Novos veciños de Celanova, novos falantes de galego
LINGUA E INTEGRACIÓN
O Concello de Celanova ofrece por segundo ano aulas de galego para migrantes, unha iniciativa nada do interese dos novos veciños por integrarse, mellorar a nivel laboral e conectar coa cultura local, ao tempo que contribúen ao futuro do noso idioma
Nun contexto de perda continuada de falantes, a chegada de poboación migrante pode converterse tamén nunha oportunidade para o galego. Quen chega de fóra e decide aprendelo pode acabar incorporándoo á súa vida cotiá e converterse nun novo falante dunha lingua que precisa de novos usuarios. Pero para iso é necesario achegarlles o idioma e as oportunidades que lles abre.
Celanova é un exemplo desa aposta. Dende comezos deste mes e ata o 24 de novembro, o Auditorio Ilduara acolle por segundo ano un curso de iniciación ao galego para migrantes. A formación, organizada pola Fundación Formavigo con financiamento da Xunta e do Concello, suma 58 horas lectivas e está impartida polo ourensán Borja Rodríguez. As prazas cubríronse rapidamente, e de feito moitas persoas quedaron en lista de agarda.
A tenente de alcalde e concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Teresa Barge, considera que a demanda confirma unha necesidade real. “Dada a cantidade de xente migrante que temos, paréceme xenial o seu interese, pero ademais penso que tamén é necesario para a súa inserción”, sinala. Para a edil, ademais, esta poboación forma xa parte do futuro da vila: “Por sorte os nosos colexios estanse enchendo de nenos grazas aos seus fillos”.
Traballar e integrarse
Para boa parte dos alumnos, aprender galego ten primeiro unha finalidade práctica. A chilena Lorena Retamal leva tres anos na zona e precisa acreditar o seu coñecemento para mellorar laboralmente. “Soy educadora infantil y necesito el Celga para poder postular”, explica. Nese senso, as aulas permítenlle “empezar a soltarme un poco para hablar, que es lo que me falta porque lo entiendo todo”.
A venezolana Zaire Mata, enfermeira, ten unha motivación semellante: “Quisiera algún día trabajar en un hospital”. Non obstante, no seu caso o seu interese tamén é froito da súa realidade familiar. “Decidí estudiar gallego porque tengo dos niños y no los podía ayudar en las actividades del cole. El más mayor es el que me lo enseñaba”, conta. Viven nunha pequena aldea próxima a Celanova, onde o idioma forma parte da vida cotiá: “Hay muchas personas mayores y ellos se comunican en gallego”.
Para outros, a lingua é ante todo unha porta de entrada á cultura e á comunidade. O venezolano José Armando Guevara, que leva un ano na vila, asegura: “Me encanta la cultura gallega, buscaba precisamente un curso que me permitiese integrarme”. Como usuario frecuente de tódolos cursos formativos que ofrece o Concello celanovés, amósase “sorprendido” por que non acuda máis “gente joven”.
Pola súa banda, a brasileira Sonia Raimundo, veciña de Vilanova dos Infantes dende hai dous anos, acode ás aulas “para aprender e entender mellor” aos seus veciños, mentres que a francesa Inès Redjem, artesá instalada en Galicia dende hai ano e medio, recoñece: “Me gustan muchos los idiomas y veo como natural aprender uno más”. Xa ten ata palabra favorita: “Fervenza”.
Proxecto final de curso
Antes de recibir o certificado, os alumnos deberán presentar oralmente un libro, serie ou película e argumentar por que a recomendan, poñendo en práctica o aprendido. Un exercicio que o profesor Borja Rodríguez asegura que o está a “sorprender gratamente” polas “ganas que teñen por aprender”. Será o último paso dunha aprendizaxe que busca que unha lingua ata o de agora allea acabe formando parte da súa vida. E, con cada novo falante, tamén do futuro do galego.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
MERCADO MUNDIAL
La escasez del diésel y su alto coste amenaza el crecimiento
Luis Carlos de la Peña
CAMPO DO DESAFÍO
Una visita reparadora
La Región
CARTAS AL DIRECTOR
Prietas las filas