OBITUARIO | Jose Antonio González, 'Toño do Val': aldeán cesteiro

Obituario

Plácido Romero Bernardo
Publicado: 05 dic 2020 - 09:56 Actualizado: 06 dic 2020 - 09:08
Toño do Val, con uno de sus trabajos. (Foto: Martiño Pinal)
Toño do Val, con uno de sus trabajos. (Foto: Martiño Pinal)

José Antonio González Fernández gustaba de que o cualificaran como “aldeán cesteiro”. Dentro do seu compromiso vital coa conservación da natureza e da loita contra o seu progresivo e veloz deterioro, o aldeán tradicional, aseguraba, ocupa un posto imprescindible: mellora o medio porque planta árbores, constrúe co que ten a man e produce alimentos ecolóxicos. Ademais tería outras implicacións de tipo social como a axuda mutua, o traballo e a organización colectiva e a transmisión oral do coñecemento.

Considerábase cesteiro, non so no sentido de practicar unha ocupación secundaria e complementaria da actividade agrícola, senón da categoría que lle outorgaba o dominio da complexa técnica da costela ou madeira fendida e das ferramentas precisas para tal labor. Algo que non estaba ó alcance de todos. Por enriba Toño dominaba todas as técnicas e materiais do noroeste peninsular porque tiña a inquietude da investigación e da sabedoría. Recolectaba pezas por onde se atopara que logo analizaba, reparaba ou reproducía, para incluílas na indubidablemente mellor colección de todo o territorio. Era un pracer escoitalo explicando calquera delas coas informacións que conseguía e as deducións que extraía non so sobre a súa utilidade senón do seu papel social, económico, xeográfico, a súa orixe, as influencias, etc.

Empecei a tratalo con asiduidade e amizade cara finais dos anos 80. Daquela, a película Tasio, de Montxo Armendáriz, espertara en min un forte interese pola súa novidade na formulación do mundo rural, pola súa lírica e pola súa honestidade. Volvín a repetir a experiencia varias veces. A última foi onte pola noite impulsado polo sentimento de melancolía que me producira o pasamento de Toño e quizais para reafirmar, unha vez máis, que a decisión súa de vivir no monte non foi unha excentricidade.

E alí estaba Tasio para confirmar esa analoxía vital de dúas persoas honestas que cren profundamente na interacción humana e a integración do home coa natureza. Nese escenario existen normas non escritas: non hai que esquilmar para conservar, as relacións humanas aséntanse no respecto mutuo, rexéitase o traballo asalariado porque da lugar ó abuso, son preferibles as penalidades á inxustiza, Tasio e Toño preferiron vivir no monte con tal de salvagardar a súa liberdade. Son homes que por nada do mundo queren deixar atrás a vida que mamaron desde pequenos. Esa vida rural onde teñen que traballar arreo para poder sobrevivir co mínimo e onde a sinxeleza non está en contradición coa felicidade. E todo nun mundo hostil onde so prima o valor adquisitivo e o consumo inconscente e desbocado. Isto fai ós dous personaxes moi particulares, pero moi parecidos na súa maneira de vivir o mundo.

E nestes momentos de tolemia e desesperación pandémica, esta filosofía de vida que puido provocar a súa ridiculización e o seu menosprezo, empeza a demostrar que a supervivencia da nosa especie pasa por recuperar estes valores que inxustamente provocaron a burla de quen o practicou con valentía e clarividencia. Non o esquezamos. Este é o maior legado co que nos agasalla José Antonio González Fernández.

Contenido patrocinado

stats