Antonio Puga Rodríguez: “A peonalización do casco histórico vai servir para atraer visitantes ao pobo"
Mellorar a calidade de vida e a imaxe da vila, co obxectivo de fixar poboación e atraer a chegada de visitantes, é unha das premisas do goberno municipal de Celanova. O alcalde de Celanova, o independente Antonio Puga Rodríguez (Celanova Decide), fai balance destes dous anos e medio de goberno en minoría e fala dos proxectos para os vindeiros meses.
Como se presenta o ano?
Estamos confeccionando os orzamentos para este ano, entendemos que son os mellores posibles para o Concello de Celanova, cunha partida de investimentos considerable e que esperamos comentar e intentar consensuar cos demais grupos da Corporación municipal para que saian adiante.
Como se goberna unha vila coma Celanova en minoría?
Gobérnase da forma máis demócrata que se pode facer. Estamos en minoría, pero estamos seis no grupo de goberno (catro edís de Celanova Decide e dous do PsdeG-PSOE, fronte aos seis do PP e un do BNG), polo que a minoría tampouco é tan pequena. O entendemento entre nós é total e absoluto, e cando se require do apoio doutras forzas da Corporación, trátase de consensuar con eles como se intentará facer cos orzamentos, un dos puntos máis esenciais do ano.
En que proxectos estades a traballar?
Estamos traballando en unha grande cantidade de proxectos, pero si me preguntas polo proxecto principal, e que se levará a cabo proximamente, é a recuperación integral da parte traseira do Mosteiro de San Salvador. Unha actuación que pasa polo axardinamento da zona de terra na que hoxe aparcan vehículos e que dá unha imaxe bastante mala da nosa xoia que é a capela de San Miguel e o Mosteiro. Crearemos un gran xardín para o uso e desfrute de toda a veciñanza. Tamén acometeremos a recuperación e mellora de toda a zona das Triguerizas, con intervencións nas bancadas, pintura nos valados e no muro de contención, e demais elementos desa zona. En breve recibiremos tamén, da man da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o proxecto para a creación da senda peonil na corga de Sampil que nos posibilitará identificar os terreos afectados pola senda a fin de identificar os seus titulares e convir a cesión.
Que outras necesidades ten Celanova?
Seguimos coa limpeza e acondicionamento da vila e dos pobos. É algo co cal nos comprometemos dende o minuto cero e, aínda que os tempos administrativos non nos permitiron telos antes, xa contamos co persoal e a maquinaria coa que atender o rural. Fixemos melloras nas pistas e o seguiremos facendo, limpando e acondicionando tamén as cunetas. Un traballo que require tempo e periodicidade, pero que se vai acometer de forma integral en todo o concello.
Oito meses despois da súa aplicación, como valora a peonalización do centro?
Eu fago un balance positivo, pese a todas as problemáticas que nos estamos enfrontando todos en xeral. E o fago porque no Nadal, nas accións que fixemos e coa colaboración da asociación de comerciantes (cuns 5.000 usuarios no tren turístico), o centro de Celanova estivo sempre ocupado por xente e non por coches. A peonalización conlevou a creación de novos aparcadoiros amplos e gratuítos no corazón da vila, o cambio de sentido da rúa Miguel Ángel Blanco beneficia claramente a entrada de xente ao pobo, recuperouse o dobre sentido na rúa Encarnación que foi moi criticado cando se prohibiu o acceso e a recuperación da Praza Maior para a xente.
Todo o mundo que vén a Celanova queda satisfeito e agradado de poder camiñar, ver, mercar, pasear pola vila. A percepción que temos dende a oficina de turismo é positiva, estase asistindo a unha recuperación moi rápida e con moito turismo familiar. Si miramos os números o Imposto de Actividades Económicas é similar ao do 2019 e mantense a oferta comercial, con relevos xeracionais e novas aperturas.
Pero hai unha parte do comercio que di que está a ser prexudicado.
A peonalización vai servir para atraer xente ao pobo, adaptándose aos novos tempos que van cara a municipios máis saudables, sostibles. O comercio pode verse nunha situación complicada polos efectos gravísimos da covid e pola situación económica xeral que se xerou e, non cabe dúbida, porque as costumes e formas de mercar mudaron. A Celanova, como no resto de vilas, entra cada día una cantidade importante de paquetería derivada da venda on line. Nos quedamos moi sorprendidos cando, na campaña dos bonos “En Celanova”, o 80% das compras feitas coa tarxeta foron nos dous supermercados da vila cando o que perseguiamos con esta campaña era fomentar as compras de agasallos no pequeno comercio local. Fomos o Concello que proporcionalmente máis investiu nestas axudas, e dada a boa acollida, repetiremos pero estamos preocupados porque os tempos van coas novas tecnoloxías e as compras por internet, no tanto no comercio local.
Que pode facer o Concello para paliar esa situación?
Dende o Concello o que se pode facer é mellorar as condicións da vila para facela máis atractiva para a poboación local e para quen nos visita. Nesa liña traballamos para ampliar atención da oficina de turismo os domingos, por exemplo, ou intensificando a programación cultural durante todo o ano.
Como está a ampliación do parque empresarial?
Estou pendente da reunión co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para seguir coa segunda fase do parque empresarial. Temos un polígono que está ben comunicado, cun acceso directo á autovía AG-31, pero temos que seguir mellorando e reclamar a continuidade da autovía ata Portugal. A ampliación do polígono debería vir acompañada de demanda de solo que, a súa vez, está condicionada polas infraestruturas que temos.
Que balance fai destes dous anos de goberno?
Traballóuse en diferentes áreas, destacando a boa sintonía e colaboración coas distintas asociacións e colectivos de Celanova, nunha relación constante e permanente para a recuperación da vila. Pese a pandemia, desde o principio fixemos actuacións para o embelecemento e posta en valor dos espazos públicos, comezando pola mellora da rotonda de acceso a vila, os xardíns das Triguerizas ou San Rosendo,… e que seguiremos a facer incrementando ademais as zonas de xogos infantís, recuperando e mellorando as fontes e lavadoiros e dando pasos na cubrición de máis contedores. Nas dependencias municipais, fixemos melloras nos edificios públicos (albergue, campo de fútbol, locais sociais) e tamén nas dependencias para distintos traballadores (Policía local ou limpeza e xardinería) e seguiremos traballando nesta liña.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
ARTESANÍA E TRADICIÓN
Galería | Vilanova dos Infantes desfruta coa Raigame
"O TÍO MARCOS D'A PORTELA"
Raigame converte a Vilanova no gran escaparate da cultura
RÍOS ARNOIA Y OURILLE
Los pescadores instan a mejorar el coto de Celanova
Lo último