O pintor “Perico” Castro Couto: “O espírito medieval non é tan distinto da filosofía actual”

ENTREVISTA

A sala de exposicións de Verín acolle este xoves, ás 20,30 horas, a inauguración da mostra “Pintura y tinta”, un repaso á obra do artista ferrolán Pedro Castro Couto, coñecido como “Perico”

O pintor Pedro Castro Couto “Perico” posa xunto con dous dos seus "carteis de cego" (foto: C.L.M.)
O pintor Pedro Castro Couto “Perico” posa xunto con dous dos seus "carteis de cego" (foto: C.L.M.)

O autor combina óleo, acrílico e plumilla, reflectindo en tódalas creacións a súa paixón pola historia e a arqueoloxía, con leccións visuais sobre culturas como a castrexa, romana, xermánica e medieval.

PERFIL

Lugar e data de nacemento: Ferrol, 1948

Dato: Viviu en dúas comunas na Coruña

O acto contará cun acompañamento musical a cargo de Francisco do Romualdo, que cantará e tocará a zanfona, haberá degustación de viños da DO Monterrei e o sorteo dunha obra entre tódolos asistentes.

A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 7 de xaneiro, de luns a venres de 12,30 a 14,00 horas, e de 19,00 a 21,00 horas, agás os días 24, 25, 31, e 1.

Disque a “Perico” o da pintura vénlle de recente.

O alcume é un alias da guerra, como digo eu (ri), nos tempos heroicos contra o franquismo. Nacín en Ferrol, pero con 18 anos fun estudar Náutica á Coruña. Despois fixen de todo, e tamén estudei filosofía, filoloxía, psicoloxía… Pero sempre pintei, dende pequeniño, ou máis ben debuxaba. Pero dun xeito máis profesional, dende que me xubilei.

Comezou cos gravados pero despois realizou óleos, acrílicos, mesmo caricaturas.

O que fago é pintura histórica. Comecei polo gravado, empregando dúas técnicas, o puntillismo e o raiado, recollendo elementos da etnografía e arquitectura galegas, como a Torre de Sandiás, Santa María do Azougue ou a igrexa do mosteiro de Melón. En canto ás caricaturas, teñen un estilo moi persoal, e combinan gravado con outros dos meus estilos, máis alegóricos. Teño de moitos amigos, da arte e da música, pero tamén de persoeiros da literatura: Casares, Cunqueiro, Carvalho Calero… Nas miñas pinturas emprego dende motivos cubistas ata elementos medievais e celtas cheos de simboloxía. Plasmo historia pero tamén literatura, como por exemplo as Cantigas de Santa María do rei Afonso X o Sabio.

Dúas das obras expostas polo autor en Verín (foto: C.L.M.)
Dúas das obras expostas polo autor en Verín (foto: C.L.M.)

De onde vén a súa fascinación pola historia medieval?

É algo de sempre. Encántame a historia e iso lévache a documentarte, a ler, a introducirte neste mundo, que en realidade trátase do mesmo no que nos atopamos agora. A historia está aí. Todo este traballo meu, o proceso que conleva, é dalgunha maneira darlle valor a cousas de cara a que a xente as coñeza e saiba sobre o pasado que non coñecen. Penso que o espírito do medievo non está tan lonxe do actual. A tecnoloxía cambiou radicalmente, pero a filosofía non é a tan distinta. Se escarvas na mentalidade da xente en Galicia, agroman ata os deuses antigos, é algo latente.

Atrévese ata a crear os seus propios “carteis de cego”.

Amoso dous aquí, un é o “Romance de don Gaiferos”, do século XIII, e o outro está protagonizado polo rei Don Sancho.

Acrílico de "Perico" Castro Couto (foto: C.L.M.)
Acrílico de "Perico" Castro Couto (foto: C.L.M.)

Contenido patrocinado

stats