INTERNACIONALIZACIÓN
La experta vitivinícola Beth Willard descubre bodegas de la D.O. Monterrei
ENTREVISTA
O coruñés Xosé Ramón García Soto é coordinador de Psicoloxía Clínica do Hospital Universitario de Burgos e especialista en saúde mental infanto-xuvenil.
Este xoves falará na Biblioteca de Verín, ás 19,30 horas, do papel do psicólogo verinés Eloy Luis André como iniciador da psicoloxía en España, cunha ponencia titulada “Psicoloxía: cambio social e perfección persoal”.
Que impacto deixou no campo da psicoloxía, Eloy Luis André, un dos persoeiros contemporáneos máis salientables pero tamén esquecidos de Verín?
A herdanza intelectual de Eloy Luis André aínda non foi recollida. Era un pensador atípico no seu tempo, que entendeu as posibilidades da psicoloxía. Lamentablemente, a situación en que viviu fixo que o seu traballo non tivera o eco que merecía. En España non existía a psicoloxía e o seu ideario non foi ben entendido. Por outra parte, non formou parte dos grandes grupos ideolóxicos do país, nos que vía un risco grave de guerra civil, como efectivamente sucedeu en 1936, o que favoreceu o esquecemento da súa figura. Pero ten méritos sobrados para ser lembrado: trouxo a España a psicoloxía experimental, foi o primeiro que estudou a lingua galega nun laboratorio, fixo estudos innovadores de psicoloxía política e deixou un excelente traballo sobre as virtudes cívicas e o modo de cultivalas.
De que trata a súa ponencia? En que nos pode axudar a psicoloxía?
Eloy analizou a situación de España con ideas psicolóxicas, unha perspectiva orixinal no seu tempo que aínda hoxe se le con gusto. Pero ademais adiantouse a todo o movemento psicolóxico actual describindo a mellora persoal como un proceso de perfección a través da mellora do comportamento, a corrección permanente do pensamento e a xestión das emocións. Ese enfoque segue sendo válido, coa axuda dun psicólogo ou pola nosa conta. Mellorar é o único modo de manter o benestar vital.
Hai máis de vinte anos que se publicou a súa obra “Era unha vez un neno: estudio da evolución da linguaxe en nenos galegofalantes”. Como cambiou o panorama lingüístico?
O meu traballo era unha análise de como aprenden os nenos a narrar en lingua galega. Nese aspecto non creo que haxa cambios. O que si cambiou foi o contexto social. Por unha parte houbo un proceso de normalización que, sen dúbida, foi un progreso en relación á situación anterior, pero, por outra, os grandes movementos de poboación das últimas décadas están afectando ao uso do idioma dun modo que entón non podíamos esperar. O futuro é incerto, pero non só nese aspecto.
Que lle diría a un pai ou nai que pensa que o galego entorpecerá o desenvolvemento dos seus fillos?
A pregunta ten moitas respostas, dependendo da situación de quen a faga. Nun entorno galegofalante o galego é o idioma comunicativo apropiado. Pero hai outras situacións nas que o galego vese como un extra. Eu non o creo. Penso que aprender plenamente un idioma sempre é un exercicio intelectual beneficioso, mesmo en medios nos que se fala outro. Falo como psicólogo. Pero tamén hai outras perspectivas, como a política o sociolóxica, que non son da miña competencia.
Como psicólogo infanto-xuvenil, que opinas respecto do uso de móbiles e novas tecnoloxías por parte dos nenos?
Efectivamente é un problema real que debemos abordar. As novas tecnoloxías chegaron para quedarse e temos que aprender a alfabetizar ás crianzas no seu uso. Ben utilizadas son un gran progreso. Pero tamén estamos vendo problemas de comportamento, relación interpersoal, funcionamento académico e familiar claramente relacionadas co uso inapropiado dos medios dixitais. Mal utilizados a súa potencia vólvese contra o usuario.
Cales son as cuestións máis importantes que tratará a psicoloxía moderna neste século?
A miña idea é que a psicoloxía é un modo de entender a resolución de problemas a través do diálogo e a busca conxunta de solucións. Os problemas cambian e o modo de falar tamén. A propia psicoloxía actual é parte dun cambio máis amplo na civilización. A humanidade necesita falar para afrontar construtivamente os problemas. En poucos anos haberá outras modalidades de diálogo para a resolución de problemas. Hai moito terreo de mellora por diante
Contenido patrocinado
También te puede interesar
INTERNACIONALIZACIÓN
La experta vitivinícola Beth Willard descubre bodegas de la D.O. Monterrei
RECORRIDO POR BODEGAS
Expertos vitivinícolas europeos descubren el territorio de la D.O. Monterrei
VISITA AO XACEMENTO
Os últimos achados do Castelo de Lobarzán, ao descuberto
EVENTO VITIVINÍCOLA
La D.O. Monterrei muestra sus vinos y teje sinergias en Tenerife
Lo último