na cosmopole, non debeu ter moitos problemas para atopar unha primeira ocupación laboral coa que gañar o pan.

Obviamente, o corpo non o podía ocultar, polo que as primeiras ofertas que lle chegaron foron como cargador, aínda que non durante moito tempo, xa que pronto un cazatalentos -a loita libre ou “catch as catch can” estaban de moda na América do Sur- lle fixo ver que podía ter un esplendoroso futuro dentro dos cuadriláteros.

E así foi. Se ós 18 anos botaba o día carretando mercadoría dun lado para o outro nunha barriada comercial bonaerense, en decembro de 1940, con tan só 21 anos, non só xa se dera a coñecer nos combates arxentinos co nome de “El Gorila español”, senón que xa fora quen de gañar o prestixioso campionato internacional de loita que se celebraba anualmente en Santiago de Chile e do cal se facía eco “El Nacional” en decembro do ano seguinte, dando conta do combate principal do campionato: “Finalmente subirán al cuadrilátero del Caupolican el campeón de 1940, “El Gorila español”, de 112 kilos y Tom Handley, de 148 kilos”.

Pero os afeccionados chilenos ó “catch”, a onda quen acudiu con regularidade durante catro ou cinco anos, non foron os únicos que tiveron o privilexio de gozar coas “chaves” e as evolucións estratéxicas do “Gorila español” polos seus rings.

Velaí están rexistradas en diversas hemerotecas referencias relativas ó seu paso por Montevideo, Lima ou Río de Janeiro, aínda que algunhas das máis contundentes no sentido de destacar a actividade de Eugenio González sobre a lona e a súa preponderancia respecto doutros competidores do panorama internacional pódese ler no xornal chileno de 1944 ó anunciar o combate que vai ter lugar entre dous loitadores que acababan de vencer ó fortachón de Trigás.

“(...) Hoy combatirán los dos hombres de mayor fuerza, potencia de golpes y vitalidad -di “La Nación”-, que gracias a sus recursos físicos lograron abatir al Gorila español, el mastodonte humano, que está clasificado como uno de los hombres más fuertes del mundo”.

Os competidores non eran outros ca “Francisco Marconi, el gran atleta del cuadro de honor del Madison Square Garden de Nueva York” e “El selvático y hercúleo atleta checo Tarzán Tivor Gordon”.

Dada a fulgurante traxectoria deportiva do carballiñés polas terras do Sur e coincidindo tamén cunha época de apoxeo da loita libre en Madrid e Barcelona, non había moito que agardar para que tivese lugar un regreso triunfal ó seu país, cunha primeira velada na praza de touros da Coruña o día 10 de setembro de 1949.

Con tal motivo o xornal “La Noche” pregúntalle polo seu menú ideal e o bo de Eugenio dille que con “una ensalada, una docena de huevos, tres kilos de carne asada, una docena de plátanos, un kilo de pan y medio litro de vino” abóndalle para quedar satisfeito, mentres o xornalista exclama: “¡Es mejor hacerse vegetariano!”.

A romaría da Madanela, a barba do “Gorila” e un combate benéfico que encheu Espiñedo

O libro “Carballiño en fotos” recolle esta instantánea do “Gorila” nos anos 40.
O libro “Carballiño en fotos” recolle esta instantánea do “Gorila” nos anos 40.

Conquistados os “altares” da loita libre de Madrid e Barcelona, o seu reencontro coa veciñanza de Lobás e co Carballiño aconteceu no segundo semestre de 1952. Dilo dá fe o audiovisual “Romería de la Magdalena”, que estudou e, xunto con Argimiro Marnotes, tratou de recuperar Miguel Anxo Fernández, así como unha crónica do ínclito xornalista de La Región, Julio V. Gimeno, asinada o 24 de setembro, na que non só describe os rigores da chegada á romaría “montañesa”, se non a sorpresa que lle supuxo descubrir a un personaxe tan “atractivo” como enigmático no medio do afervoado ambiente antropolóxico da festa e da solemne imposición do manto da virxe custeado polos emigrantes.

“Yo imaginaba que ‘El Gorila’ sería, como su nombre indica, de una fealdad espantosa, que recordaría al hombre de Neardenthal, pero fue todo lo contrario. De momento no vi más que una cabeza hermosa, con un rostro noble, enmarcado por una barba negra y rizada, una cabeza como debió ser la cabeza de Zeus. ¿Pero, quién había tenido tan mal gusto para bautizarlo de tal guisa?”, relata abraiado o cronista perante “un hombre que por su cabeza, su cuerpo y su apostura, recuerda más a los héroes de Homero que a un simio gigante del Congo”. Un home no que se centran os operadores do No-Do, que tiñan o encargo de gravar a romaría para os emigrantes de Argentina e que “hacían equilibrios sobre las ramas de los árboles para recoger la presencia de un Gullivert en el  país de Liliput”.

Pero, o que máis lle chama a atención a Vázquez Gimeno é a súa barba. “¿Y la barba? ¿Por qué lucha este hombre con barba? A mi, su barba me levanta dolor de cabeza y mientras emprendemos el regreso a Carballiño, sigo pensando en el misterio de la barba de este luchador y en que también los héroes de Homero estaban rodeados de misterio”.

Pasou a romaría e con Julio V. Gimeno esquecido da barba e do loitador, no mes de outubro Eugenio decide organizar un combate co seu competidor e amigo de xiras hispanoamericanas, Juanito Olaguíbel. A velada será para recadar fondos para o Asilo carballiñés. Recada mil pesetas e, polo que din aínda hoxe os que o poden contar, “nunca se viu tanta xente no campo de fútbol!

Ata que chegou outro arxentino e mandou xogar: Diego P. Simeone.

Te puede interesar