Una hora con José Ramón Gómez Besteiro

Una hora en Telemiño con José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG-PSOE e voceiro socialista no Parlamento galego

X. CALVIÑO / N. YÁÑEZ

Publicado: 02 jun 2024 - 07:15 Actualizado: 02 jun 2024 - 07:57

Una hora con José Ramón Gómez Besteiro

O líder do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967), chega á entrevista de Telemiño con calor e marcha dela con máis calor. Fóra, a primeira hora da tarde, o termómetro supera os trinta graos. Máis quente aínda está a política da terceira cidade de Galicia, despois de que o seu partido anunciase publicamente a súa disposición de desaloxar ao actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome.

Esta semana, a voceira socialista na cidade, Natalia González, chamou publicamente ao PP e ao BNG para negociar unha moción de censura contra o actual alcalde.

Paréceme moi ben. Creo que todos somos conscientes da situación de Ourense. Por iso, os socialistas ourensáns da cidade apostan por abrir unha porta de diálogo para pensar nun futuro mellor. É positivo, mírese por onde se mire. Ben recordo cando os socialistas gobernamos esta cidade, cando había orzamentos, cando se lles pagaba aos provedores e aos contratistas en tempo, cando se pagaban as nóminas en tempo, cando non había ese tipo de dificultades. Abrir ese espazo de diálogo, ese debate para chegar a un futuro mellor, se entre todos deciden que sexa así, é absolutamente positivo. Quen mellor coñece a situación de tensión que estamos vendo é a propia xente de Ourense, pero fóra de Ourense, o que nos chega é unha imaxe caótica. A situación é de “arre ou xo”. Se isto segue igual, cal é o futuro inmediato? Pois o colapso.

"Se non botamos a Jácome, imos quedar retratados, o BNG tamén"

E que agarda?

Primeiro, que ninguén busque desculpas, pois esta situación comeza cun acordo entre o PP e Democracia Ourensana no inicio deste mandato. Creo que o acordo segue vixente, alguén terá que aclarar se segue vixente ou foi simplemente un acordo de investidura. E o BNG tamén ten que decidir que quere ser de maior, se lle dá igual ou non.

“O PP terá que aclarar se segue vixente o 'Pacto da Alameda' con DO ou só foi un pacto de investidura"

Estaría disposto o PSdeG a favorecer unha alcaldía do PP?

Non estamos nese momento. A decisión que tomou o grupo municipal socialista de Ourense foi abrirse ao diálogo. Polo tanto, o primeiro que se analiza nun diálogo son as causas e que tipo de conclusións e consecuencias podemos extraer diso, e como podemos facer para mellorar. Eu non me anticiparía a iso. Diálogo ten que haber, e se chegan as mesmas conclusións, hai que operar e actuar.

Avalou vostede a decisión?

É unha decisión sa, aberta, transparente e, polo tanto, non ten que ofender, non vai prexudicar nin vai contra ninguén, senón a favor de solucionar unha cuestión que parece que ten todas as tintas de rematar nun colapso, nun caos, e todos coincidimos que non é positivo para a cidade. Forma parte da vida democrática dunha cidade. Polo tanto, nese sentido, a decisión que tomou a agrupación do Partido Socialista forma parte do seu campo de actuación, da súa autonomía e non necesita ser referendada por ninguén, nin validada.

“Estamos nunha situación de 'arre ou xo'. Se isto segue igual, cal é o futuro da cidade? O colapso?"

O PP e Jácome pactaron a alcaldía para o actual rexedor e a presidencia da Deputación para os populares: son os partidos máis representados en ambas as institucións, pero sen maioría. O PSdeG estaría disposto a que o PP manteña a Deputación a cambio de que rache o pacto con DO no Concello?

Eu creo que son cuestións diferentes. É un pouco equivocar o que eu entendo que se está producindo agora. O que se está producindo é forzar un momento de debate, de discusión, de dicir: “Oe, isto pode cambiarse e é bo cambialo”, e se chegas a esa conclusión, é cando das o paso seguinte.

Pero vostedes son os que están liderando a proposta para unha moción de censura, foi o PSdeG o que deu o paso.

Si, e ademais é un paso importante e bo. E para que se produza, o PP ten que rachar un pacto no que si se xoga a variable da Deputación. O PP deberá pronunciarse sobre iso. Esperemos a ver.

Ademais, vostedes cambiaron a estratexia na Deputación respecto ao PP e viceversa. Semella que hai unha mellor sintonía actualmente. Pode iso favorecer a mudanza do alcalde na cidade?

Vaiamos paso a paso. Vaiamos vendo como avanza, se é que avanza, este proceso de diálogo na cidade. Veremos se avanza, quen quere que avance e quen non quere. Polo tanto, neste proceso todo o mundo se vai retratar.

O Bloque Nacionalista tamén.

Todos. Cando digo todos, todos van quedar retratados. Esta é a vida política en democracia e eu creo que é unha situación positiva, con independencia de en que remate. Creo que vai dar pé a que todo o mundo apareza retratado diante da sociedade ourensana. Ao mellor o que sae mal parado é o Partido Socialista, pero a vida da democracia tamén é unha vida de riscos, de vivir estas situacións onde… A ver, o que está acontecendo non é normal e, polo tanto, ante situacións anormais, estes xestos son extraordinariamente importantes.

Na súa traxectoria, tivo algunha experiencia dalgunha cidade con tal barullo na gobernación?

A verdade é que, neste sentido, está a levar a palma. Supoño que non, son casos únicos, pero quizais nunha capital de provincia, honestamente, poucos coñecín.

