Luis G. Tosar: "Temos que estar moi orgullosos por ese rasgo de ourensanía"

ENTREVISTA

A Fundación Insua dos Poetas incorpora aos xóvenes nas súas actividades e para elo contará coa axuda de Alexandre Corbillón

Publicado: 07 sep 2024 - 03:10
Luis González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas (Foto: Archivo).
Luis González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas (Foto: Archivo).

Luis González Tosar preside a Fundación Insua dos Poetas, que nas súas actividades sempre tivo espazo para os xóvenes. Agora queren ir máis alá e incorporan a Alexandre Corbillón, ao que se refire o escritor como un poeta que continúa a tradición dos grandes autores de Celanova.

Por que a Fundación Insua dos Poetas decidiu incorporar ós mozos?

A mocidade é o futuro en todos os ámbitos, é a que ten que tomar o relevo e por iso escollemos a un xoven poeta con gran talento literario que seguro que desenvolverá un gran traballo aportando ideas novas que son esenciais, unha voz de actualidade moi persoal no eido literario como é Alexandre Corbillón, un poeta que continúa esa tradición dos grandes poetas de Celanova.

A fundación xa traballa ao longo do ano en actividades nas que implica aos xóvenes?

Efectivamente, unha das funcións principais é a de ser un espazo didáctico, onde os escolares poidan aprender ao aire libre e que poidan relacionarse a través das artes plásticas da pintura e escultura cos grandes escritores galegos, fundamentalmente de Ourense. Alexandre Corbillón ten unha linguaxe propia, un estilo marcado pola ourensanía. Temos que estar moi orgullosos por ese rasgo que nos distingue e que nos proxecta no mundo. Temos que recuperar ese valor literario que marcaron os grandes escritores, sobre todo a Xeración Nós, que marcou un antes e un despois na literatura. Teñen que ser os guieiros, os que nos permitan transmitir ós máis novos esa mensaxe.

Se poidesen mirar, como verían eses grandes escritores a cultura hoxe en Ourense?

Estarían moi disgustados polo pouco apoio, pola pouca visión cultural de certos políticos, por exemplo o alcalde da cidade, que é un individuo que non ten sensibilidade de ningún tipo. Atrévese a pechar museos, négalle ós músicos espazos para que poidan crear, e esas actitudes molestarían moito a Vicente Risco que foi gran colaborador desta casa, igual que Otero Pedrayo no formato de opinión no xornal. Pero hoxe serían homes moi actualizados, moi vinculados directamente con Europa sin pasar por Madrid porque tiñan unha visión global e dialogaban directamente con Europa. Hai que recuperar ese diálogo para que Ourense volva a ser ese espazo de Galicia do que hai que seguir falando. Un gran escritor quedou fascinado a primeira vez que estivo en Ourense e dixo que esta é unha cidade literaria, que se non existira, habería que imaxinala.n

Contenido patrocinado

stats