Carme Adán, escritora: “Unha cidade como Ourense ten que ter xulgado de violencia sobre a muller”

ENTREVISTA

A tamén profesora e política Carme Adán, doutora en Filosofía pola USC, foi entre 2005 e 2009 a primeira secretaria xeral de Igualdade da Xunta durante o bipartito

A escritora, profesora, filósofa e política Carme Adán.
A escritora, profesora, filósofa e política Carme Adán.

Tras escribir diversas obras sobre feminismo, xénero, patriarcado e violencia machista, como membro do Consello da Cultura Galega é coautora de “Recoñecer, actuar e restaurar. Manual básico para afrontar as violencias machistas”, unha obra que presentará este sábado no Auditorio verinés, a partir das 19,00 horas, no marco da V Gala da Igualdade que organiza o Concello, o Conservatorio e a súa ANPA.

Canto teñen avanzado as mulleres galegas nestes 20 anos dende que foi secretaria xeral?

Avanzamos para mellor, no 2007 promulgouse a primeira lei galega contra a violencia machista, e dende aquela puxéronse en marcha máis medidas de concienciación, nos centros de ensino houbo unha formación en igualdade que agora xa non existe. Pero sobre todo houbo un gran impulso social, as máis mozas consideran que a igualdade é necesaria e hai un rexeitamento importante da violencia machista e das desigualdades. Pero nos mozos ás veces vemos un rexurdir do machismo, na chamada “manosfera” ou nas perspectivas negacionistas da violencia. Hai avances, pero o patriarcado non remata, e continúan as fórmulas de exercer control sobre as mozas, por exemplo mediante a violencia sexual.

Máis alá da educación, como erradicar a violencia machista que segue a asasinar mulleres polo simple feito de selo?

Educar non é só a escola, somos todos. Dende os medios de comunicación tedes un labor importantísimo. As series que ven os rapaces continúan a perpetuar ideais de amor románticos, nos que a muller ten que ser sumisa. Na pornografía, en moitos casos porta de acceso á sexualidade dende que son pequenos a través dos móbiles, vemos unha sexualidade violenta, de dominación: non é sexualidade, senón apropiación dos corpos das mulleres. Hai un teito de cristal e as desigualdades seguen aí.

Que bota en falta nas políticas de Igualdade en Galicia?

Máis Centros de Información á Muller, con máis persoal, están precarizados e teñen moito traballo. Unha vella reivindicación e outra promesa incumplida é que tódalas cidades galegas teñan xulgado de violencia de xénero, véxase por exemplo Ourense. Mellores programas de atención ás vítimas no ámbito psicolóxico e dos servizos sociais. No ensino, maior compromiso con materias de educación sexual e afectivo-sexual. Por último, como é posible que actualmente no goberno galego non exista unha Secretaría Xeral de Igualdade e que estea diluída de novo nos Servizos Sociais? A igualdade é unha cuestión transversal, debe estar en tódolos ámbitos da administración. Toda a sociedade debe estar comprometida coa igualdade e con erradicar o machismo, que é a orixe da violencia patriarcal.

Contenido patrocinado

stats