Gustavo Pino, escritor: "Batallei coas editorais porque non acepto que cambien os meus libros"

ENTREVISTA

Gustavo Pino Salgado é un xurista xubilado que leva xa 20 anos escribindo por pura vocación

O xurista e escritor Gustavo Pino Salgado.
O xurista e escritor Gustavo Pino Salgado.

Este xoves presenta ás 19,30 horas na Biblioteca Municipal do seu Verín natal as súas dúas últimas obras: “Pipa Guleta”, un libro xuvenil para xóvenes de entre 12 e 15 anos escrita en galego, e “Las seis condiciones”, unha novela de intriga con tintes eróticos, secuela espiritual de “Mi piel”.

Cando e como decidiu comezar a escribir?

Comecei na electrónica porque traballei nunha empresa xaponesa. Cando vin que marcharían dalí, preparei as oposicións de xustiza e fixen a carreira de Dereito. Primeiro escribín traballos técnicos para os avogados que saían da facultade. E a partir de aí, planteeime escribir novelas e levo xa 20 anos.

Por que ese contraste entre as dúas obras da presentación e a escolla da lingua?

A novela xuvenil é un mundo completamente diferente da novela para adultos. Cómpre pulir moito máis a parte conceptual, gramatical, o vocabulario que se emprega. Agora estamos tentando introducila nos colexios, para nenos e nenas a partir de 1º da ESO. A miña formación foi en castelán, pero tiña ganas de escribir por vez primeira na miña lingua nai, o galego.

A literatura erótica vai gañanado adeptos. É mellor o poder da imaxinación que o estímulo visual?

Eu prefiro a fantasía e imaxinación, e aí entra moito máis a novela romántica. E entre o romanticismo e o erotismo hai moi pouca distancia. Eu penso que o que move o mundo non é o amor, senón os cartos e o sexo, que é poder. A xente identíficase moito máis coa novela erótica, co seu ser, coas súas vivencias, cos seus namoramentos… forman parte da vida das persoas.

En “Pipa Guleta” fai unha defensa da natureza e os animais. Hai algo que queira transmitir aos máis novos?

Coñezo ben a complexidade da natureza pola miña carreira como xurista. Levei asuntos de verquidos e contaminación en ríos, e cando chegaba o momento de declarar, ninguén se atrevía. Polo demais, adoro a natureza. Non hai nada que me preste máis que perderme polo monte, camiñando coa miña muller. Alí si que se pode pensar grazas ao silencio.

Sempre apostou pola autoedición, por que?

Cheguei a ela porque a edición é moi complicada, é un mundo moi “negro”. Non se trata de que sexas bo ou mal escritor, o importante é vender. A anterior novela publiqueina baixo o selo dunha gran editorial, e a experiencia non foi boa. Así que prefiro facelo online, dáme máis liberdade. As editoriais sempre te acaban levando a onde elas queren. E eu non acepto que cambien o meu libro.

Contenido patrocinado

stats