O PSOE tamén lidera o proceso que supuxo a aprobación parlamentaria da lei de amnistía o pasado xoves.

Pasaron as eleccións catalás e veuse o que pasou, case a finalización, por non dicir a morte, dese proceso independentista. E se botamos a vista atrás e pensamos na época de Mariano Rajoy, vemos policías nas rúas, unha declaración de independencia e unha secesión case inmediata do Estado español. Hoxe vemos paz e tranquilidade. En definitiva, creo que foi unha moi boa decisión apostar pola convivencia e o diálogo. Na historia de España sempre tivo que ser o PSOE o que collera as “patacas quentes” e tomar decisións. Vímolo co final de ETA, co final do terrorismo: naquel momento tampouco tivemos o apoio do PP na oposición.

"Na historia deste país, o PSOE sempre ten que coller as patacas quentes, pasou con ETA e pasa coa amnistía"

Pasoulle factura a amnistía nas eleccións galegas?

Non o sei, a verdade. O contexto pode influír pero, en todo caso, é algo consubstancial aos procesos electorais. Os comicios aconteceron dunha forma coetánea con esa discusión parlamentaria sobre a amnistía e é verdade que situou ao PSOE nun horizonte diferente, pero eu creo que esa decisión foi boa, e o tempo daranos a razón.

Un momento da entrevista con José Ramón Gómez Besteiro (Foto: Miguel Ángel).
Un momento da entrevista con José Ramón Gómez Besteiro (Foto: Miguel Ángel).

Pódelle pasar factura nas eleccións europeas do 9 de xuño?

Apostar por Europa é apostar por unha Europa máis forte, solidaria, social e cohesionada. Onde está o PP? Pois falando con Meloni, falando coa ultradereita europea sen crer realmente en Europa. Fan a mesma reflexión ca ultradereita, que non quere ver unha Europa unida, senón unha Europa das nacións, separada, onde os intereses das nacións pesen sobre o interese global de Europa. E a esquerda independentista, nacionalista, caso do BNG, tamén concibe Europa como unha Europa das nacións. Nós non, nós consideramos unha Europa federal onde prima o interese comunitario, porque iso daranos unha Europa forte para maior proveito de todos.

"O Bloque Nacionalista Galego ten que decidir que quere ser de maior, se lle dá igual Jácome ou non"

En que se reflicte?

A Europa que saíu da crise financeira do 2008, esa Europa ultraliberal, de dereitas, era unha Europa dirixida a minguar o aspecto social. Daquela, a resposta foi: non hai axudas para as empresas, non hai axudas para os parados, non hai ertes… e que cada un saia por onde poida. A saída da pospandemia é a saída dunha Europa social, cohesionada, que sae ao rescate dos seus cidadáns e das súas empresas, non é o mesmo que haxa unha Europa que outra.

Os gandeiros tamén saíron hai pouco ás rúas contra a burocratización que impón Europa e reclamando prezos xustos…

Lembre o escenario preeuropeo, a situación era moitísimo peor, non? Era un escenario onde os choques nacionais producían o que falabamos antes: envorcado de camións con produtos españois, impedimento de trasladar as mercancías con liberdade... Polo tanto, o que se necesita son axustes e, para iso, hai que ter peso en Europa. Vostede fala do eido da gandería e da agricultura. Hoxe vivimos mellor que antes cunha PAC que debemos reforzar. Isto non evita conflitos, pero Galicia recibiu 40.000 millóns da PAC nos últimos cinco anos. A que aspiramos? Pois a medrar nese orzamento da PAC. Sen Europa, isto sería a lei da selva.

Hai uns cen días das eleccións galegas, cincuenta da toma de posesión do presidente Rueda. Pódese facer algún balance da Xunta e de vostedes mesmos?

Somos os únicos desconformes co Parlamento autonómico. O Partido Socialista é un partido de goberno e volverá a ser un partido de goberno. Por iso formulamos unha posición construtiva. E como vexo o goberno? Poño un exemplo, cando falamos das autoestradas, do traspaso da AP-9 e da AP-53, tamén loitemos para que sexan gratuítas, para que non haxa galegos e galegas de segunda. Nós imos imprimirlle forza ao labor de oposición, responsable pero contundente.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, na redacción de La Región (Foto: Miguel Ángel).
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, na redacción de La Región (Foto: Miguel Ángel).

Falando da AP-53, para cando a bonificación?

Tense que facer efectiva cando se aproben os orzamentos e o propio Estado debería ter contemplado esa bonificación do 75% que queremos equiparar á da AP-9. Foi o Partido Socialista quen levou esa petición adiante.

Que lle parece a sucesión de anulacións de parques eólicos por altas instancias xudiciais?

Responde, primeiro, a que a planificación da eólica foi absolutamente deficiente. O Partido Popular ten moita responsabilidade en que esa planificación sexa absolutamente deficiente. Foi o maior protagonista do parón eólico cando chegou ao goberno o PP dan man de Alberto Núñez Feijóo. Hoxe, o que está pedindo o sector, é que se volva a sectorizar outra vez Galicia para saber exactamente ben, e con seguridade xurídica, onde se poden instalar as renovables eólicas. Estamos perdendo moitísimas oportunidades que aproveitan outras comunidades autónomas que nos están levando a dianteira, cando en tempos fomos unha potencia eólica. E tampouco podemos facernos trampas a nós mesmos, apostar pola eólica e as renovables pola mañá e pola tarde facerlle a contra, como fai o Bloque Nacionalista Galego, que ten unha posición errática neste sentido e un pouco escurantista.

Contenido patrocinado

stats