¡Buone visioni!

Trazando os confíns do mundo

O 10 de agosto de 1519, 239 mariñeiros zarparon desde Sevilla. Tres anos máis tarde, regresaron 18. Navegaron 14.460 leguas -case 70.000 kilómetros-. Deron a volta ao mundo. A expedición só buscaba un camiño diferente vía mar para chegar ás illas das especies e chegou demostrar que a terra era redonda, ademais de cambiar por sempre a historia da humanidade.

A expedición foi conducida por Fernando de Magallanes, un mariñeiro portugués que, para dar corpo a súa intuición, atopou o apoio na coroa de España. O seu era un presentimento forxado sobre uns mapas moi imprecisos: descubrir a existencia dun “paso”, que conectaba o océano Atlántico co Índico. Sabemos que Fernando de Magallanes non tiña esa certeza, pero foi grazas a esa ilusión, e ó entregarse a ela, que despois de múltiples intentos ao baleiro, conseguiu descubrir esa verdade permanente.

Agora chega a Amazon Prime Vídeo unha miniserie de ficción que rende homenaxe a esa longa expedición, comezada por Magallanes e levada finalmente a cabo por Juan Sebastián Elcano. Seis capítulos que resumen unha das máis grandes fazañas da historia mariñeira. Unha aventura incrible documentada no seu día polo italiano Antonio Pigafetta e relatada logo en numerosos libros e novelas, entre outras nas marabillosas obras de Laurence Bergreen e Stefan Zweig.

Sin límites, dirixida por Simon West, refunde sorprendentemente, e de forma bastante coherente, unha cantidade inmensa de material histórico e anécdotas nun puñado de capítulos, apoiándose nun casting logrado e nunha fotografía enxeñosa que consegue disimular con luz natural e néboas as restricións orzamentarias. No reparto de actores destacan os dous protagonistas Rodrigo Santoro no papel de Magallanes e Álvaro Morte no de Elcano –sen esquecer ó portugués Álvaro de Mezquita interpretado polo galego Xosé A. Touriñán-. A elección de recrear o universo lingüístico da época, sen dobrar a todas as personaxes nun único idioma, é outro mérito desta produción fronteiriza.

É difícil entender as críticas moi duras que a serie está a sumar nas redes, uns comentarios negativos que apareceron xa despois da emisión dos primeiros dous capítulos. Os principais reproches van máis aló da obra audiovisual. Dende a omisión de feitos máis o menos irrelevantes polo sentido global do conto –por isto existen outros formatos máis rigorosos de coñecemento como os ensaios escritos–, pasando polo decorado, ata chegar á forma coa que a serie debería abordar a “lenda negra”, que non é precisamente o argumento principal desta produción. 

Quizais era lexítimo non esperar moito dun director como West que na súa filmografía luciu profundas carencias tanto no cine de acción como no de aventura - Tomb Raider (2001) ou Gun Shy (2017), so por citar un par. Pero con Sin límites, West sorprende en positivo, cun produto honesto, cunha mirada madura que navega moi ben entre o entretemento e o documento histórico. Non estamos diante dun novo Master and Commander (2003) - a obra mariñeira firmada por Peter Weir- pero Sin límites sen dúbida merece ser vista.  Oxalá un día resulte tamén proveitosa, ata iluminante, para o público terraplanista.

Te puede interesar