A mestra de San Xes e o zulo de Rodeiro

Crónicas de agora e sempre

En Melgaço hai un espazo denominado “Memoria e fronteira” que estes días ten como protagonista a unha mestra de Lobeira que en xullo de 1936 tivo que fuxir e deu co mellor da condición humana na humildade solidaria de Castro Laboreiro

Eudosia xunto co seu pai Agustin e súa nai, Basilisa, en Casablanca (1942).
Eudosia xunto co seu pai Agustin e súa nai, Basilisa, en Casablanca (1942).

Posiblemente se conten por milleiros as historias -unhas coñecidas e anónimas as máis delas- que tiveron lugar no ámbito propicio da Raia Seca, non só nos anos da guerra, senón tamén nos do medo e do silencio que agora a historiografía ten ido sacando á luz na súa xusta dimensión para ben da xustiza histórica e da necesidade que temos os seres humanos de coñecelas para non vérmonos no risco de repetilas.

Eudosia Lorenzo Diz era unha moza nacida na tranquilidade das veigas de Fradalvite (Lobeira) no seo dunha familia, digamos que acomodada, cunha nai dedicada á atención das terras de labor e do gando que había na casa e dun pai que gañaba a vida polas congostras da Baixa Limia ofrecéndolle á veciñanza os servizos de capador, albeite e sanador das doenzas dos animais nestas afastadas terras, amén de animador das festas e romaríás,como clarinetista da banda de música de Grou.

Nacida en 1917, as inquedanzas escolares de Eudosia levárona primeiro ó instituto de Ourense e posteriormente á Escola Normal, onde se formou como mestra baixo os postulados -entre outros- da Institución Libre de Enseñanza, así como da asociación de traballadores do ensino de Ourense (Ateo), o que lle valeu para que, cando os tempos se tornaron treboentos, fose acusada de ser activista da república.

Isto, unido á relación que daquela mantiña con outro mestre, orixinario tamén de Lobeira e sobriño do secretario de Calvo Sotelo, Salgado Biempica, pero cunha ideoloxía bastante afastada dos calvosotelistas, ó que se lle sumaron os ciumes amosados por un funcionario municipal que devecía por uns amores non correspondidos, serviron de caldo de cultivo para que, xunto cos problemas propios nos que se viu envolto seu pai, ó que lle chegaron a reclamar os requetes da comarca a entrega de nada máis e nada menos ca 50 mil pesetas da época, decidisen fuxir do casal de Sabariz o día 20 de xullo de 1936, tan pronto o Coronel Soto asinou o famoso bando de adhesión da provincia de Ourense ó bando dos exaltados.

Segundo relata a propia Eudosia nun escrito publicado polo antropólogo Xavier Fernández no traballo, “Magisterio en la frontera (1936/39)”, o estado de alerta familiar acedeuse definitivamente no momento no que seu pai leu a carta na que lle pedían que esa mesma noite entregase as 50 mil pesetas.

“Cuando mi padre leyó esa carta nos llamó a todos, nos dijo preparad una mochila cada uno con la ropa indispensable y un cubierto y nos marchamos para Portugal, pues esta guerra no va a durar más de dos o tres meses y yo no voy a dar dinero a esos asesinos para hacer daño a la gente”.

Así comezan as venturas e desventuras do núcleo familiar de Eudosia, que acabaría levándoa a Castro Laboreiro, logo a Lisboa, a Casablanca, a Marsella, a Grenoble e a París, e de París á lonxana illa de Reunión (océano Ïndico), na compaña de seu fillo Paul, onde falecería no ano 2004.

Pero, como isto é historia xa publicada, quero deter o relato na estadía en Castro Laboreiro, dous anos nos durante os que os Lorenzo Diz viviron o valor da solidariedade fronte á crueldade atroz da persecución, tal e como -confundiro- relata o xefe de posto do Peso (Melgaço) no informe que lle remite o superior da policía salazarista de Lisboa, logo de proceder á súa detención, o 17 demaio de 1938:

“No Rodeiro, lugar que me foi indicado como certo o paradoiro de Eudosia e dos seus pais, foime ben difícil chegar ó resultado obtido. Tiña a información de que estarían refuxiados nunha mina no río ou na casa de Domingos Rodrigues en Rodeiro, nun escondrixo preto dunha lareira. Fixen retirar dun canto da lareira uns enormes atados de urces e un pesadísimo banco asentado sobre un chan de laxas. Ó pedir un ferro para ver se había algun oco, fun sorprendido co levantamento lento dunha das laxas e unhas voces pedindo clemencia. Alí estaban, como sepultados nun túmulo, cubertos de palla, Agustín, Basilisa e Eudosia, que foron saíndo por un orificio relativamente pequeno (un zulo de hoxe), deixando ver nos seus rostros trazos de grande sufrimento”

Unha sociedade “salvaxe” cunha “invulgar astucia” para saber agachar ós refuxiados

Casa de Rodeiro na que estiveron agachados Eudosia e seus pais ata 1938.
Casa de Rodeiro na que estiveron agachados Eudosia e seus pais ata 1938.

“Vivencias na raia em tempos de guerra” é o título da exposición na que se reflicten as peripecias que lles tocou vivir ós Lorenzo Diz na súa estadía nas “brandas e inverneiras” de Castro Laboreiro, onde Eudosia, para lles agradecer a hospitalidade ós veciños das aldeas que lles deron acubillo, dáballes aulas ás crianzas castrexas.

Disto fanse eco os “gardinhas”, conscientes das dificultades ás que se teñen que enfrontar para conseguir descubrir onde son agachados os “fuxidos espanhois” polos propios veciños “castrejos”.

Neste sentido resulta revelador un informe asinado polo xefe do posto de Melgaço, João G. da Cunha, unha semana antes da detención de Eudosia e os seus pais, no cal asegura que “no Rodeiro, traxecto que tiven que efectuar durante toda a noite para non ser presentido, e a onde cheguei ó romper da mañá, non me foi posible deter a Eudosia e seus pais ó se teren ausentado na víspera para un local que os castrexos denominan inverneiras, en virtude das últimas batidas levadas a cabo pola Garda Fiscal.

Procedendo á busca por todas as casas deste lugar, verifiquei que na súa maior parte eran refuxios de españois, pois os seus donos non sabían explciar a existencia de camas que nas residencias ou nos palleiros se encontraban en número superior ás persoas que nelas residían.

Nunha destas casas, na que a propietaria aseguraba ter estado ausente varios meses, fun encontrar unhas catro camas con roupas remexidas, o que indicaba unha retirada precipitada. Entre outros papeis encontrei a fotografía de Eudosia e de seu pai, Agustín e outros retratos de españois refuxiados.

Estaba, pois, dentro do seu refuxio, pero ó interrogar ós veciños, ninguén ofreceu unha soa pista para a súa captura, xa que como é coñecido, este pobo da serra, que aínda conserva costumes bastante salvaxes, están dotados dunha invulgar astucia, preferindo a prisión e as maiores torturas a denunciar o paradeiro dos españois refuxiados.

Así tórnase difícil -quéixase o gardiña- a captura de grande número de refuxiados que aínda hoxe se encontran na serra e que ó máis leve aviso de aproximación da Policía ou da Garda Fiscal, desertan dos lugares onde se encontran, para se esconderen entre os rochedos”.

Vaia, entón, na súa memoria, esta crónica de homenaxe a todos cantos lles teñen dado refuxio a tódalas Eudosias da terra.

Contenido patrocinado

stats