A loita do médico rural a través de José María Lage e o Museo de Maceda

Traspasar as portas do Museo do Médico Rural en Maceda é transportarse a outra época. Unha época na que a medicina tiña unhos medios que moito distan do que hoxe en día coñecemos. E no rural, esa medicina significaba moito máis. Máis alá do instrumental, estaba a persoa, o carácter humanitario para que todos os veciños puidesen ter atención sanitaria, o contacto directo con eles facía que acabasen convertidos en amigos e confesores, a falta de medios para chegar a cada recuncho dunha Galicia a través de corredoiras e con moitos pobos sen electrificar… E toda esa historia e ese material aparece recollido nese Museo, pioneiro a nivel nacional, para darlle o valor que merece a labor do médico rural. E todo grazas á iniciativa de José Manuel Lage, médico xubilado de Maceda que segue traballando para que este espazo sexa un referente para toda a poboación e non nos esquezamos dunha parte do noso pasado máis recente.

Publicado: 13 ago 2023 - 07:00 Actualizado: 13 ago 2023 - 08:25

José María Lage nos desvela la historia de los médicos rurales

No 2019 abriu o Museo do Médico Rural en Maceda, pero antes de adentrarnos nel é imprescindible falar da súa traxectoria profesional e persoal vínculada á medicina e o rural. Fálenos desa temperá vocación súa cara a rama sanitaria.

Dende rapaz quixen ser médico e podo estar orgulloso de habelo conseguido. Tras cursar os meus estudios estiven destinado en San Xoán de Río antes de decidir a miña especialidade. Alí tiven a oportunidade de coñecer a esencia da verdadeira medicina rural e namorei tanto dela que tiven claro que eso era o que quería para o meu futuro. Así que ao rematar a miña formación como Médico de Familia como MIR nas Baleares e no Juan Canalejo da Coruña, así o fixen. De feito, a miña foi a primeira promoción. Ao rematar, sen dubidalo, e cunha praza vacante, solicitei vir para a miña terra, Maceda, onde pasei máis de 40 anos atendendo a pacientes.

Pacientes que no rural sempre se converten en algo máis.

A cercanía fai que haxa unha maior entrega e unha relación máis estreita cos pacientes. Os médicos do rural éramos veciños, amigos, confesores, psicólogos…

Durante os anos en activo xa tiña en mente a apertura deste espazo?

Sempre quixen deixar un legado para que as xeracións vindeiras visen como era o traballo dos médicos no rural. Foi ao redor do 2016 cando comecei a poñelo en marcha, e, tras agardar a que o espazo se valeirase, xa que era unha gardería, tocou ir distribuindo os espazos e colocando obxetos e paneis informativos. Aínda que sempre tiven claro que este era un paso previo a outro proxecto merecedor, penso eu, de todo o que recolle o museo.

Un proxecto? Pode desvelárnolo?

A través da Fundación do Museo do Médico Rural, declarada pola Xunta de Interese Cultural, adquirimos un edificio no centro de Maceda que cedemos ao consistorio para adecualo e facer realidade un Centro Cultural. Alí colocaremos nunha primeira planta todo o material xa exposto neste museo, ao que lle sumaremos todo o que temos gardado nun almacén por falta de sitio. Ese edificio pretende ser un espazo cultural cun auditorio aberto a que todos os veciños e visitantes sexan partícipes da cultura.

Traspasando as portas do Museo, que se atopa o visitante?

Recolle pezas e retais da historia dos médicos rurais desde principios de século ata o ano 1990, momento no que se crean os centros de saúde e desaparece a figura do médico rural tal e como viña definido no tempo. Consta de dez salas temáticas con máis de 2.000 obxetos que van dende mobiliario, aparatoloxía de Raios X, vitrinas con instrumental, a zona de botica, biblioteca… Nesta gran colección teño incluso tres aparellos que foron os primeiros en empregarse en Ourense: un de Raios X portátil de 1930 que se levaba nun pesado maletín; un electrocardiógrafo de 1960, e un ecógrafo de 1970, que foi empregado por produtoras do audiovisual para algunhas películas. Outra das xoias que acolle son os tarros e frascos cos productos químicos cos que se preparaban os medicamentos mediante fórmulas maxistrais. Médicos e boticarios tiñan unha estreita relación de traballo, ademais da súa importancia social.

Como conseguiu todos estes obxetos?

