ENTREVISTA, 100 DíAS DE MANDATO MUNICIPAL

María González: “Foi unha sorpresa a situación de débeda que atopamos a nosa chegada ó Concello”

ella3_result
photo_camera María González Albert, alcaldesa de A Rúa.

Acadou a Alcaldía de A Rúa encabezando a candidatura do BNG como independente.

María González Albert acadou a Alcaldía de A Rúa encabezando a candidatura do BNG como independente. Un pacto co PSdeG-PSOE permitiu que ambas formacións sumasen os seis concelleiros que lles permitiron relegar á oposición ao PP, que obtivo cinco. Os dous partidos presentes no equipo de goberno repartíronse o mandato en dous periodos de dous anos. Onte, a alcaldesa insistiu na "sorpresa" que tivo cando soupo que dirixiría o Concello.

Fáganos un balance dos 100 primeiros días.
Tiñamos unha idea de como estaba o Concello pero non se correspondía de todo coa realidade. Foi unha sorpresa a situación económica na que estamos: a débeda e o déficit. Obríganos a facer un programa económico financieiro que vai condicionar toda a lexislatura. Temos un problema económico que rixe sobre todo o demais, mais non queremos eliminar ningún servizo. Os que damos son básicos. O déficit nolo mandan subsanar no ano que ven. Falaremos co Ministerio. Creo que saldar 400.000 euros nun ano é imposible. Xa so co gasto corrente, de persoal e servizos básicos non da. Non hai de onde recortar. Temos un orzamento de 2,8 millons. Máis aló, estou moi contenta cos empregados do Concello. Foi unha grata sorpresa. So temos unha adicación exclusiva e hai moito traballo.

Como leva saber que nun prazo de dous anos deixará a Alcaldía, pase o que pase?
Todos os mandatos teñen un prazo. É máis corto, é certo, mais foi o que pactamos. Eu non partía coa idea de ser alcaldesa. Foi unha sorpresa ter a posibilidade, aínda que sexa por pouco tempo, de sentar as bases para mudar algúns funcionamentos que atopamos: servizos que se estaban a facer sen contrato ou tarefas que se fan por costume, entre outros.  Hai que adaptar o Concello aos requerimentos que ten hoxe. Sentar as bases dun gasto con criterio, que non sexa ao tolo. Quero marchar de aquí coa conciencia tranquila de ter feito o que se pode.

Hai roces co PSOE, no seno do equipo de goberno? Como van facer na campaña das vindeiras eleccións?
Cada un fará a campaña coa súa organización política, entendo eu. As relacións son perfectas. Aínda non convocamos a comisión de seguemento do pacto nin hai visos de que se vaia convocar.

E co PP, como son as súas relacións?
Coido que está facendo unha oposición mala. Non sei se é porque todavía non se atoparon no posto. Estanse equivocando e indo a casos anecdóticos, como o da retirada da bandeira do despacho da Alcaldía. Cos problemas que ten este concello e coa de cousas que, segurísimo, temos para que nos critiquen irse a eso! Despois, amosan certas actitudes demagóxicas. O portavoz, que ven de ser alcalde durante catro anos e sabe como funciona o Concello, está a facer unha política que eu non faría.

Cal foi o servizo que peor atopou?
Na miña percepción persoal doi o traballo social. Está deixado da man de Deus. As instalacións das traballadoras sociais non son dignas. Os usuarios son sensibles. Non pode ser que a xente estea nun pasillo agardando. Que non haxa sala de espera, nin intimidade, que as traballadoras estean nunha oficina que se está caíndo e que as dúas non poidan traballar á vez porque se unha atende a un usuario non pode estar a outra. Estaba absolutamente abandoado e é unha prioridade. Encargamos un proxecto para renovar as instalacións e darlle importancia. Ao meu modo de ver é o servizo que peor estaba, e non polas traballadoras. Todo  o contrario, porque se desatendeu.

Na rúa escoitase que o PP non segue na Alcaldía pola corta de árbores. BNG e PSOE a denunciaron e agora resulta que hai que eliminar os do Aguillón. Como o explican?
Hai que arrancalos e sen ningún arrepentemento da denuncia. Cando queres facer unha corta tes que informarte e saber que árbores están mal. De feito agora, cando veu a xente de Medio Rural, dixeron que retiramos as árbores sanas e deixamos as podres. Están caíndo! Hai moitas secas e non van ter rendemento económico. A ver como o xestionamos. A árbore que caiu cerca do refuxio estaba podre por dentro. A madeira que tiña uso se regalou e agora nos atopamos cunha superficie en mal estado sanitario. Se fas unha tala sin encomendarte a ninguén, sin que ningúen diga as árbores que están mal, cales tes que retirar e cales non, é o que pasa.

A empresa madereira fixo o que fixo porque ninguén lle dixo cales tiña que cortar. Antes, hai que ir a Medio Rural, encargar un informe sanitario, falar coa Confederación Hidrográfica, facer un proxecto de replantación e explicalo. Se substitúen por outro bosque máis axeitado. Lles afectou moito, igual que a voda nas piscinas. Non o feito en si, senón a actitude. Nós, no Concello facemos o que queremos. Fago unha voda nas piscinas e retiro as árbores porque podo. Esta era a sensación, de que o Concello era para catro amigos.

Como están os proxectos do acceso á N-120 e o abastecemento?
O acceso á N-120 mal, no sentido de que viña orzamentado nos Presupostos do Estado de 2015, uns 700.00 euros, e volve no orzamento do 2016. Non se vai executar este ano e veremos no que ven. É unha cousa que introducen nos orzamentos ano tras ano e que tanto o grupo parlamentario do PSOE como o do BNG pelexarán para que se execute. Respecto a obra de abastecemento, haberá que empezar a activar a segunda fase, mais dixeron que non hai diñeiro. O PP ten que replantexarse a oposición que fai, de botar pedras contra A Rúa. Intentar que se tiren para atrás aportacións que ían chegar ao Concello. En canto ao do río Mao, é moi necesario. por duas razóns: a cantidade de auga e a calidade.

Te puede interesar