Gonzalo Iglesias Sueiro: "Yolanda Díaz é destrutiva, causará danos no futuro”
ARTICULISTA, PROFESOR E POLÍTICO
Conversar con Gonzalo Iglesias Sueiro é facelo cun libro aberto sobre a sociedade e política do último século. Malia o párkinson, a súa mente conserva intacta a lucidez
Naceu no seo dunha familia represaliada, fundadora da Academia General de Ourense. Militante comunista e socialista, acadou en 1999 a alcaldía de Xinzo, vila que o acolleu no 1975 e que o pasado xuño nomeouno fillo adoptivo. Co PSdeG foi tamén coordinador, deputado e delegado provincial de Educación no goberno do bipartito.
Ademais de toda unha vida dedicada á docencia, o “Vello Milenario” é un prolífico articulista en La Región dende 2002. Froito dese labor xorde a súa nova obra, “Reflexiones en el último milenio”, recompilación de 170 artigos publicados entre 2011 y 2024, e que presentará este sábado, na biblioteca de Xinzo, ás 18,30 horas.
PERFIL
Lugar e ano de nacemento: Ourense, 1948
Álter ego: O “Vello Milenario”, xa que a súa visión global do mundo comeza hai miles de anos.
AS FRASES
“Se a intelixencia se pon ao servizo da morte, mellor que non a haxa”
“EEUU é unha distopía, un grupo de millonarios controlando o Estado”
“Entre un coherente e un pragmático, elixo ao primeiro porque ten principios”
Vivimos unha época de revisionismo histórico abraiante.
Non sabemos onde vai parar isto. É a primeira vez na historia da humanidade que non se pode facer un prognóstico. Hai tantos valores que están cuestionados que non temos capacidade de procesalo. Somos case 9.000 millóns de persoas, se cada un pensara por si mesmo e non estivera condicionado polo pensamento colectivo, o mundo sería ingobernable. Iso aprovéitano os que sacan beneficio desa alienación do individuo: os poderes económicos, que sempre controlaron a evolución da humanidade.
Hai quen busca reescribir o franquismo e ata a ditadura.
A gran mentira é cando din “mataron tanto unos como otros”. Admitamos que do 36 ao 39 todos cometeron barbaridades, pero rematou a guerra e Franco seguiu asasinando: 200.000 persoas do 39 ao 48. A represión foi brutal, torturaban e enterraban á xente en cunetas, iso non ten perdón. Despois a autarquía despoboou España. Ademais de asasino, foi un ladrón que se fixo cun patrimonio inmenso. A xenerosidade da democracia é inexplicable: a súa familia non debía ter ningún ben que pertencera ao pobo. E os que tiveron responsabilidades nos tribunais e xulgaron e condenaron ás persoas, debían ter sido expulsados da xudicatura.
A Transición é outro campo de batalla desa reescritura.
Carrillo sacrificou o Partido Comunista polo “pacto por la libertad”, en beneficio da democracia e da reconciliación nacional. Pero só se fala do Rei e de Suárez, elementos da dereita para seguir controlando a economía do país. Eu traballei arreo durante a Transición, fun membro da Xunta Democrática e agochei aos traballadores perseguidos de Ferrol, con dous compañeiros esquecidos: Paco López Cambeses e Carlos López Polo.
A ola reaccionaria esténdese polo mundo, parece que queiramos volver a ter ditadores.
Os odios, fundamentais para manter posturas políticas, están de novo a ser alimentados. O odio une, como o amor. Precisan que a sociedade odie para eliminar aos que son doutro pensamento. Os partidos que buscan condicionar as vidas das persoas que elixen o seu destino sen molestar a ninguén, son totalitarios, e o fascismo está a rexurdir por toda Europa. A socialdemocracia non ten alternativa, toda vez que a sociedade do benestar se estendeu e as necesidades básicas xa están cubertas. A dereita pretende facer iso, pero sen cobrar impostos, algo imposible. E ven a inmigración como algo negativo, cando os estranxeiros fan traballos que os de aquí non queren.
E hai un auxe dos populismos.
