Fina Calleja: “Vimos a un espazo que coñecemos moi ben coa responsabilidade de facer desfrutar”
ENTREVISTA
Este mércores o Teatro Principal de Ourense acolle o estreno da última obra de Fina Calleja: A cincenta que non quería comer perdices
Fina Calleja achégase ós 30 anos coma integrante de Sarabela Teatro, e representou á dramaturxia ourensá en infinidade de escenarios. Este mércores ás 21,00 horas levanta o telón do seu derradeiro proxecto: “A Cincenta que non quería comer perdices”, baseado nun libreto de Nunila López Salamero, onde pretenden tumbar varios mitos do amor romántico.
Estades xa cos derradeiros ensaios, como van discurrindo?
Estamos neste momento máxico onde se fai a luz. É o remate do proceso, con axustes técnicos para que todo quede marabilloso, e o certo é que felices. Estamos felices.
Agardábades poder facer esta estrea nacional en Ourense?
Sempre hai un dobre sentimento: o confort de estar nun espazo que coñecemos moi ben, e sempre nos trata moi ben, co noso público máis fiel… e ao mesmo tempo está ese plus de responsabilidade, porque o amamos, e queremos que todo saia fantástico.
Canto tempo levades preparando esta Cincenta que non quería comer perdices?
Foi un proxecto que propuxo Ángeles (Ángeles Cuña, tamén integrante de Sarabela) hai moito tempo, polo menos cinco anos. Entón non era o momento, pero agora si deuse todo para facelo. Levamos co proceso de ensaios dende xuño deste ano. O proceso de dramaturxia, de adaptación do conto, levou algo máis de tempo porque esta é unha historia breve, e levamos dende xuño dándolle para que medre e naza.
Como están os nervios?
Pois cos propios axustes de última hora. Nun proceso coma este hai moitos creadores implicados, e estamos nun momento de sumar e facer pequenas concesións para que todo teña unha continuidade, un sentido e unha entidade global. Niso estamos.
Que cambia dende que se pecha o libreto ata o que vai ver o público hoxe no escenario?
Cambia, primeiro e fundamentalmente, a aportación indiscutible á construcción das personaxes dos tres actores da obra. Cambia o imaxinario da coreógrafa (Ruth Alvis), que vai sumando tamén. O texto é un esquelete, e hai que meterlle carne e pel. Iso é o que veremos no escenario.
E como dirías que é a criatura resultante?
Eu estou moi satisfeta e agradecida de poder traballar con compañeiros desta talla (Elena Seijo, Sabela Gago e Fernando Dacosta protagonizan). A min paréceme que vai a ser un traballo precioso e apostaremos ata o último alento para que así sexa.
Algún consello para que vaia hoxe ó Teatro Principal?
Que se sente, desfrute e se deixe namorar desta Cincenta.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
Luís Celeiro
TÍA MANUELA
Fillos da máquina
Jenaro Castro
MORRIÑA.COM
La princesa ilustrada
LOS TITULARES DE HOY
La portada de La Región de este miércoles, 6 de mayo
DERROTA 1-0
El Atlético dice adiós sin coraje en semifinales