POLIDEPORTIVO MUNICIPAL
Bande estrena cubierta sobre su pista de pádel
Obituario
Avisoume Xulio Couxil, un dos membros máis significados da Asociación Cultural Galega “Rosalía de Castro”, de Cornellá de Llobregat, non lonxe de Barcelona. José Lamela compartía con el e media ducia de amigos un programa na radio daquela cidade dende a que facer patria para tantos miles de galegos como viven aló dende tempos case inmemoriais. A nova alcanzoume cunha forza espantosa: "Vaia por Deus, que desgusto máis grande", acertei a dicir, aguilloado por unha fondísima dor. Pouca xente me tratou nesta vida con tanto respecto e consideración como o fixo José Lamela; e ben sei que o mesmo cariño e admiración lle profesaba a todos os que el consideraba “bos e xenerosos”, a todos os que el entendía traballaban por Galicia sen esperar nada a cambio máis que ver a súa terra pequena progresar.
Pepe Lamela foi merecente de ser elixido alcalde polo seu pobo, aló nas terras baixas do Val do Limia, incrustado entre as espidas penedías do seu querido Xurés. Pero Lamela foi sobre todo un curioso, un estudoso e un amante do seu pequeno e marabilloso universo centrado no lugar de Padrendo. Por iso José se enrrabechaba cos incendios e cos encoros que amataban as forzas da natureza; por iso me defendeu a min e ao parque natural durante tantos anos; por iso o último que aparece escrito na súa páxina do facebook é o requiem de Miguel Torga “por todos os días afogados”; por iso profesaba unha grandísima devoción pola Virxe do Xurés que de seguro vela por el igual que nós velaremos pola súa memoria; e por iso eu escribín no ano 2000 como prólogo ao seu precioso libro “El Xurés y sus misterios” o seguinte: “Fora en Riocaldo, hai uns doce anos, pola noitiña, no tramo de estrada sombría que delimita o bar e o río. Acercárase a min un home rexo, sereno, de forte complexión e voz potente e caudalosa; e comezou a falarme con inmenso apaixonamento daquela terra, da serra, da cabra montesa extinta, da Virxe do Xurés, da Santa Eufemia, dos romanos da Vía Nova, cunha fe inquebrantable no necesario espertar das súas xentes, do pobo, o seu, por centurias minorado, illado, perdido na fondal dun val esquecido durante innumerables anos. Ese era José Lamela Bautista...”
Non sabes a dor tan grande que sinto de que non poidas ver o libro que estou a preparar na Deputación sobre o parque natural do Xurés, e onde ti ocupas, por suposto, un lugar preferente. Que a terra, que tanto admiraches e que con tanta forza defendiches, che sexa leve, querido amigo.
Insobornábel no amor a súa terra
Finou Xosé Lamela Bautista. A vida non lle foi moi xenerosa nestes últimos anos, de loitas con enfermidades familiares e propias, e levóunolo ós 73 anos, cando máis precisados estamos de xente coma el na nosa erma, cultural e solidariamente, bisbarra da Baixa Limia.
Moitos viñemos a coñecer a Xosé Lamela coincidindo co seu retorno da emigración no ano 2007, que o levou a ser alcalde de Lobios, nun período (2007-2011) no que, ademais dos seus intentos por modernizar o Concello cando a crise comezaba a despuntar e pouco lle deixou facer, tropezou co de sempre, o “sistema establecido”. Non por iso se deixou levar, e a pesar do abandono e soidade en que o deixaron, os outros e moitos dos seus, deunos a coñecer unha persoa moralmente insubornábel no amor a súa terra e os seus principios, e renunciou a unha probablemente mellor vida política e económica, que lle chegaran a ofrecer, denunciando publicamente ese xeito de facer política mercando cargos e vontades.
Pero Xosé foi moito máis que alcalde, foi o emigrante que nunca esqueceu o seu berce, e alongou Galicia, e particularmente a “raia” e a Baixa Limia, pero sobre todo as terras do Xurés máis aló dos seus lindeiros.
Dende a súa faceta de director e presentador, e despois colaborador, do programa “Sempre en Galicia” de Radio Cornellá, ata hoxe, sempre se preocupou de falar e tamén convidar, á xente da Baixa Limia, para que falaran tanto da historia e a beleza natural como das inquedanzas e frustracións desta bisbarra que levaba e lle doía, a partes iguais, no fundo do seu corazón.
Tamén foi o noso Xosé investigador e escritor, que reflitiu nos seus libros o inmenso apaixonamento polo “Xurés e os seus misterios”, e como non, pola “ A Virxe”, coma, sen máis títulos é coñecida a Patroa destas terras erguidas que dan nome o Parque Natural. Esta faceta literaria e de investigación histórica levouno a colaborarar en múltiples revistas e xornais, españois e portugueses, e ser recoñecido como membro de xurados de premios literarios ou, no ano 2015, coma “xuíz honorario” do Couto Mixto.
Pero de todas as múltiples facetas de Xosé, nós quedariámonos coa da persoa solidaria, sempre disposta a colaborar e participar en toda asociación que promovera, defendera ou difundira os valores históricos e naturais, así coma o progreso social e económico da Baixa Limia. É así como Xosé Lamela foi membro da nosa Plabali, asistindo e participando nos seus actos e xuntanzas, aínda en momentos que a enfermidade pretendía negarlle ese dereito, dándonos exemplo de que sempre que se queira non hai barreira que impida loitar por aquilo que merece a pena.
Fóisenos Xosé, que a súa entrega sen desmaio para difundir os valores da Baixa Limia e a súa loita pola mellora das condicións sociais e económicas, nos sirva de exemplo, e nestes días de tristura que nos impiden despedir o amigo como realmente se merecía, que o séu permanente recordo sexa a guía que nos ilumine para continuar a súa loita.
Xosé, en certo xeito, ti tamén morriches do mal dos bos e xenerosos, de amor a Terra. Que a terra que te vai agarimar no teu Padrendo natal, nese Val do Río Caldo, fronte os montes do teu Xurés e a capela da “Virxe”, che sexa leve, amigo.
Plataforma para o desenvolvemento social, económico e natural sostible da Baixa Limia (Plabali)
Contenido patrocinado
También te puede interesar
POLIDEPORTIVO MUNICIPAL
Bande estrena cubierta sobre su pista de pádel
PARQUE NATURAL DE PENEDA-GERÉS
Drama en Lindoso: un bombero herido en un virulento incendio que llega ya a las casas