O pensamento crítico e creativo, a base da formación do individuo, desapareceu das escolas, agora forman ovellas. O populismo vén xa dos ídolos carismáticos da canción ou do deporte, que gañan millóns polo simple feito de estar promocionados por empresas. Nadal, por exemplo, cun gran ascendente sobre a xente, vende o seu nome e prestixio a Arabia Saudita, que marxina ás mulleres e emprega escravos doutras nacións. Iso é colaborar co fascismo e coa explotación. Deus perdeu a batalla fronte ao diñeiro, o “becerro de ouro”.
Sempre defendeu que a política non é máis que unha ferramenta para mudar a sociedade, e pon como exemplo a Pedro Sánchez.
É o dirixente máis valente dos últimos anos. Asumiu o Goberno nunhas condicións dificilísimas, pero está conducindo aos cambios máis importantes nos servizos básicos. Baixou o paro unha barbaridade, o salario mínimo aumentou moitísimo, ofrece unha cobertura moito máis garantista e eficaz ás mulleres que prestan atención no fogar, apagou o conflito catalán dando alternativas democráticas. É atacado polo sector máis reaccionario da maxistratura, que se manifestou ante o Tribunal Supremo por unha Lei de Amnistía que aínda non estaba aprobada. É un home resistente e necesario nestes momentos, calquera outro na súa pel xa estaría fóra. Destacaría a María Jesús Montero, muller cunha capacidade de traballo inmensa. Preocúpame Yolanda Díaz, ten un pasado moi conflitivo e é destrutiva, causará danos no futuro. E a Feijóo véxoo torpe, é unha persoa cun nivel intelectual moi baixo.
As eleccións galegas encumbraron ao BNG e afundiron ao PSdeG. A alternativa ao PP xa só pasa polo nacionalismo?
O socialismo galego só tivo un líder á altura política de Galicia, Emilio Pérez Touriño, home prestixioso e válido. Pero os facinorosos que aspiraban a controlar o partido, non direi os seus nomes porque non quero volver ao pasado, foron pedir a súa cabeza a mesma noite da derrota, cos mesmos escanos e co BNG perdendo só un. E el, dignamente, deixou todo. Eu non son nacionalista, pero o BNG está agora nun mellor momento.
Trump volve ser presidente dos EEUU, desta vez non sorprende.
O home máis rico do mundo, que manexa a Trump, vén de pedir a invasión do Reino Unido porque ten un goberno que non lle gusta, algo inaudito. E animou a votar á líder da ultradereita alemá, casada e con fillos dunha muller, unha contradición en si mesmo. Pero o máis perigoso de Trump, un personaxe histriónico que vai a cara descuberta, é o que pretende facer co medio ambiente. A deforestación é irreversible e imos camiño dun mundo inhabitable. E vai crear un estado de malestar nos pobres que veremos en que desemboca.
2024 foi o ano da dobre moral de Europa con Ucraína e Gaza?
Vese claramente como a lei, as Nacións Unidas, non serven para nada, son un instrumento que xustifica as intervencións cando estas son necesarias. Un bo exemplo son os serbios, machacados porque lle interesaba aos Estados Unidos. No caso de Gaza, asistimos a un crime contra a humanidade, un exterminio, un xenocidio dun pobo en beneficio dos intereses dun capital que quere controlar a zona máis importante dos hidrocarburos. Sobre Ucraína, que dirían os americanos se se instalaran mísiles apuntando contra eles en Canadá?
Que precisamos para o futuro nestes tempos incertos?
Eu fago unha aposta pola bondade, pola empatía. Precisamos que a sociedade non valore á xente polo capacidade intelectual, senón polo seu carácter social e en valores como a solidariedade. E os mestres tiñan que transmitir espírito crítico e liberdade de pensamento.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
PIERDE LA VIGENCIA DEL CARNET
Condenado por negarse a hacer la prueba de alcoholemia tras causar un accidente
ACCIDENTE DE TRÁFICO
Retenciones kilómetricas a la salida de Ourense
EL MACHISMO NO CESA
La violencia de género no da tregua: 2,4 denuncias al día en Ourense
Lo último