Mercedes Peón: "A música tradicional morre nas aldeas igual que morre a lingua"

ENTREVISTA

Mercedes Peón, unha das voces máis singulares da música galega, actuará este xoves en Barbadás a partir das 21,00 horas acompañada de Ana Fernández e Mónica de Nut no Parque dos Patos da Valenzá,

Mónica de Nut, Ana Fernández e Mercedes Peón
Mónica de Nut, Ana Fernández e Mercedes Peón

Mercedes Peón (Oza dos Ríos, 1967), unha das voces máis singulares da música galega, actuará este xoves en Barbadás a partir das 21,00 horas acompañada de Ana Fernández e Mónica de Nut no Parque dos Patos da Valenzá, dentro da programación do Verán Cultural.

Pregunta. Como observa o auxe da música tradicional entre a xente nova?

Respuesta. A música tradicional é a que se creou colectivamente, de xeración en xeración, nas aldeas, no que gosto de chamar microhábitat. Esa pegada transmitiuse desde os grupos folclóricos e creáronse escolas potentísimas, pero non creo que goce agora dunha enorme visibilidade. Tivo momentos moito mellores, como nos anos 90. Agora morre nas aldeas como morre a lingua. Aínda así, hai resistencia nos seráns, nese transo colectivo de tocar, bailar e participar en comunidade, e tamén nunha xeración que mestura esas formas coas tendencias globais. É precioso ver que esa beleza aínda latexa.

P. Preocúpalle que a música de raíz acabe sendo unha moda?

R. Non me preocupa que convivan diferentes formas de achegarse a esta música. O que me dá xenreira é que desaparezan a lingua e un xeito diferente de ver o mundo. Que se perdan ferramentas como a música e a danza, que nos fan máis libres. Defínome como “autora de autoestima cultural” porque parto do amor e do coñecemento profundo da creación colectiva dos microhábitats. Fixen centos de melodías que non saíron de ningunha aldea, pero existen grazas a elas. No meu mundo, o galego, as tocadoras e a composición están normalizados. Cando se precisa unha validación externa, é galegofobia.

P. Falouse durante anos das pandeireteiras como mulleres que conservaron e transmitiron patrimonio. Debemos reivindicalas tamén como creadoras?

R. Elas eran e son as músicas, as transmisoras da palabra, as regueifeiras e as artistas. Dicir que conservaron e transmitiron é certo e é potentísimo, pero hai que colocar tamén o foco nelas como compositoras e letristas. A modernidade afastou as mulleres da idea de creación: transmitimos, pero non creamos.

P. Que supuxo o recoñecemento ás cantareiras nas Letras Galegas de 2025?

R. A Real Academia Galega ten moitísima repercusión e ese recoñecemento é moi importante para toda unha cosmovisión propia. Pero hai que lembrar tamén o traballo previo de colectivos como A Sega, que dez anos antes homenaxeou a Dorothé Schubarth. Non lle quero quitar mérito á RAG, pero hai que poñer luz no traballo que se fai alén das institucións.

P. Hoxe mesturar electrónica e música tradicional resulta habitual. Cando vostede comezou causaba incomprensión?

R. Eu sempre me sentín superquerida, nacional e internacionalmente. Si que causou sorpresa polo novidoso. Ás veces penso que son afortunada por ser referente e por terme podido gañar a vida deste xeito, sendo coherente desde o político e desde a investigación sonora.

P. No seu último disco “Déixaas” conviven pandeiretas, electrónica e sons dos estaleiros. Por que unha pandeireta se recoñece como patrimonio e o ruído industrial non necesariamente?

R. Todo é contextual. “Déixaas” é un disco complicado e non pretende ser de fácil recoñecemento. É unha metáfora da modernidade e de como conviven capas que non se recoñecen entre si. Deixarme sorprender polos sons da construción dun portaavións e pola xenerosidade dos traballadores de Navantia levou a unha produción única.

P. Despois de tantos anos investigando e creando, cambiou algunha das súas ideas sobre a cultura galega?

R. Non. Pero insisto en que eu non fago tradición.

P. Se unha rapaza de vinte anos colle hoxe unha pandeireta por primeira vez, que lle gustaría que entendese?

R. Gustaríame que experimentase esa liberdade, o transo e a sororidade en comunidade. Tocar para que outras bailen e despois saír ti a bailar. Iso deséxollo a todo o mundo, para non perder unha linguaxe única que pode seguir transmitíndose

Contenido patrocinado

stats