LEGADO PATRIMONIAL
Grou defende a súa memoria
LEGADO PATRIMONIAL
Aresistencia rural atopou no sur de Ourense un baluarte. Grou (Lobios) non é un punto máis no mapa xeográfico, senón unha parroquia composta por vinte e cinco lugares que se nega a deixar esmorecer a súa valiosa historia. O despoboamento que baleira aos poucos as aldeas galegas choca de fronte neste recuncho fronteirizo cun firme muro de orgullo veciñal, construído sobre os lazos da súa xente e as súas tradicións. Esta esencia convérteo no protagonista do novo libro “Grou. A cultura do millo”, unha coidada obra editada por Edicións Picós e asinada polo investigador Carlos Méndez Míguez e o fotógrafo Pedro Puig de Llano.
A orixe deste proxecto editorial afunde as súas raíces no interese por divulgar o patrimonio material e inmaterial da comarca. Lonxe dos personalismos, a iniciativa concibiuse dende o primeiro momento como un empeño conxunto para dar voz á comunidade. “O libro é un traballo coral”, defende o propio Carlos Méndez, cedendo o mérito á veciñanza. O investigador mantén unha conexión indisoluble co territorio da Baixa Limia, que marcou o inicio da súa traxectoria vital. “Grou para min significa un alento de mocidade. A primeira profesión miña foi mestre e o primeiro destino foi no concello de Lobios, nunha parroquia que lle chaman Compostela. E vivía en Aceredo,q ue está actualmente asolagado”, recorda Méndez.
A planta sagrada do millo definiu historicamente non só a paisaxe, senón tamén o modelo de traballo e o xeito de vivir de toda a parroquia. A obra debulla polo miúdo cada fase deste proceso agrícola, complementando o rigor etnográfico coas impecables capturas visuais. Dende Edicións Picós perciben a vitalidade de Grou como un síntoma de esperanza para o noso rural. Antonio López, voceiro da editorial, reflexiona sobre este incansable pulo sinalando que “é unha parroquia que sofre os males da Galiza baleirada moi común en todo interior, pero nótanse rebrotes, sobre todo culturais”.
Para pechar o círculo e devolverlle ao pobo o seu valioso legado, a presentación fuxiu dos salóns académicos para desprazarse directamente á orixe. O volume presentouse no centro cívico situado no adro da igrexa de Grou, rodeado de toda a súa veciñanza nunha xornada de verdadeira confraternidade.
O acto concibiuse para integrarse no calendario da comunidade e garantir a afluencia masiva de todo o pobo xunto cos seus autores, xa que, como ben detalla o propio Antonio López, “iso coincide que a sesión vermú do día primeiro das festas grandes de San Mamede”. Deste xeito, entre o son da celebración, a compaña dos presentes e a imperecedoira memoria da súa terra, Grou volveu demostrar que a súa cultura segue tan vizosa coma as colleitas dos seus devanceiros.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
LEGADO PATRIMONIAL
Grou defende a súa memoria
PREVENCIÓN DE INCENDIOS
Alcaldes de Baixa Limia se arman contra el fuego
ROBOS EN 1 VIVIENDA Y 3 PUNTOS LIMPIOS
Penas mínimas por el “tour” de la chatarra en la Baixa Limia
IMPULSO AL EMPLEO LOCAL
Muíños y Lobios activan empleo del sector servicios
Lo último