Bieito Ledo: "Preocúpame que os políticos se instalen na mentira e na infamia"

Entrevista a Bieito Ledo, escritor y editor

Bieito Ledo, coordinador de “O Carballo de Padroso”.
Bieito Ledo, coordinador de “O Carballo de Padroso”.

“O Carballo de Padroso” é a última obra colectiva comisionada por Bieito Ledo (Xunqueira de Ambía, 1944). Nesta recompilación, 40 amigos do editor renden homenaxe a unha árbore, pero non a unha calquera, senón a un carballo de grandes dimensións localizado na aldea de Padroso. Á súa beira, residentes e peregrinos comparten vivencias, choran tristuras e celebran alegrías.

Por que decide editar este libro? Que supón este carballo?

Eu nacín e crecín en Padroso, un lugar vinculado a toda a miña biografía. Esta árbore ten o privilexio de estar ao lado da fonte e do camiño Mozárabe. Non é un calquera, senón que é único por esta compañía que ten. Ademais, é vida. A madeira de carballo empregouse para facer lume, casas, ferramentas para o campo, barcos… É algo misterioso, que non pide nada e ata dá sombra.

Ten un letreiro que pon “Abrázame”… por que facelo?

Foi un cartel que deseñou o meu amigo Antón Pulido. Invita aos peregrinos a abrazalo, transmítelles forza para chegar a Santiago. Por que abrazar a un amigo? Por que non a un carballo? É algo vivo, contaxia enerxía. Quen demostra o contrario?

Cal foi o criterio para seleccionar aos colaboradores?

Son os meus amigos. Só dous deles son ourensáns, cun humor moi especial que constitúe un modo de pasar os días. Todos eles, menos un, coñeceron a árbore e homenaxeárona dende diferentes puntos de vista. Os poetas recitarán fronte a el a súa poesía e os músicos interpretarán as súas cancións.

Está descoidado o espazo natural galego?

Hai que tomar conciencia de que nós temos unha natureza riquísima, que non valoramos. Se o fan os camiñantes que veñen de lugares sen bosque. É un valor que nos dan e non o apreciamos nin coidamos.

Na obra recupera un texto de Luis Moure Mariño.

É un relato marabilloso do ano 93. Aporta moito ós lectores, recomendo lelo. Vai provocar crecemento persoal nos lectores.

Tras dirixir a editorial Galaxia e fundar Ir Indo, introduciuse na política, concretamente no PSOE de Xunqueira de Ambía. Como ve o panorama político? Que lle preocupa?

Preocúpame que a xente e os políticos se instalen na mentira, na infamia e na desacreditación empregando calquera cousa. Hai que buscar permanentemente a verdade e non perder o sosego. Falar aportando e non insultando. Eu estiven en política en Xunqueira si, e foi unha experiencia orixinal. Ninguén me insultou nunca, e aínda que a xente non me deu o apoio, foi moi enriquecedor.

Que hai que ter claro para liderar?

Os dous avances mais importantes da democracia foron o ensino e a sanidade. Na medicina estamos perdendo calidade e cobertura e é unha conquista imprescindible. O mesmo ocorre no ensino, onde investir nunca é malgastar.

Cóidase a identidade e a cultura galega?

O mundo o move o diñeiro, pero humanízao a cultura. É imprescindible. Coa globalización pódese diluír a cultura e a identidade. A clave é pensar globalmente pero actuar localmente. Hai que ser defensivos e tratar de aportar.

Algún proxecto próximo?

Si, converter a Fundación Padroso na Fundación Bieito Ledo. Quero que a miña casa se converta nunha pousada de sete habitacións para dar acubillo aos camiñantes. Tamén a outra xente que veña a encontros.

Hai una cita próxima xunto ao carballo de Padroso…

O día 8 de xullo, as 18,30 horas. Música, poesía, lecturas e comida xunto á árbore.

Contenido patrocinado

stats