PEDRAS DUN OUTEIRO
O Castelo da Piconha, un enclave sobre a pedra
PEDRAS DUN OUTEIRO
O Castelo da Piconha foi un enclave portugués no territorio galego que estivo activo dende o século XII ata preto do século XVII. Situado no Concello de Calvos de Randín, o castelo, construído aproveitando a pedra dun outeiro alto dende o que se ve todo o territorio, servía para que os habitantes portugueses das aldeas mixtas -que forman o Couto Mixto-, foran pagar os seus impostos e tributos ao rei de Portugal.
Breogán Arqueoloxía é o grupo encargado dos traballos de escavación no castelo, que logo de séculos de abandono, vai ensinando os seus segredos a contagotas. Juan Manuel Galiña Lorenzo é o director científico da intervención, a cal aproveita para a súa tese doutoral que atende á idade media no val do Salas; mentres que Eduardo Breogán Nieto é o director da intervención en campo.
Os arqueólogos explicaron que as primeiras intervencións no terreo foron no ano 2020: nesa data limpouse e desbrozouse todo o outeiro e fíxose un rexistro tridimensional con dron, para observar a topografía do enclave. Tamén aproveitaron para limpar algunhas pedras que tiñan entalles e marcas que lles permitiron facer un primeiro mapeo do monte e obter a planta completa do Castelo da Piconha, a cal poideron comparar cos planos de Duarte D’Armas, un documento do século XVI que recolle, a petición do rei Manuel I de Portugal, o estado dos castelos da raia fronteiriza. “É un documento excepcional do que obtemos datos precisos”, apuntou Galiña.
Ese mesmo ano fíxose unha segunda intervención, na que identificaron a porta do castelo -na foto- e o patio de armas, ademais de atopar os primeiros restos: puntas de ballesta, osos dos restos da comida e cerámicas. Entre 2022 e 2023 fíxose outra intervención na estrutura que afloraba na ladeira e que descubriu a esquina da muralla exterior, ademais de insinuar outras estruturas interiores.
A campaña deste ano comezou a principios de novembro, promovida polo Concello de Calvos de Randín con financiamento da Dirección Xeral de Patrimonio. Os arqueólogos centraron os seus esforzos na parte da muralla que xa comezaran a escavar, o que lles permitiu documentar a continuidade de muralla e identificar un posible torreón na muralla interior -a primitiva-.
A localización conta con diferentes taboleiros de xogos da época gravados na propia pedra, ademais de varias inscricións compartidas con outros puntos da contorna. Así, os arqueólogos contan como nestes derradeiros traballos apareceron cerámicas e tellas “que escapan a cronoloxía actual do castelo”, apuntando que, nunha hipótese inicial pode ser que neste emprazamento houbese algo anterior.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último