O Carrabouxo: “Os xogos de palabras son os chistes máis graciosos”

photo_camera Xosé Lois González, “O Carrabouxo”. (ÓSCAR PINAL)
O humorista gráfico “O Carrabouxo” firma hoxe na Coruña a súa última escolma de viñetas

Xosé Lois González “O Carrabouxo” estará hoxe firmando a súa última escolma, “Carrabouxos escollidos”, no certame “Viñetas desde o Atlántico”, na caseta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración na Coruña. A diferenza das outras escolmas do Carrabouxo, caracterizadas todas elas por abranguer un período concreto, nesta o denominador común son as viñetas que participaron na exposición “Nadal de Carrabouxos”, na que as viñetas ampliadas se amosaban nos escaparates comerciais do centro de Ourense no Nadal de 2019.

“Esta exposición é completamente transversal, sen atender a ningún criterio temporal, coas viñetas que participaran naquel certame de Nadal, co gallo de que a cultura e o comercio fixesen iniciativas comúns”, explica Xosé Lois. “É unha selección de viñetas de tódalas etapas do Carrabouxo, que o ano que vén cumplirá 40 anos. A diferenza principal é o enfoque transversal”, aclara.

Precisamente esta transversalidade convirte esta escolma nunha das máis representativas sobre este personaxe, aínda que con algún matiz. “A xente que fixo a recompilación tivo unha certa tendencia localista con respecto a Ourense, pero polo demais, si. Neste libro hai chistes políticos, apolíticos, humor branco, costumismo…”, expón, aínda que todos estes chistes se poden extrapolar aos demais puntos de Galicia. “Todo o que pase en Ourense é extrapolable ao resto do país, menos os chistes sobre o mar que non temos”, rise Xosé Lois.

Humor gráfico en Galicia

Sobre a situación da ilustración e do humor gráfico en Galicia, afirma ser “un dos poucos privilexiados que podemos publicar a diario no país”.  Ademais tamén explica que en Galicia xa se tratou varias veces impulsar unha publicación periódica humorística na que a ilustración fose protagonista, “pero nunca se deu mantido, non sabemos por que”. “Non creo que fose porque o humor era malo, simplemente non houbo apoio”, recorda. Así, fixo un repaso sobre as diferentes publicacións humorísticas galegas, como “Can sen dono” ou “Retranca” e reflexionou sobre o pouco éxito desas publicacións nun país onde a retranca e o humor gráfico están moi presentes na cultura popular. Enxalza a figura de Castelao, “que antes de ser famoso como político, xa era un humorista gráfico moi reputado”.

Do humor gráfico, González fixo fincapé nos xogos de palabras, un recurso recorrente nos seus chistes. “Os chistes que máis gracia fan son os xogos de palabras”, sentencia. “Ademais, cos xogos de palabras pódense facer chistes de todo tipo”, recalca.

Publicar todos os días é “unha sorte, pero tamén unha responsabilidade e unha carga de traballo importante. Levo 39 anos soamente co Carrabouxo, ademais doutros proxectos, e tódolos días supón un traballo enorme”. Con todo, recalca que “mentres a acollida siga sendo igual ca sempre, todo ese esforzo vale a pena”. Sobre o seu método, asegura non facer “nada especial”, pero si “son moi riguroso á hora de escoller os titulares de varios xornais, aínda que se pode ser de La Región mellor, porque así a viñeta retroaliméntase do xornal”.

Viñetas desde o Atlántico

Este certame leva celebrándose na Coruña cada mes de agosto dende 1998. Durante a semana do festival, a cidade vístese de cómic e contáxiase do espírito da historieta. O catálogo da feira conta con exposicións, artistas invitados, charlas e conferencias que pretenden dar unha visión ampla sobre a banda deseñada a nivel internacional. 

Te puede interesar