Rober Cagiao, escritor: "Polas venas dos galegos non corre o sangue senón o misterio"

ENTREVISTA

Exmembro da banda de heavy metal “Trashnos”, Cagiao deixou a música e no 2019, tras un accidente, comezou a escribir novelas

O escritor Rober Cagiao.
O escritor Rober Cagiao.

Con “Entroido”, que presenta este xoves, ás 19,30 horas, na Biblioteca de Verín, xa leva 14 obras, e agora dedícase por completo á escritura.

“Entroido” é a súa primeira obra en galego. Por que?

Porque non hai suficiente novela de xénero en galego, e é algo que depende de nós. As novas xeracións só teñen referentes en castelán: os youtubers, os influencers. Pero moitos institutos comezan a apostar por obras máis contemporáneas: de Arantza Portabales, Pedro Feijoo ou Ledicia Costas.

Curiosamente publícaa unha editorial de Murcia.

Púxenllo como condición indispensable e non puxeron ningún problema. De feito son os primeiros sorprendidos na boa acollida do libro e penso que non tardarán en publicar obras doutros autores en lingua galega.

Tras 13 libros dunha saga, tiñas ganas de algo novo?

Si, todos eran da saga “El Guardián de las Flores”, así que por fin comezo cunha nova historia.

César Pérez Gellida tamén combina música e literatura. Teñen moito en común?

Rock e literatura van sempre da man. Cando fuches músico coma min, sacaches dous discos, escribías as letras, facías as cancións… escribir é moi semellante. A música fai sentir á xente, e nos libros tamén precisas transmitir emocións, así que adoito facelo a través de cancións.

Inspirouse nalgún Entroido ourensán? Por que non hai máis literatura sobre eles?

A historia naceu a partir dunha foto que vin dunha máscara de madeira dun Entroido, pero despois descubrín que era de Lazarim, en Portugal. Pero todos sabemos que os Entroidos do norte do país luso e os do sur de Galicia están emparentados. É unha das nosas tradicións que penso estaba pedindo a gritos escribir unha historia de misterio inspirada neles. Galicia sempre está presente no que escribo, porque temos unha terra intrinsecamente misteriosa.

Cambioulle a vida ao quedar paralizado tres meses.

Daquela traballaba nun supermercado tras deixar o meu grupo, que é algo así como deixar á moza de toda a vida. Pasoume un palé de 3.000 kg. por enriba do pé, e tiven que estar parado. Ao terceiro día, “resucitei”: comecei a escribir e, antes de ter o alta, xa rematara a miña primeira novela. Comecei a ver a vida doutro modo e decidín “tirarme á piscina” e apostalo todo por esta profesión.

Deixou o seu traballo para dedicarse á escritura... É posible vivir dela?

Pódese “sobrevivir”, porque realmente está moi mal pagado. Só nos levamos un 10% de cada libro e, a diferenza da música, non temos concertos para compensar. O 98% dos escritores non poden vivir da súa arte.

Contenido patrocinado

stats