AUDIOVISUAL

Xociviga 2016 homenaxeará á primeira película feita en Galicia

As Xornadas de Cine e Video de Galicia “Xociviga 2016” comezarán no Carballiño na noite do 25 de xullo cunha proxección histórica.

As Xornadas de Cine e Video de Galicia “Xociviga 2016” comezarán no Carballiño na noite do 25 de xullo cunha proxección histórica. Trátase do primeiro filme de ficción galego, “Miss Ledyia”, do que se acaba de cumprir o centenario da súa estrea. A proxección realizarase na Praza Maior e irá acompañada da interpretación en directo de diversos temas, a modo de banda sonora, pola Agrupación Musical da Limia. 

Antes da proxección, esta banda de música ofrecerá un concerto de bandas sonoras de coñecidas películas. 

'Miss Ledyia', de José Gil, estreouse o 3 de marzo de 1916 no cine Principal de Pontevedra, e conta as peripecias de Miss Ledyia, sobriña do multimillonario Míster Kazton, ambos de viaxe por Galicia, que rematará atrancando os plans do anarquista Ruskin de atentar contra dos reis de Suavia, de estadía de incógnito no Gran Balneario da illa de A Toxa.

A película ten unha duración duns 20 minutos e, como feito anecdótico, no reparto de actores figura Castelao. Foi filmada nos arredores de Pontevedra e no balneario da Illa da Toxa.

COLABORACIÓNS

Para esta proxección, o Concello do Carballiño, organizador das Xociviga, conta coa colaboración da Deputación Provincial, que considerou de relevancia esta homenaxe das Xociviga ao cine galego, así como do CGAI e AGADIC, que a cederon para o festival.

'Miss Ledyia' non será a única película que se proxecte ao aire libre nas Xociviga2016, pois ao día seguinte, o 26 de xullo, haberá outra proxección de cine galego na Praza Maior, formando parte dunha programación, que pronto se fará pública, e que ofrecerá varias estreas ata o 30 do mesmo mes de xullo, en que rematará esta nova edición desta xornadas de cine.

Te puede interesar