Antes de que as voces calen: a memoria resiste en Barbadás

PROXECTO EN CURSO

Pablo Martínez e Bea Fernández impulsan un proxecto de recolleita de cantigas, fotografías e lembranzas para reconstruír o pasado sonoro do Concello antes de que sexa demasiado tarde

Pablo Martínez y Bea López
Pablo Martínez y Bea López | Xesús Fariñas

No interior do Museo da Gaita de Fole de Barbadás non só se exhiben instrumentos nin se explica a evolución histórica deste instrumento desde a Idade Media ata a actualidade. O espazo converteuse tamén nun centro activo de investigación e recuperación da memoria oral do concello. Pablo Martínez e Bea Fernández, responsables do mesmo, puxeron en marcha un proxecto ambicioso: recompilar, conservar e difundir as cantigas, refráns, fotografías, partituras e lembranzas musicais que aínda sobreviven na memoria dos veciños de Barbadás.

A idea xorde dunha constatación sorprendente. “Hai moita tradición musical, pero sobre todo de banda”, explican. O concello foi historicamente berce de músicos que tocaron en formacións de núcleos como Sobrado ou Bentraces. Porén, cando se trata de música tradicional -coplas, cantos de taberna, pandeiretas ou grupos de gaiteiros- a pegada documental é mínima. “Non hai case nada recollido”, lamentan.

O proxecto comezou a tomar forma no último trimestre do pasado ano, aínda que non foi ata xaneiro cando iniciaron as entrevistas. Ata agora falaron con catro ou cinco persoas, pero cada encontro abre novas liñas de investigación. “Segundo vas indo, abres un melón e despois outro”, resume Martínez. A transmisión foi oral, doméstica, e o tempo xoga en contra, algunhas das persoas ás que ían entrevistar faleceron antes de poder rexistrar as súas cancións e vivencias. “Canto máis tempo pase, será peor”, subliña López.

Entre os descubrimentos máis relevantes ata o momento destaca a localización dunha antiga agrupación tradicional na zona de Piñor, datada arredor de finais do século XIX, a chamada A Banda da Pipileira. Non figura en rexistros oficiais nin en estudos previos de ningún tipo. “Foi un descubrimento grandísimo e aínda temos moito que tirar de aí”, celebran.

O paradoxo é evidente. Existe un museo dedicado á gaita nun territorio onde, segundo van constatando, a práctica tradicional non foi tan abundante como noutras zonas da provincia. A explicación é histórica e social. A proximidade coa cidade de Ourense favoreceu o desenvolvemento de bandas e formacións académicas, mentres que a tradición oral quedou nun segundo plano. Mesmo a lingua condicionaba: “Dicían que non se podía cantar en galego”, lembran, o que explica a presenza de moito repertorio en castelán fronte á escaseza de coplas populares recollidas.

O traballo de campo é paciente e humano. Funciona, sobre todo, a través do boca a boca. Hai que adaptarse aos ritmos da xente maior, ás súas citas médicas, ás súas reticencias iniciais. Non todos queren participar, pero moitos acaban abrindo a porta e, con ela, unha memoria sorprendente. Relatan o caso dunha muller que apenas lembraba o nome do seu fillo, pero era capaz de cantar completas as cancións da súa mocidade e mesmo bailar unha muiñeira. “A música está interiorizada doutra maneira”, reflexiona López.

A investigación non se limita ás cantigas. O equipo pretende dixitalizar fotografías antigas, partituras esquecidas en caixóns, instrumentos gardados como recordo e todo tipo de material vinculado á cultura musical do concello. A idea é editar un primeiro volume co recollido ata o momento e, posteriormente, continuar ampliando a colección.

Entre as curiosidades que van emerxendo destaca a proliferación de rancheras en parroquias como Sobrado ou xa entrando na zona de Cartelle. Non saben aínda con certeza a orixe, pero apuntan á emigración como posible explicación. Moitas familias da zona tiveron vínculos con América ou mesmo as Illas Filipinas, e esas idas e voltas deixaron pegada tamén no repertorio musical. “Hai moita xente que canta rancheras de antes”, comentan, sorprendidos pola frecuencia con que aparecen estas melodías a diferencia que outras do imaxinario popular clásico.

Mais o proxecto de recolleita segue aberto. Ambos continúan a buscar de maneira activa persoas que conserven cancións, fotografías ou lembranzas relacionadas coa música de Barbadás. Fan un chamamento explícito á veciñanza para que colabore antes de que sexa demasiado tarde. Quen queira achegar información pode poñerse en contacto co equipo a través do correo electrónico, museodagaita@barbadas.gal.

Porque, detrás de cada copla gardada na memoria dun maior ou dunha foto esquecida nun caixón, latexa unha parte da historia colectiva. E aínda que o tempo corra na súa contra, entre o esquecemento e as cousas que desaparecen pouco a pouco están escribindo algúns dos relatos esquecidos de Barbadas. Porque a historia están nas cousas pequenas e aínda están a tempo de salvala. 

Contenido patrocinado

stats