A XVI Festa da Palabra premia ó grupo Avantar

ENCUENTRO

No encontro da Insua dos Poetas haberá música, agasallos e xantar

A celebración da Festa da Palabra, na Insua dos Poetas, no pasado 2023.
A celebración da Festa da Palabra, na Insua dos Poetas, no pasado 2023.

A Insua dos Poetas do Carballiño acollerá o próximo 20 de xullo a décimo sexta edición da Festa da Palabra, un evento emblemático que celebra a riqueza da lingua galega e que este ano honra a figura literaria de Xosé Luis Méndez Ferrín. A partir das 11,30 horas, este enclave natural será o punto de encontro para amantes da literatura, arte e música.

A Fundación Insua dos Poetas otorga premios en cada nova edición e en distintas modalidades. Nesta ocasión, dentro do ámbito local, resultaron premiados a Agrupación Cultural Avantar, que recibe o recoñecemento pola Promoción da Cultura Galega na comarca, e tamén Badal Novas, a televisión local, na modalidade de Comunicación.

Ademais do premio de Creación Literaria para Méndez Ferrín, foron seleccionados en Artes Plásticas, Mercedes Gallego Esperanza; Música, Lucía Pérez; en Cultura Galega na Emigración, Alberto López Barros; e en Acción Social, a Federación Autismo-Galicia. Todos os premiados recibirán unha peza orixinal do escultor Acisclo Manzano.

Tamén se contará coa actuación musical do grupo de Parada do Sil, Os Bregadiers e o desvelamento da escultura “Espiral”, unha peza orixinal do escultor Alberto Fernández, que simboliza a creatividade e a diversidade cultural do país. Como parte do programa, haberá un xantar de irmandade na carballeira da Insua dos Poetas, onde se entregarán os prestixiosos premios da cultura galega. Os asistentes recibirán como agasallo o libro coa antoloxía poética de Méndez Ferrín e unha cunca conmemorativa. Ao remate do acto e amenizando o xantar, actuará o histórico grupo Ourensán, Queixume dos Pinos.

“Non existe en toda Galicia un espazo destas características no que a literatura e as artes plásticas dialoguen e se integren na natureza”, sinala o presidente da fundación, Luis González Tosar, referíndose á Insua dos Poetas. Engade que “a Festa da Palabra, que xurdiu hai 16 anos sempre dedicada a autores das nosas letras en lingua galega, é unha das actividades que se desenvolven ó longo do ano. Desde que me xubilei, en 2006, traballo todos os días para desenvolver e ampliar este proxecto, en beneficio do noso idioma e cultura”.

Contenido patrocinado

stats