No monte Furriolo, un monumento fascista
CRÓNICA
En Galiza hai trinta e dous monumentos que renden homenaxe ás vítimas dos crimes franquistas. Neste asunto levo traballando dende hai máis de tres anos. Despois de me ocupar das novelas galegas que exploran a Segunda República, guerra civil e franquismo, vinme mergullado nos lugares físicos de memoria que, igual que a literatura, transmiten a memoria traumática que, sabemos, está a piques de desaparecer nas voces e nos ollos dos que presenciaron os feitos. Os trinta e dous monumentos amosan unha intención de narrativizar os feitos por medio dunha intervención estética. Céntrome na efectividade destas obras á hora de transmitiren o coñecemento dos feitos traumáticos, non só ás persoas directamente afectadas senón á sociedade en xeral e tamén (sobre todo) ás futuras xeracións. Afondo nas consecuencias que teñen estes lugares de memoria sobre a memoria individual e colectiva.
Coñecín o mural de Xosé Vizoso, erixido no Alto do Furriolo, en Febreiro de 2010. Inaugurado en Agosto de 2006, o mural marcou o que puido ser un antes de despois a respecto da visibilidade pública da memoria dos asasinados neste lugar no concello da Bola. Segundo o artista, que traballou trinta anos como deseñador para o Grupo Sargadelos, o mural representa "una morea de cadáveres." A obra recorda unha mestura do Gernika de Pablo Picasso e a estética dos libros publicados por Ediciós do Castro. Son corpos fragmentados aínda que se pode discernir, á dereita, a cabeza do que podería ser o corpo social e á esquerda un pé dese mesmo corpo. O que apreciei neste mural, no nivel figurativo, era que este corpo social fragmentado polo franquismo segue a ser fragmentado por culpa dunha transición que deixou libres todos os asasinos.
O promotor do mural foi a asociación Arraianos cuxo presidente, Aser Álvarez, comentou que a inspiración de levar a cabo a construción da obra lla transmitiu Elixio Rodríguez, sobrevivinte do cárcere do mosteiro de Celanova, que estivo a piques de morrer fusilado no Furriolo. Arraianos fixo un labor loábel de dignificación das vítimas e recuperación da memoria traumática. Na revista Arraianos publicaron dous volumes dedicados á esta cuestión (en 2005 e 2008) e realizaron xornadas a semana da inauguración do monumento no instituto de Celanova.
Un documento interesante tamén é o DVD que sacou a asociación en 2008 con dúas curtametraxes; unha sobre Elixio Rodríguez e outra que fai unha recreación dramática sobre os asasinatos no Furriolo. Hai que sinalar tamén que á inauguración do mural asistiu, entre moita xente da esquerda en Galiza, o anterior vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, que reafirmou o compromiso do goberno bipartito coa xustiza histórica.
Porén, despois da publicación do segundo volume de Arraianos en 2008, semella que a asociación se desentendeu do mural e da memoria histórica. Cando voltei ao Furriolo en Xullo de 2013 atopei un escenario terríbel. Estaban esvaídas as cores e había manchas de pintura que se botara enriba. Mais o que realmente arrepiou foron unhas letras grosas en negro que lían: "Rojo Muerto Rojo Bueno" e "FRANCO," e a pintura dunha mira de escopeta sobre a cabeza do corpo social. Esas pintadas levaban alí cando menos un ano, moi posibelmente dous. Tornei hai menos dun mes e encontrei a obra en case idéntica situación. O mural daquela é, dende anos, un monumento franquista que incita á violencia, á matanza de demócratas.
Hai dúas entidades que ao meu xeito de comprender as cousas teñen a responsabilidade de resolver esta vergoña canto antes: O concello da Bola e a asociación Arraianos. María Teresa Barge, alcaldesa da Bola dende 2003, apoiou o levantamento do mural en contra dunha esperábel oposición do Partido Popular. Mais é certo tamén que a alcaldesa fixo pouco ou nada para que o lugar fose visitado. En calquera caso, é a súa obriga eliminar do seu concello expresións públicas de odio que poidan incitar a actos violentos.
A asociación Arraianos, pola súa parte, ten responsabilidade xa que promoveu a construción da obra. Parece que unha vez falecidos os sobreviventes que asistiron á inauguración, o labor concluíra.
Ao tentaren representar determinados sucesos traumáticos, os monumentos conmemorativos tamén reflicten dalgunha maneira as situacións actuais das comunidades; reflicten o estado da memoria. En xeral, pódese dicir que os lugares de memoria en Galiza demostran, por unha banda, que existe conciencia e iniciativa para recordar os crimes franquistas co fin de atinxir unha xustiza histórica a prol dos que perderon (perdemos) a democracia en España. Mais poñen de manifesto ao mesmo tempo as limitacións verbo da capacidade que ten a sociedade para manter viva a memoria. E non só debido á oposición dos sectores reaccionarios que seguen defendendo o franquismo senón tamén á falta de estratexias intelixentes e visión dos que levan a cabo os proxectos memorialistas.
Un dos fallos máis obvios por parte dos promotores do mural de Vizoso foi a súa localización. Malia estar perto de onde os falanxistas mataron, o lugar non é concorrido. Nin sequera pasan por alí os rallies que amaña o concello cada verán.
Por medio de consultas que realicei, entendín que a asociación Arraianos depositou a súa confianza no concello da Bola para que este se encargase do coidado e divulgación do mural. Porén, construír un monumento para esquecelo ao cabo duns poucos anos é igual que esquecer os eventos e as figuras que no seu momento se conmemoraron.
A solución é doada. No caso de que se propuxese reparar a obra, isto tería que se acompañar dunha mudanza de lugar; por exemplo nun sitio moi visíbel desde a estrada que une Celanova e Xinzo de Limia, ou perto do concello da Bola en Lugar de Veiga. Mais se non houber un proxecto coordinado para ritualizar a conmemoración e seguir elaborando a memoria traumática que representa o monumento, a única solución será a demolición do mural.
John Thompson (Montana, EUA, 1971) é profesor titular de Estudos Hispánicos na Universidade do Estado de Montana.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
NOVAS XENERACIÓNS PP
Miguel Ángel Blanco, un “exemplo para os mozos”
ACCIDENTE AGRÍCOLA
Un vecino octogenario queda atrapado bajo su tractor en Celanova
Lo último