Os donos dos ríos e os ladróns das augas

A TRIRITA

Publicado: 26 sep 2026 - 03:50
Opinión en La Región
Opinión en La Región | La Región

De quen son os ríos? Teño un vello e bo amigo que afirma que os ríos son da xente. Dío bastante convencido; tanto e tan convencido que, cando mo dixo por primeira vez, puxo cara de aserto; é dicir, luciu unha expresión entre inxenua e desafiante. Acaso sospeitase que ía eu negarlle non só tal convicción, senón mesmo a parte alícuota que lle correspondería do líquido elemento. Os ríos, ser son da xente, pero é a Administración quen se encarga deles. Acaso por esta razón se produza o desconcerto que a todos nos trae a mal traer.

Poñamos un caso: un río afluente do Miño é un río galego, sen dúbida; por tanto, ven sendo o Goberno de Galicia quen ten que atender á súa conservación e o seu coidado, vixiando os vertidos que se deiten nel, proporcionando axudas económicas que colaboren á purificación das súas augas enturbadas polos vertidos industriais. Ah, carafio, resulta que ese río é afluente do Miño, que o Miño é un río internacional e que unha parte da súa ribeira é portuguesa o que fai que o control do noso río galego e só galego recaia no Goberno central de España. Paga Galicia, controla Madrid. O tal río descontrolado e eiquí non pasou nada. Acórdanse da “administración única”? Eu si. Pero imos deixalo aí.

En todo caso os ríos son da xente, segundo o meu amigo entende, e non serei eu quen llo negue. Houbo un tempo no que a provincia ourensá producía ela soa máis electricidade que todo o resto de España xunta. Si. Pero era a provincia con máis pobos sen electrificar. Por iso eu teño certas dúbidas respecto da convicción do meu amigo. Os ríos, ser serán da xente, si, pero algo pasa. Era curioso (segue séndoo, conste) ver como, logo dos invernos máis chuviosos, os encoros ofrecíansenos baleiros. Os grandes emporios hidroeléctricos dispuñan dos caudais non se sabe se en razón do seu antollo ou da súa necesidade ou da súa conveniencia. Era deles a auga que encoraban? Éo? Por aí adiante os encoros contan con estacións de bombeo que axudan a que os caudais se manteñan nun nivel co que contar nos tempos de “pertinaz sequía”, por utilizar un término ó uso naqueles días. Xa non é que, ó non contar con estacións de bombeo, non contemos tampouco con escadas, ramplas ad hoc polas que suban os salmóns, as anguías, as percas ou as grandes damas dos fondos fríos e escuros coñecidas como lampreas, xa me dirán. Logo, de quen son os ríos?

Os problemas que temos co desbaraxuste hidrográfico pode que sexan debidos a unha especial compoñente que adorna ós nosos administradores.

Conta Estrabón, ó describir a chegada dos romanos a Galicia, feitos e costumes que o mesmo vai haber que recuperar calquera día destes. Refire como os homes galegos os atacaban lanzándolles venablos ás lexións invasoras sen por elo deixar de guiar os carros tirados por cabalos. Ouh, aquel vello e temerario valor! Pero máis medo metían as súas mulleres mentres corrían a carón deles, berrando e berrando en tanto lles lanzaban coios do río, pedras dos camiños e, coido eu, miradas asasinas. Gústame recordalo, por iso o conto malia que non veña moi a conto. Disimúlenmo. Estrabón coñeceunos ben. Deixou escrito dos dunha aldea chamada Camba, habitada pola tribo dos cambotes, as mesmas cousas que hai anos, cando eu andaba moito pola contorna de Lalín, se seguían dicindo daquela.

Non era en Camba, pero si por alí cerca, que en troques de rogativas pra pedir que chovese, o que se facía era un clamor pra rogar que deixase de facelo dunha bendita e purificadora vez. Xa teño contado como era a cerimonia na que interviñan tres advocacións da Virxe María. Non estaría de máis que, calquera día destes, se repetise o contrario e ancestral rito de nós, a ver se así os encoros tornan a se nos ofrecer cheos sen que os baleiren de contado, dispondo así dun auga que é de todos.

Noutro orde de cousas, e sequera sexa por enredar aínda un pouco máis, digamos que os problemas que temos co desbaraxuste hidrográfico pode que sexan debidos a unha especial compoñente que adorna ós nosos administradores. Non deixa de resultar curiosa a hidrofobia que padecen. Baleiran os encoros e non remedian as fedorentas augas residuais, mostran desidia ante o descontrol da contaminación e, o feito de que a patria rede de sumidoiros sexa tan ineficaz ou mesmo tan inexistente, disque é debido á dificultade de poñer a cinta inaugural pra que poida ser cortada polo político de quenda.

Contenido patrocinado

stats