25 anos sen o mestre Mateo

CARTAS AL DIRECTOR

Publicado: 14 feb 2026 - 03:10
Cartas al director en La Región.
Cartas al director en La Región. | La Región

Sepáranos xa un cuarto de século daquel día no que o Cisneros amenceu triste, asolagado nunha fonda tristura que se instalou nas aulas. Chegaba a terrible nova do pasamento de Manuel Mateo, o noso querido “Mestre Mateo”.

O centro ao que dedicara toda a súa vida profesional quedou orfo. Xa non se escoitarían os seus firmes pasos polos corredores nin as súas frases correctoras cando eran precisas; mais o que máis se ía botar en falta eran aquelas palabras de ánimo e de apoio, un consello dado a tempo ou aquela maneira súa de facer sentir valioso a quen máis o precisaba.

Mateo non foi só un profesor exemplar; foi, sobre todo, un educador no sentido máis fondo da palabra. Cría na escola como lugar de encontro, de respecto e de esperanza, e transmitía ao seu alumnado algo que vai máis alá dos contidos académicos: a curiosidade polo mundo, a dignidade do esforzo e a importancia de ser boas persoas. A súa aula era un espazo de escoita, de paciencia e tamén de sorriso, porque sabía que ensinar sen humanidade é unha tarefa incompleta.

Co paso dos anos, moitos dos seus alumnos e alumnas seguen lembrando aquel profesor que levaba a gala ser mestre dentro e fóra das aulas, aquel que os marcou converténdoos en homes e mulleres de ben. Esa é, probablemente, a súa verdadeira herdanza: unha pegada silenciosa pero profunda que continúa presente nas vidas de quen pasaron polas súas mans.

Nun tempo no que a educación afronta novos desafíos, convén mirar cara atrás e recoñecer figuras como a de Mateo, que entenderon o ensino como un compromiso coa sociedade e co futuro.

A mellor homenaxe que podemos renderlle é seguir defendendo esa mesma paixón por educar.

“A memoria é o agradecemento do corazón” (Lao Tsé)

Colexio Cardenal Cisneros (Ourense)

Contenido patrocinado

stats