O mel do Larouco celebrou a súa primeira feira en Baltar

APICULTURA

“Para ser o primeiro ano que empezamos, moi animada, moi variada, a verdade é que estivo espectacular”

A cata de produtos elaborados con mel do larouco.
A cata de produtos elaborados con mel do larouco. | Alán Pérez

O pavillón de deportes de Baltar acolleu este sábado a primeira edición da Feira do Mel da Serra do Larouco. O evento superou as expectativas, consolidando a importancia da apicultura na contorna da bisbarra. Produtores, veciños e visitantes congregáronse para poñer en valor o produto local nunha xornada marcada pola innovación gastronómica e a tradición.

A feira contou con 14 postos nos que os apicultores locais ofreceron os seus produtos. Alejandro Cuquejo, produtor de Baltar con “máis de 150 colmeas”, amosouse moi satisfeito coa acollida: “Para ser o primeiro ano que empezamos, moi animada, moi variada, a verdade é que estivo espectacular”.

Pola súa banda, Isidoro Fernández, apicultor da Boullosa, destacou as características do mel da zona: “Aquí predomina máis floracións de carballo, algo de castiñeiro, e temos silva e un pouco de uz, o que produce un mel de montaña, que é un pouquiño máis forte no sabor, pero a cor e a textura é moi semellante”. Isidoro tamén sinalou o interese crecente polo sector: “Cada vez hai máis interese polo mel, a xente se anima a mercar sobre todo o mel de apicultores locais, que lles gusta mirar sobre todo por un produto que se sabe que é natural”.

Cristina Núñez, veciña de Covelas que xestiona xunto a súa parella sobre unhas 600 colmeas como a súa actividade económica principal, aplaudiu o evento: “Aquí hai moito apicultor da zona... é unha novidade, espero que a xente a tome ben, que veñan e que esta iniciativa dure moitos anos”. A apicultora tamén aproveitou para alertar sobre o problema dos incendios forestais, unha situación que cualificou de “descontrolada”, subliñando a enorme importancia de manter o monte limpo.

A gastronomía tivo un papel protagonista co showcooking dirixido polo cociñeiro Xosé Lorenzo Cuquejo, que demostrou a versatilidade do mel en pratos tanto doces coma salgados. A degustación incluíu propostas con ingredientes 100% locais, como a “carne guisada cun puré de pataca, que lle engadimos tamén mel para facela un pouquiño máis doce, cun pouquiño de mostaza”, e como postre, “unha mousse de chocolate branco con arandos e un pouquiño de mel”.

Esta primeira edición senta as bases para converter a Feira do Mel da Serra do Larouco nunha cita ineludible, demostrando que a combinación de produtos de calidade, innovación culinaria e orgullo polo territorio é a fórmula “do éxito” para dinamizar o rural.

Contenido patrocinado

stats