Dúas obras sobre a memoria gañan o Antón Losada Diéguez
ELEXIDAS POR MAIORÍA
O XLI Premio Antón Losada Diéguez recoñece dúas obras que recuperan a memoria de Vigo e Conxo con perspectiva social, histórica e literaria
O Xurado do XLI Premio Antón Losada Diéguez deliberou este sábado e emitiu o fallo da presente edición na Casa do Concello de Boborás. As gañadoras do certame foron elixidas por maioría; as súas obras abordan a memoria de dous pobos, Vigo e Conxo.
Cynthia Menéndez non se dedica formalmente á escritura. Traballa nunha libraría, pero escribe cada noite ao chegar a casa, especialmente poesía, e desenvolveu a súa traxectoria na escena underground neste ámbito durante moitos anos. O seu impulso lírico combinouse coa súa vontade de facer literatura obreira con voz poética e deu forma a “Son coma glaciares os barcos de aceiro”, obra gañadora da modalidade de Creación Literaria do certame e que o xurado destacou polo seu “alento lírico” e a súa forma “esteticamente innovadora” de abordar a privatización do sector naval en Vigo a finais dos anos noventa.
Na modalidade de Ensaio e Investigación resultou gañadora a obra “As tolas que non o eran. Mulleres no manicomio de Conxo (1885-1936)”, da investigadora de Baio, Carmen V. Valiña. O seu traballo, escrito en clave de memoria, aborda a situación de mulleres internas no manicomio de Conxo desde a súa apertura ata a Guerra Civil. O xurado valorouna pola adopción dun estilo “próximo á narrativa de ficción”, combinado coa “análise crítica do arquivo” para tratar cuestións como a maternidade ou a violencia machista.
Unha grata sorpresa
Nin Menéndez nin Valiña se esperaban os resultados do certame. Menéndez atopábase en Irlanda coa súa familia cando recibiu a chamada: “Descoñecía que o certame era hoxe e a emoción foi súper grande”, sinala. Valiña tamén se mostra moi satisfeita ao ver que o libro tivo repercusión non só entre o público, senón tamén no ámbito da crítica institucional. “Contactoume a alcaldesa de Boborás, Patricia Torres, que foi a miña compañeira da Facultade de Xornalismo, e gañar foi toda unha sorpresa”, engade.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
CAÍDA DE UN PINO
Estabilizado un nuevo incendio en Boborás, el cuarto de este verano
SE RECLAMAN MEDIDAS URGENTES
Un incendio junto a las vías del tren en Boborás vuelve a poner el foco en la infraestructura ferroviaria
INVESTIGAN SI LO ORIGINÓ UN TREN
Un incendio forestal en Boborás obliga a cortar la línea ferroviaria Santiago-Ourense
Lo último