Carlos Teijeiro: "Dame pena voltar ás aldeas que retratei e velas cheas de maleza"
EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA
Este martes, a Casa dos Poetas de Celanova acolle a exposición "A nosa xente" do fotógrafo Carlos Teijeiro que estará ata o vindeiro 20 de agosto
A Casa dos Poetas de Celanova acolle, ata o 20 de agosto, a exposición “A nosa xente”, unha mostra fotográfica obra de Carlos Teijeiro, un emigrante galego en Madrid que cada ano volta ao Val de Ramirás fuxindo das calores da capital para desfrutar da paisaxe e da súa xente e retratar a vida do rural galego.
Perfil
Nome e apelidos
Carlos Teijeiro Vidal
Lugar de residencia e idade
Madrid, 75 anos
Profesión
Enfermeiro militar xubilado
Dato
Este mes expón “A nosa xente” na Casa dos Poetas de Celanova
Quen é “a nosa xente”?
Esta exposición é un retrato da feira dos xoves en Celanova. Gústame moito retratar a paisaxe, pero tamén o ‘street’, a xente da rúa, porque as persoas transmiten emocións distintas, peculiares. Eu baixaba case todos os xoves a Celanova. Viña coa miña cámara -unha Leica-, e quizais non compraba nada, pero vía á xente maior que, o primeiro que facía ao chegar, era ir ao banco a sacar cartos, como entraban á farmacia, como paraban nos postos de plantío… Era un ambiente moi bonito, sobre todo na praza, cando se xuntaban e falaban.. E empecei facer fotos sen que se deran conta, roubando esas reunións case familiares. O outro día varias persoas pedíronme copias dun par de fotografías porque se descubriron nas fotos.
De onde lle vén a afección pola fotografía?
A fotografía é algo que levo comigo dende fai 40 ou 50 anos, algo particular. Nunca traballei para a fotografía, máis ben foi unha afección que sempre tiven, e que agora comparto xunto coa xardinería. En Madrid pertenzo á Real Sociedad Fotográfica de Madrid. Xente con diferentes tendencias, diversas formas de ver a fotografía… Facemos exposicións, compartimos e aprendemos da xente nova que vén con novas ideas, innovacións. E da maiorciña coma min, que estamos no analóxico, aínda nos gusta a fotografía de carrete.
As frases
“Gústame moito retratar a paisaxe, pero tamén a xente da rúa, porque as persoas trasmiten emocións distintas, peculiares”.
“Unha fotografía en analóxico é para toda a vida, non ten nada que ver co dixital”.
Cantas cámaras ten?
Unhas 20, a maioría antigas, modernas poucas. As primeiras serán dos anos 40 do século pasado. Con algunha aínda disparo, pero son máis de colección. Tamén teño un pequeno laboratorio doméstico onde fago o proceso de revelado. Eu son da vella escola… Unha copia en analóxico é para toda a vida, non ten nada que ver co dixital. Ten unha forza en branco e negro que non a ten nin a cor, nin o dixital. Pero bueno, ás veces hai que ir cos tempos.
Cantas exposicións fixo xa?
Levarei unhas oito, aquí en Galicia e en Madrid, sempre en branco e negro e analóxico. En Celanova xa expuxen fai uns anos “Esquecementos”. Foi un traballo que me congratulou moito, púxenlle moito cariño, porque é unha mostra -e un libro- que fala do esquecemento, que non morrese. Gústame coller a cámara e pasear polas aldeas abandonadas, por esa Galicia rural que está no esquecemento… Daquela, comecei a retratar esas casas baleiras das que eu coñecín á xente… Foron 170 fotografías, oito anos, con ese proxecto. Aínda hoxe volvo a eses lugares do val de Ramirás sos que fotografei e xa non podo entrar, porque as ventás están cheas de silvas, as portas medias caídas… Danme pena, porque vexo que a natureza invade todo. Nalgunha vive xente, mesmo veu xente de fóra. Pero a maioría están abandonadas.
En que está traballando agora?
Portas e ventás vellas, abandonadas, con silvas e tamén moita fotografía macro, de todas as especies vexetais que hai pola zona, sobre todo as máis silvestres. Porque é unha fotografía máis tranquila. Todo a cor, para cambiar e porque á natureza a cor vaille mellor. Será a primeira vez.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
SÁBADO DE PIÑATA
Galería | Celanova reúne 32 comparsas en su Piñata
PROGRAMA A MAIORES
Celanova impulsa la inclusión digital de sus mayores
MÚSICA EN DIRECTO
Lembranza Solpor fue fiel a su cita con Celanova
Lo último
Chito Rivas
RECUNCHO HEBDOMADARIO
Un século longo de paixón e resistencia
FIESTA LOCAL PATRONAL
Un día redondo en Celanova para festejar el legado de San Rosendo
Benito Iglesias
Cambio de uso, de bajo vacio a vivienda habitual