As bonitas de Sande levaron o seu Entroido ata México

VIAXE INTERNACIONAL

Dezaseis representantes da festa provincial participaron no Festival de Máscaras Danzantes

As bonitas de Sande representaron o Entroido galego en México.
As bonitas de Sande representaron o Entroido galego en México. | A.C. BONITAS DE SANDE

Tras unha semana en México, os 16 representantes da A.C. Entroido as Bonitas de Sande xa están de regreso en terras galegas logo de representar ao Entroido de Sande, ao concello de Cartelle, pero tamén representantes galegos e nacionais no Festival de Máscaras Danzantes que se levou a cabo en Orizaba, Veracruz, México.

Os representantes definen como “unha experiencia única”, que desfrutaron acompañados polo Oso e a Vaca -unha representación de avutarda e o Meco-, e na que amosaron a súa tradición, cultura, lingua e música ante milleiros de persoas chegadas de todo Suramérica. Ademais, estiveron acompañados polos segundos representantes europeos, chegados de Bulgaria.

Durante o periplo, os dezaseis veciños visitaron o país, as súas costumes e tradicións, ademáis de participar en conferencias, gravacións en medios de comunicación e ser recibidos polas autoridades locais, sendo que debido á gran repercusión, repetiron en dúas das tres xornadas que dura o festival.

“Estamos moi orgullosos de poder ir co noso Entroido dunha humilde aldea galega ata México, e amosarlle a riqueza da nosa tradición”, comenta Antonio Sousa, membro da asociación. “O interese da xente, alá por onde íamos, fainos sentir que o Entroido e as máscaras teñen unha relevancia e repercusión internacional impresionante”, apuntou. Ademais, agradeceu a acollida en México: “O trato recibido por parte da organización, coidándonos con agarimo para que nos sentíramos como na casa”.

O grupo entregou un traxe de bonita ao museo local “sobre o escenario ante milleiros de persoas ás que nos une o nexo das máscaras”, contou Sousa. A sexta edición do Festival de Máscaras Danzantes uniu máis de 2.000 danzantes, arredor de 300 músicos tradicionais e representantes de 17 estados mexicanos, ademais de seis países convidados, entre eles España, representada polas bonitas.

Contenido patrocinado

stats