María Xosé Porteiro: “Sempre admirei a mente avanzada e anticipada de Curros Enríquez”

María Xosé Porteiro é xornalista e nova patroa da Fundación Curros Enríquez

María Xosé Porteiro, nova patroa da Fundación Curros Enríquez.
María Xosé Porteiro, nova patroa da Fundación Curros Enríquez.

A Fundación Curros Enríquez de Celanova acordou na súa derradeira reunión a incorporación no padroado a título persoal de María Xosé Porteiro. A xornalista estivo os últimos anos presente na fundación como representante do Consello da Cultura Galega e agora o fará en nome propio e con ganas de aportar o seu gran de area nos proxectos que se acorden.

Que lle une a Casa dos Poetas?

Moitas cousas, entre elas que o proceso parlamentario para chegar a creala vivíno de perto porque daquela era deputada no Parlamento Galego. Ademais, teño un vínculo persoal con Celso Emilio Ferreiro e outro intelectual con Curros Enríquez, non só por Cuba senón pola miña paixón polo ferrocarril, pois fun directora do Museo de Ferrocarril da Estación de Delicias en Madrid.

Como foi aquela primeira conexión con Celanova a través de Celso Emilio Ferreiro?

Eu coñecín unha primeira Celanova, contada polo poeta, que ocupa un lugar central na súa primeira biografía, “Celso Emilio Ferreiro, compañeiro do vento e das estrelas”, que publicamos en 1981 na Editorial Akal. A morte levouno cando estabamos traballando Perozo, el e máis eu, nun intenso proceso de entrevistas no que Celanova era unha referencia permanente. Que Celso fose biógrafo de Curros non deixa de ser unha coincidencia entrañable.

E Cuba únelle á figura de Curros Enríquez

Si. Curros foi unha figura preminente na Cuba que transitaba do século XIX ao XX. Xornalista destacado, amigo de José Martí, representante dunha galeguidade ilustrada, progresista... Nunha das miñas novelas, “Sándalo”, ocupa un capítulo moi extenso. Alén diso, as ideas de Curros ao respecto dos avances tecnolóxicos, coma o ferrocarril, sempre me chamaron a atención e admirei a súa mente avanzada e anticipada.

Como foi voltar a fundación, desta vez como patroa por dereito propio?

A experiencia como representante do Consello da Cultura na etapa anterior foi magnífica, pero ademais ten moita compoñente emocional por ese vínculo que sinto coa Celanova de Curros, de Celso Emilio, e tamén de Xosé Luis Méndez Ferrín, a quen coñezo desde hai moitos anos e tamén aprecio e admiro.

Que sinte por acadar este recoñecemento sendo, ademáis, unha das poucas mulleres do patronato?

Agradezo moito a confianza. É unha honra poder contribuir a este propósito de xeito desinteresado e colectivo. No canto ás mulleres, coñezo a moitas e moi valiosas que poderían participar, e esa axenda está a disposición da Fundación.

Que plans ou obxectivos lle gustaría desenvolver dentro da entidade?

Penso que a Fundación leva unha traxectoria consolidada, con moitos obxectivos conseguidos e outros en camiño. Eu poñerei énfase na miña experiencia na xestión cultural e na comunicación para os proxectos que colectivamente se acorden.

En clave persoal, que proxectos ten en marcha?

En primeiro lugar está a atención ao meu traballo profesional, pero no tempo libre doulle voltas a un ensaio sobre comunicación e un proxecto para un público máis novo. Sen presas, porque o primeiro para min é atender as miñas obrigas.

Contenido patrocinado

stats