Alfredo Ramos: “Pasaremos da internet das cousas a falar da internet das persoas"

Entrevista con Alfredo Ramos, director xeral de R

Alfredo Ramos pilota a compañía galega R, unha marca do grupo MasMovil. Acaba de ser nomeada axente dixital para acompañar e asesorar ás empresas na xestión e desenvolvemento das axudas (bonos) do programa Kit Dixital do Goberno de España, dentro dos Fondos Next Generation da Unión Europea. Un reto dentro dunha contorna de permanente evolución e innovación como é a prestación de servizos tecnolóxicos ó que a empresa galega está a dedicar moitos esforzos. Alfredo Ramos di que R está preparada, á fronte do proceso de cambio da sociedade e das súas empresas.

Supón un cambio operativo importante para a compañía ser axente dixital?

Entre outros servizos, creamos unha oficina de tramitación porque o programa é moi ambicioso, xa que nesta primeira convocatoria para empresas de 10 a 49 empregados ten un alcance moi importante, de 500 millóns de euros para as que hai xa moitas solicitudes.

Que importancia lle dá R a estes fondos etiquetados como kit dixital?

É un programa moi relevante, cun orzamento total de máis de 3.000 millóns de euros en tres convocatorias. Nós o que temos é 35.000 clientes que estarían en condicións de ir a estas tres convocatorias.

A que velocidade se están dixitalizando as empresas?

Tivemos un acelerón coa pandemia. As empresas galegas teñen un notable ou un sobresaínte en conectividade pero vemos que hai máis percorrido cando baixas a procesos máis complexos como é vender na internet. Nas empresas de menos de 10 empregados só o 9% están a vender na internet. A pandemia fixo de acelerador e vemos como o teletraballo chegou para quedarse. Iso mesmo pasou co ensino, que grazas á teleformación quedou garantido. Polo tanto medrou a conciencia de que as ferramentas dixitais poden axudar a organizarnos dun xeito diferente.

Que aprendeu R coa pandemia?

Estabamos preparados para dar o salto a traballar dende casa. Viñamos de acometer un proxecto de mobilización do posto de traballo con portátiles para todos os traballadores e ferramentas colaborativas que fixeron que en tres días mandaramos a todos os empregados para casa a traballar sen ningún incidente. En termos de rede foi un estrés de crecemento de datos móbiles, da internet, de maior demanda por parte dos consumidores que tiñan varios ordenadores funcionando de forma simultánea, pero puidemos sacalo adiante.

Que servizos ten incorporados R para ser unha ferramenta útil para a sociedade en xeral?

R ven traballando dende hai preto de 25 anos na creación de infraestructuras de fibra óptica en Galicia, cunha conectividade de primeiro nivel en Europa, de feito temos a día de hoxe 1.250.000 direccións provisionables coa rede de R e o mesmo co móbil. Migramos do antigo “host” ao grupo MasMovil cunha cobertura mellorada e con cobertura de tres operadores móbiles de xeito transparente para os clientes. Esa é a primeira peza; a segunda é o “data center” que permite solucións híbridas, na nube e conexión coa “cloud” de xeito que podemos acompañar a transformación dixital das empresas de xeito gradual. Traballamos cun concepto que se chama pago por uso que evita grandes investimentos en “hardware” ás empresas para a transformación dixital. Acompañamos todo o proceso, incluso consultoría, para saber a diagnose da súa empresa e a posterior implantación dos módulos a cada caso concreto.

Cal é o papel de R nun sector tan competitivo?

Vimos de mellorar a oferta no mercado masivo nos prezos finais dos combos para residencial, facilitando liñas adicionais ilimitadas, temos baixado a permanencia a tres meses para que a xente poida comprobar a calidade dos servizos da fibra máis moderna de Europa. En mobil a triple cobertura e na televisión, o deco 4 k con Android TV. A proximidade tamén inflúe, temos 1.100 colaboradores, 53 tendas, 150 comerciais.

R, como operador galego, é só unha marca, tendo en conta que pertence a outras empresas que son de fóra?

R agora mesmo son máis de 200.000 liñas de banda larga en Galicia e 400.000 móbiles, 130.000 clientes de televisión. Comercialmente somos líderes en portabilidade fixa en Galicia. O formar parte dun grupo grande beneficia ós clientes. Tres de cada catro altas que damos en Galicia son de fibra asimétrica desde que nos incorporamos ó grupo MasMovil.

Nos operadores confiamos moitísima información e datos. Como se protexe R dos ataques e como nos defende a nós?

Dotamos ás empresas e autónomos con solucións de ciberseguridade e, de cara aos clientes en xeral, o importante é ter os sistemas operativos actualizados e desconfiar de enlaces ou arquivos de fontes non coñecidas. As solucións de autónomos, ademáis do paquete de conectividade de fixo, fibra e móbil leva incorporado licencias de seguridade e diferentes solucións.

Que está a facer R en materia de ciberseguridade?

R e máis as Universisdade da Coruña e de Vigo puxeron en marcha, en 2018 a Cátedra R en Ciberseguridade para promover o desenvolvemento das competencias profesionais do alumnado universitario, mellorar a capacitación e ampliar os coñecementos, técnicos e habelencias dos membros da comunidade universitaria e doutros profesionais. A meta última é adaptar ese coñecemento ás necesidades da empresa, fomentando a formación continua, a innovación e a investigación na área da ciberseguridade.

Que será R á volta de cinco anos?

Seguimos medrando desde que nos integramos en MasMovil, tanto en accesos de banda larga como en liñas móbiles e esperamos evolucionar con servizos cada vez de máis calidade, medrando, aproveitando as capacidades do grupo, sendo un actor principal na transformación dixital da sociedade. Creo que empezamos a deixar de falar máis da internet das cousas e empezar a falar da internet das persoas. A evolución da dixitalización ten que ter unha razón de mellora no rendemento do noso negocio, as axendas da administración europea e galega van nese senso, en buscar unha transformación dixital sostible e que supoña unha mellora para a calidade de vida das persoas: ten que ver co reto demográfico, todo o que a tecnoloxía pode facer polo entretemento e coidado das persoas.

Hai fenda dixital en Galicia?

Polo de agora segue habendo zonas brancas ás que non chegan as redes de nova xeración, hai oportunidade co 5G para chegar de xeito eficiente a sitios onde aínda non hai banda larga de calidade. Hai sitios que, por dispersión, a fibra non é factible e para conseguilo habería que facer un programa de subvencións desproporcionado. R chega a 1.250.000 fogares dun total de 1.500.000 que debe haber en Galicia e nos vindeiros meses veremos solucións para esas zonas. Nas empresas a fenda é maior canto máis pequena é a empresa. As grandes actúan de tractoras por eso o kit dixital ven a dar un empurrón nese sentido.

Contenido patrocinado

stats