"QUERO SER INVESTIGADORA"
Fóra dos laboratorios da UVigo tamén hai investigadoras sen bata
"QUERO SER INVESTIGADORA"
Un ano máis a Universidade de Vigo ven de publicar o seu catálogo “Quero ser investigadora”. A publicación suma xa seis edicións co obxectivo de inspirar as investigadoras do futuro. Para elo recolle a historia de dez científicas da institución. Laura Carballo Piñeiro, catedrática de Dereito Internacional Privado da Universidad de Vigo e decana da facultade de Relacións Internacionais, e Alma Gómez Rodríguez, subdirectora da Escola Superior de Enxeñaría Informática, forman parte desas protagonistas.
Estas dúas investigadoras do Campus de Ourense pasaron polo podcast de Ciencia de Ida e Volta para contar as súas historias e debullar a realidade que ven nas facultades. Ambas representan disciplinas que afastan a ciencia do estereotipo clásico vinculado exclusivamente a un laboratorio. “O ser investigadora non é só meterse nun laboratorio. A investigación sinxelamente é descubrir algo novo, facer algo que previamente non se tiña feito”, aclarou Gómez, sinalando que en informática propoñen “solucións novas a problemas que non se podían resolver previamente se non houbese tecnoloxía”.
Pola súa banda, Carballo recoñeceu que a súa investigación “pode parecer un traballo un pouquiño máis solitario, porque obviamente traballo basicamente con libros, con normas, con papel”. Explicou que no seu ámbito non se poden limitar a repetir regras. “Temos que ir máis alá, temos que saber por que están esas regras aí”, indicou.
A historia de Alma Gómez, investigadora da Escola de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense, estivo chea de xiros inesperados. “Empecei a carreira de informática cando case ninguén sabía nin que era a carreira”, confesa. De feito, xente do seu arredor pensaban que estudaba un ciclo de formación profesional. Aos 19 anos xa era independente economicamente traballando no sector, ata que un profesor a chamou para dar clase. “Fun primeiro docente antes que investigadora”, explica, sinalando que na universidade ambas as dúas facetas van da man. Hoxe, a súa paixón é usar os ordenadores para “propor solucións novas a problemas que non se podían resolver se non houbera tecnoloxía”.
“Eu quería ser xuíza. Bueno, quería ser maxistrada”, lembra Laura Carballo. A súa vida deu un xiro cando, traballando como maxistrada suplente, descubriu que era o “traballo máis horroroso do mundo” para ela. “Gañei unha bolsa de investigación e comecei a investigar”, relata a decana da facultade de Relacións Internacionais. Hoxe ten claro que a súa elección foi acertada porque é un campo no que “non te aburres nunca”.
O reto da igualdade nas aulas universitarias e nas vocacións científicas segue a ser unha materia pendente, tal e como advirten as investigadoras Laura Carballo e Alma Gómez. Aínda que as mulleres son maioría nas etapas iniciais do sistema educativo, Carballo sinala que “en canto ascendemos un pouquiño na escala, o panorama cambia e hai moitos máis homes”.
Esta fenda é especialmente preocupante nas carreiras STEM. Gómez, pioneira nos estudos de informática en Galicia, lembra a estrañeza da súa contorna cando elixiu a súa profesión. Por iso, hoxe insiste na necesidade de protexer as vocacións temperás: “Que ningunha nena que teña interese pola tecnoloxía teña ningunha influencia externa que a aparte de aí”. A mensaxe da sociedade debe ser unánime: cando unha moza queira ser enxeñeira, hai que dicirlle “veña, adiante”.
Para Carballo, a falta de diversidade nas aulas tradúcese nun desenvolvemento tecnolóxico parcial. A catedrática advirte que se non hai suficientes mulleres na informática, acábanse priorizando produtos dende unha mirada puramente masculina, cando o que a sociedade precisa son “rapazas que pensen que tipo de tecnoloxías queren desenvolver para resolver os problemas que a elas lles preocupan”.
O catálogo “Quero ser investigadora”, financiado pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, forma parte das actividades do plan de Ciencia de Ida e Volta, o programa anual de actividades da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo.
Ilustrado pola artista Alba Casanova, a través da técnica do collage debúxase a historia das dez novas referentes, que contribúen, co seu exemplo, a construír un relato da ciencia máis xusto e representativo. As protagonistas deste ano son María Méndez Santos, Begoña González de Prado, María Mayán Santos, Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, Maite de Castro Rodríguez, Raquel Fernández González, Laura Carballo Piñeiro, Alma Gómez Rodríguez, Lucía Díaz Vilariño e Belén Martín Lucas.
O catálogo conta tamén cunha versión dixital e distribuirase en preto de 200 centros educativos de toda Galicia. Complétase cunha guía didáctica e con contidos interactivos e gamificados desenvolvidos na plataforma Genially, como unha actividade tipo quiz e outra de adiviñar verdadeiro ou falso, que facilitan o traballo nas aulas dun xeito dinámico e participativo para todas as idades.
Incorpora un audiolibro no que as propias protagonistas lle dan voz ás súas historias, ampliando as posibilidades de acceso e conexión co público. Ademais, inclúe unha versión de lectura fácil, con linguaxe clara e frases sinxelas, que elimina barreiras cognitivas e facilita a comprensión para que toda a sociedade poida descubrir novas referentes da nosa contorna.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
"QUERO SER INVESTIGADORA"
Fóra dos laboratorios da UVigo tamén hai investigadoras sen bata
HORIZONTE DE INCERTIDUMBRE
Ourensanos con plaza en Justicia siguen sin tomar posesión del cargo
184 CASOS POR CADA 100.000 HABITANTES
Ourense, a la cabeza española en prevalencia de casos de esclerosis múltiple
Lo último