A tradición dos zamarreiros da Mezquita abre o entroido ourensan

ENTROIDO TRADICIONAL

A localidade vive o segundo día da súa “Festa dos Reis” onde a unión é a principal protagonista

Os zamarreiros de A Mezquita inauguran o Entroido ourensán

A Mezquita viviu este venres un día inesquecible coa saída dos zamarreiros, figura central da Festa dos Reis, que marca o inicio simbólico do Entroido na provincia de Ourense. Ataviados cunhas coloridas máscaras e vestidos con traxes de esparto en tons marróns, os zamarreiros, acompañados polos tradicionais ramos decorados con froitas, roscos e flores, percorreron cada casa do municipio ao son da charanga Bandiños Band, enchendo as rúas de música, cor e alegría.

Este ano, a tradición viviu un momento histórico coa saída da primeira muller vestida de zamarreira. Paquita Estévez Diéguez decidiu dar este paso para render homenaxe ao seu irmán falecido, un dos impulsores da recuperación desta festa hai corenta anos. “Son zamarreira porque meu irmau foi sempre zamarreiro, el foi quen recuperou a festa fai corenta anos e eu quixen facer esto para dedicarlle a meu irmán” comentou emocionada, “vai por meu irmán”. A súa presenza como zamarreira supuxo un símbolo de cambio e de recoñecemento ao papel de todas as persoas, homes e mulleres, que coidan e transmiten o legado cultural da vila.

A primeira zamarreira marca un fito na festa dos Reis e conmemora o 40 aniversario da recuperación desta tradición no concello

Os zamarreiros, encargados de pedir o “aguinaldo” polas casas, recolleron contribucións de todo tipo: chourizos, viño, froitas, cartos e outros bens que servirán para continuar a festa. Xunto a eles, os vistosos ramos adornados presidiron o percorrido, evocando un tempo no que estas figuras tamén tiñan a misión de protexer as ofrendas dos curiosos ou pícaros que intentaban “roubalas”.

A Festa dos Reis, que continuará co “Día dos Invitados” e rematará co “Día da Parranda”, é moito máis ca unha celebración. É unha mostra de unidade veciñal, onde comidas, ceas e convivencia reforzan os lazos da comunidade. Cristina Clavería e Pablo Ballesteros, coroada Raíña e Rei deste 2025, xunto aos Virreis Yanet Nieves e José Villarino, lideran unha festa que mantén viva a identidade da Mezquita. Nesta xornada quedaron xa elexidos os reis do vindeiro 2027, xa que se elixen con dous anos de antelación co fin de asegurar a continuidade desta tradición.

O zamarreiro saíndo co aguinaldo dunha das casas.
O zamarreiro saíndo co aguinaldo dunha das casas.

Con tradicións que agora son compartidas por homes e mulleres, e coa figura de Paquita marcando un fito histórico como zamarreira, a Festa dos Reis segue demostrando que a cultura popular é un motor de orgullo, unidade e alegría para este recuncho do sureste ourensán.

Contenido patrocinado

stats