Foi todo doado con moito cariño dende diferentes puntos de España. Levo máis anos recompilando todo tipo de material médico que os que exercín a medicina. Pero o máis importante é que detrás de cada peza hai unha persoa, unha historia. E ese é o verdadeiro valor de todo o museo.

E todo cun fin…

O de comprender un pouco mellor como foi a evolución desta profesión, e, sobre todo, o traballo dos médicos rurais. Para mín unhos héroes. Date conta que, mesmo cando eu cheguei, había moitos pobos sen electrificar, aos que había que chegar por medio de corredoiras, deixar o coche e seguir andando ata onde te agardaban cun candil de carburo, trasladar aos pacientes nos mesmos colchóns das súas camas ata o vehículo… E xa se imos máis atrás é case impensable o que facían. Sen medios, sen vacinas, sen antibióticos que eran productos de contrabando. Traballaban 24 horas ao día, sete días á semana. Cobraban o que se chamaba a iguala, unha catidade anual, ou en especies, con productos do campo, nunhos tempos nos que a economía de autosuficiencia facía que moitas familias non puidesen pagar. E aí primaba o carácter humanitario dos profesionais da medicina. Despois chegou o Insalud, o precedente estatal ao Sergas, co que se estableceu un cupo e o médico cobraba según o número de cartillas que tiña asignadas.

Ten moitas visitas? Que lle din?

Ten pasado polo museo alumnos de educación primaria, de institutos e de universidades, asociacións médicas de toda España, centros culturales, sociedades médicas, médicos de Alemania e Portugal…

Supoño que moitas das urxencias se convertían tamén en auténticas aventuras cheas de anécdotas. Algunha que recorde especialmente?

A de atender a unha parturenta nun caso difícil. Cando naceu o meniño non lles cobrei, tan só pedín que lle puxeran o meu nome. Unhos 25 anos despois fixen coa miña familia unha parada nun restaurante de Trives. Notei que o trato cara mín era especial e á hora de pagar a conta non quixeron cobrarme. O motivo? O rapaz que nos atendía era José Manuel, aquel o que eu axudara a nacer.

Esa é tan só unha das que nos podemos encontrar no seu libro “Retazos de la vida de un médico rural”.

Libro que por certo xa vai pola segunda edición. Un orgullo para mín. Tamén durante a pandemia en Maceda tivemos un programa de radio, Fiadeiro 2020, no que ademais de dar consellos de saúde achegaba aos ouvintes algunhas das anécdotas vividas.

Co Museo tamén fan exposicións itinerantes.

Xa estivemos en Andalucía, Castela e León e Aragón e seguiremos durante un par de anos por diferentes puntos de España. Levamos paneis audiovisuais e vitrinas con algún obxetos para que descubran este Museo. Tamén imos levar unha mostra que fixemos nas rúas de Vilanova dos Infantes durante Raigame por diferentes puntos de Galicia. Temos asistido

a congresos, e, en breve asistiremos a un de Ingienería Hospitalaria onde cunha charla apoiaremos a medicina rural e a investigación accesible para os médicos que exercen no rural.

E reciben premios…

Recibimos si (sorriso). O da Real Academia Galega de Medicina de Galicia, o Rodolfo Prada da Deputación e o Fonte Limpa que entrega a Asociación de Médicos de Galicia, Asomega.

E incluso fan colaboracións.

Temos unha grande relación coa Escola Rural de Saúde de Xinzo, coa iniciativa “Ourensividad” que pretende adoptar medidas para un envellecemento activo e que aglutina a profesionais de diferentes disciplinas, médicos, farmacéuticos, nutricionistas, profesores e asociacións, cunha experimentada traxectoria na promoción de saúde no medio rural, con Auria Diabética… entre outras.

Maceda ten un tesouro con este Museo.

É un espazo pioneiro e xa teño recibido chamadas para trasladalo a outros puntos, pero para mín ten sentido que esté aquí, no rural. Onde exercín tantos anos e onde hai unha fonda tradición desde hai máis de cen anos ata mín: todos os médicos eran de Maceda.

Tamén ten un tesouro con vostede.

Non muller! Para mín o máis satisfatorio é que veña a xente e coñeza a importancia que tiveron os médicos rurais. O valores humanitarios, vocacionais, de calide humana que eles tiñan nunhos tempos que vivimosactualmente nos que os valores son escasos. Con que sexan conscientes delo é suficiente para que todo o esforzo non quede en vano.

Contenido patrocinado

stats