NUEVO CONVENIO
Celanova impulsa la mejora del saneamiento
Lembranza
A vila de Celanova celebrou onte un dos días máis emotivos do calendario, durante a entrega do XLI premio “Celanova, Casa dos Poetas” da Fundación Curros Enríquez á compañía teatral Sarabela.
A compañía ourensá recibiu este recoñecemento polo seu “compromiso inquebrantable” co galego durante máis de catro décadas, afirmou Felipe Ferreiro, patrón da Fundación e condutor dos actos da xornada.
O refectorio do Mosteiro de San Salvador acubillou a entrega do premio, que estivo amenizada polo quinteto Celanova Brass. Antonio Puga, alcalde de Celanova e presidente da Fundación, foi o responsable de abrir o “acto litúrxico laico”, explicando que “teñen sido moitas as veces que -Sarabela- ten representado nesta sala”.
O alcalde definiu o evento coma unha reafirmación de que “somos fillos da cultura de Galicia”, e agradeceu a Sarabela o seu “bo facer e compromiso”. Logo, Antonio Piñeiro, secretario da Fundación, explicou que se lle outorga este recoñecemento ó grupo teatral polo seu “compromiso irrenunciable e tenaz” cos principais autores da literatura galega e “coa nosa lingua e co noso eu antropolóxico”, afirmando que todo o conseguiron “sen teren renunciado ás súas orixes ourensás”.
O xornalista Alfonso Cid fixo unha laudatio onde quixo resaltar que “o labor da compañía non é so artístico, senón tamén político”, e que “non podemos entender a historia recente do teatro galego sen as súas achegas”, póndoos como elemento defensor da cultura fronte as “antipolíticas culturais do goberno municipal de Ourense”, que describiu como “puro negacionismo cultural”.
Ánxeles Cuña, directora de Sarabela, subiu certamente emocionada para dar o seu discurso, no que se notou a “gratitude inconmensurable” que a compañía sinte por este recoñecemento, un premio “especial que para nós é importantísimo, xa que estamos na Casa dos Poetas, onde se recollen esas voces que nos vencellan e que nos obrigan a manter unha responsabilidade alta”, e que quixeron dedicar a “todos e todas as compañeiras desta fermosa, arriscada e difícil pero marabillosa profesión”.
Logo foi a quenda das autoridades, e Marcos Vázquez, director da Área de Cultura e Deporte da Deputación, recalcou o mérito de Sarabela ó “darlle voz á nosa lingua, a nosa cultura e as inquedanzas da sociedade contemporánea”, e por “facer do teatro unha casa aberta para todos”.
O director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, explicou que onte se homenaxeou o teatro galego do que “Sarabela formou parte da súa transformación e profesionalización”. Pola súa banda, o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, rematou dicindo que “temos unha débeda que recae e non esquecer ós que fan cousas boas por nós, e polo tanto, Sarabela, temos unha con vós polo voso compromiso coa lingua, non só enriba dos escenarios, tamén nas escolas de teatro”
O presidente do lexislativo autonómico apuntou que a entrega deste premio supón un recoñecemento e un orgullo non só para os profesionais das artes escénicas, senón tamén “para os que nacemos, nos criamos e pensamos en galego”.
Como cada ano, a Fundación fai unha ofrenda floral e lembranza a Celso Emilio Ferreiro, diante do seu monumento, precedida da “Alborada de Celanova”, interpretada pola Banda de Gaitas de Celanova, que serve de inicio para o acto.
Antonio Puga deu a benvida ós presentes ó 46 cabodano de Celso Emilio, quen a través dos seus poemas plasmou as “virtudes, sociais, históricas e culturais, é dicir, a nosa alma colectiva”, afirmou Puga.
Esta lembranza faise en consonancia co epitafio do autor, “mais o lume que alampea xamais o veredes morto”, que segundo o alcalde é “unha máxima á que nos agarramos ferventemente”, e a que honran para que a súa mensaxe se manteña viva no “máis profundo do pobo galego”.
Antes da ofrenda floral, as integrantes do grupo de Teatro Solpor, Camila Álvarez e Teresa Barge, recitaron tres poemas, “A la compañía dramática infantil Luis Blanc”, de Curros Enríquez, en homenaxe ó teatro que este ano protagoniza os premios, e “Deitado fronte ao mar” e “Ollaime ben”, de Celso Emilio.
Este ano a deposición da ofrenda floral foi responsabilidade da compañía Sarabela. Ademais, Miguel Ángel Santalices agasallou á Fundación cun retrato do autor da pintora Lola Doporto.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
NUEVO CONVENIO
Celanova impulsa la mejora del saneamiento
TRES DÍAS DE ACTIVIDADES
Fin de puente en Celanova con un maridaje de callos y compras