HOMENAXE ÁS TRADICIÓNS
Vilanova dos Infantes vive o orgullo galego no Día das Letras Galegas
HOMENAXE ÁS TRADICIÓNS
“Eu fáloa porque sí, porque me gosta / e quero estar cos meus, coa xente miña, / perto dos homes bos que sofren longo / unha historia contada noutra lingoa”, escribía Celso Emilio Ferreiro no seu poema “Deitado frente ao mar”, unha cita de fonda relevancia no Día das Letras Galegas, e, especialmente, en Vilanova dos Infantes (Celanova), a capital da cultura galega tódolos 17 de maio.
O empedrado burgo medieval da pequena vila volve atrás no tempo cada ano nesta data, convocando a milleiros de persoas xa dende primeira hora da mañá para festexar o orgullo de ser galegos e desfrutar das tradicións que forxan a cultura galega.
A música e o baile, protagonistas da romería, encheron cada recuncho e baixo da vila, ateigados de xente que participaba da festa. Este ano como novidade sumáronse á programación visitas guiadas e novas actividades, como o tunel do terror inspirado en Romasanta, que chamou a atención de cativos e maiores.
Xa coa troula empezada, e ante un mar de xente, os representantes institucionais fixeron a entrega do premio honorífico “Adolfo Enríquez”, que nesta edición foi outorgado á Xosé Lois Méndez Ferrín. A peza, obra de Leandro Sánchez, recolleuna no seu nome Antonio Piñeiro, colaborador deste medio.
“Estiven recentemente con el en Vigo, e está encantado de recibir este recoñecemento, xa que lle toca dentro ao ser gran coñecedor da romería”, afirmou Piñeiro. “É unha figura acostumada a recibir premios, pero recibir este, en Vilanova, o día da romería do Raigame, foi unha noticia realmente satisfactoria para el, e así me dixo que volo trasmitira”, rematou.O acto institucional, que contou coa presenza do director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles; do subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; do delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; así como o alcalde de Celanova, Antonio Puga, entre outras autoridades da provincia, deu paso á Danza do Cristal, un dos momentos máis agardados da mañá.
Esta edición estivo marcada pola celebración do 150 aniversario da publicación de “O Tío Marcos d’a Portela”, o primeiro xornal escrito integramente en galego e editada en Ourense por Valentín Lamas Carvajal, do que tamén se cumpren 120 anos do seu pasamento, unha publicación que abriu o camiño do xornalismo en galego.
Un dos principais atractivos para os visitantes son as mostras e o mercado de artesanía, que ofreceron demostracións didácticas e obradoiros. Canteiros, tecedeiras, torneiros, ferreiros, ou luthiers son unha pequen parte da gran variedade que ofrece o Raigame. Entre todos eles, o público prestou especial atención a un rapaz novo, un zoqueiro de dezanove anos chegado de Castroverde (Lugo).
Álvaro Pin contou que é a terceira vez que vén ao Raigame, sen levantar a mirada da faena. Entre as súas mans, un zoco a medio facer encima dunha mesa, feita a man tamén, que malia ser “bastante nova”, deixa ver as horas de traballo. “Cada vez vense menos zoqueiros e ver a un rapaz novo facéndoos chama a atención”, afirmou. Detrás del, dúas corozas, tamén obra súa. “Gústame moito argallar, sempre digo que nacín cunha navalla no peto”, riuse.
Entre cantos, bailes, risas e orgullo “do noso”, as horas foron pasando. Contacontos, obradoiros e mesmo un concurso de tartas fóronse sucedendo, permitindo aos visitantes alternar entre troula e cultura. Ás 18,30 horas a Praza de Tralacerca converteuse no escenario principal para o concerto de fin de festa da Banda de Música de Vilanova. Así, Vilanova dos Infantes converteuse un ano máis na capital do galeguismo ao abrir as súas portas para acoller, non só aos galegos e galegas que cun sorriso e felicidade desfrutan o seu día, senón tamén aos visitantes de fóra que se achegan a celebrar con eles.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
HOMENAXE ÁS TRADICIÓNS
Vilanova dos Infantes vive o orgullo galego no Día das Letras Galegas
XORNADA DE CONVIVENCIA
Celanova acolleu aos colexios Curros Enríquez
Xornal Escolar
Galería | Unha xornada musical en Celanova
Lo último
PISOS TURÍSTICOS
Aceros Argimiro echa el cierre a su taller tras 67 años en O Couto
DÍA DAS LETRAS GALEGAS
Galería | Ourense, unha provincia a prol da lingua