Raigame converte a Vilanova no gran escaparate da cultura

"O TÍO MARCOS D'A PORTELA"

Máis de 80 artesáns e 24 grupos de Vilanova dos Infantes participan en Raigame, a cita dedicada este ano a “O Tío Marcos d’A Portela”

Xabier Álvarez, Antonio Puga, César Fernández, Laura Fernández y Marcos Vázquez.
Xabier Álvarez, Antonio Puga, César Fernández, Laura Fernández y Marcos Vázquez.

Vilanova dos Infantes volverá encherse de música, tradición e artesanía este 17 de maio coa celebración da XXIII Romaría Etnográfica Raigame, unha cita xa consolidada como unha das grandes festas da cultura popular galega. O evento, declarado Festa de Interese Turístico Galego, está organizado polo Concello de Celanova e o Centro da Cultura Popular Xaquín Lorenzo.

A romaría abrirá este ano media hora antes do habitual, ás 10,30 horas, debido á alta participación prevista. Ao longo da xornada, as rúas e prazas da vila acollerán actuacións de 24 grupos de música e baile tradicional, máis de 80 artesáns e arredor dunha trintena de postos de alimentación e bebidas, ademais dun amplo mercado de artesanía e antigüidades.

O alcalde de Celanova, Antonio Puga, destacou durante a presentación o apoio dos veciños de Vilanova dos Infantes, que “cada ano abren as portas das súas casas” para facer posible a celebración. Tamén agradeceu o traballo dos colectivos, asociacións e servizos implicados na organización.

Pola súa banda, o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e deputado de Cultura, César Fernández, definiu Raigame como “a romaría etnográfica de referencia en Galicia”. O rexedor celanovés tamén avanzou que se espera gran afluencia de visitantes á vila que este ano foi recoñecida como un dos “Pueblos más Bonitos de España”.

A romaría estará dedicada ao 150 aniversario da publicación de “O Tío Marcos d’A Portela”, considerado o primeiro xornal en lingua galega. Ademais, o Premio Honorífico Adolfo Enríquez 2026 será para o escritor e xornalista Xosé Lois Méndez Ferrín polo seu apoio continuado á celebración desde os seus inicios. O acto institucional terá lugar ás 13,30 horas na Praza Maior e rematará coa tradicional danza na honra da Virxe do Cristal.

A NOVA DO túnel do terror Entre as novidades deste ano figura un túnel do terror inspirado na figura de Manuel Blanco Romasanta, así como visitas guiadas para coñecer a historia e os recunchos da romaría. Tamén se amplían os obradoiros e demostracións de oficios tradicionais, nos que os visitantes poderán achegarse ao traballo de canteiros, ferreiros, carpinteiros, costureiras, zoqueiras ou tecedeiras.

Ao longo do día tamén haberá exposicións temáticas, espectáculos infantís, animación musical, xogos tradicionais e actividades gastronómicas. Ademais, volverá funcionar o autobús histórico entre Celanova e Vilanova, cun servizo continuo para facilitar os desprazamentos sen necesidade de utilizar vehículo privado.

A organización recoñece que a alta participación obrigou a deixar solicitudes sen atender, pero anima a veciños e visitantes a achegarse a Vilanova dos Infantes para desfrutar dunha xornada lúdica, dedicada á cultura tradicional galega e á celebración do Día das Letras Galegas.

Contenido patrocinado

stats