IMPUESTOS SOBRE VIVIENDA
El bum inmobiliario en Ourense deja tras de sí una recaudación récord de impuestos
DÍA DEL LIBRO INFANTIL
O 2 de abril de cada ano celébrase o Día do conto infantil, a literatura para os máis pequenos de cada casa que lles abre os ollos a unha realidade de soños onde todo é posible. O saber que conteñen estes libros e que transmiten unha chea de sabedoría e coñecemento para os cativos é esencial para o desenvolvemento da súa curiosidade, das súas inquedanzas, da súa formación de ideas e opinións, e sobre todo, da súa evolución en contacto co seu entorno.
Estes principios esenciais están moi presentes no traballo de Inma Soto e no seu labor como comunicadora entre os máis pequenos nas escolas e bibliotecas. "Vir a casa sempre gusta, que teñan en conta que son unha persoa de Ourense, que escribín un libro e poder facer actividades na biblioteca central da túa cidade é moi bonito", contaba Inma tras rematar unha das súas actividades na Biblioteca Pública de Ourense, nunha data tan especial para ela como é o Día do conto infantil.
Educadora ambiental e narradora tanto de profesión como por vocación, e que forma parte do colectivo NOGA de narradores orais galegos, Inma Soto leva 12 anos realizando actividades relacionadas coa sensibilización ambiental con nenos a través de contos e pequenas historias. "Atopei no conto a ferramenta que me permite amosar o patrimonio cultural e natural cunha maneira divertida e lúdica á infancia".
A literatura amable como ela a describe é o xeito que ten Inma de comunicarse cos cativos, de captar a súa atención e aprender sen aburrirse, con actividades que guían a historia. "Resúltame eficiente usar contos, podo transmitirlles determinados saberes e ao mesmo tempo pasámolo ben, facemos xogos, creamos rimas e normalizamos o uso da lingua galega".
Inma Soto demostra que aprender non é aburrido e que o coñecemento da man da literatura é unha ferramenta moi poderosa para a aprendizaxe dos nenos. A grande aceptación de actividades lúdicas en centros educativos e bibliotecas para os máis cativos cada vez teñen máis presenza, principalmente nas idades máis pequenas, e unha forte acollida polos propios nenos e polas familias e os docentes. "Parécenme actividades moi necesarias porque permiten crear esa especie de adición á literatura".
Nun primeiro momento, Inma creaba historias breves para a infancia cando comezou a realizar actividades educativas para nenos, nos que trataba diferentes aspectos do medio natural, como incendios ou a polinización. Pero pronto decidiu realizar un proxecto persoal: autoeditar o seu primeiro libro infantil "Xela, a superheroína de aldea". "As escolas e as familias preguntábanme que de onde sacara a información para seguir traballando con ela, que lle parecía moi interesante. Así que decidín botarme cara adiante".
Unha pequena tirada do conto para deixar nas escolas e centros onde realizaba estas actividades converteuse en todo un éxito entre as familias. O seu primeiro libro infantil vai xa pola súa cuarta edición. "Esta pequena tirada ten vistas xa a unha segunda aventura da nena, que siga afondando en temas relacionados coa biodiversidade, natureza, protección do medio e conservación das nosas aldeas".
Pero para Inma, o máis importante que ofrece a literartura na infancia é a capacidade de converterse nun espazo seguro. "A lectura é un refuxio, é un lugar que permite viaxar onde queiras, cobrar mil vidas, ademais de ser divertida". E asegura que dende que son pequenos, os nenos van descubrindo pouco a pouco a maxia que teñen os contos.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
IMPUESTOS SOBRE VIVIENDA
El bum inmobiliario en Ourense deja tras de sí una recaudación récord de impuestos
ESPIRAL INFLACIONISTA
Ourense, entre las provincias más castigadas por la inflación
VUELCO EN EL SECTOR PÚBLICO
Más de 3.600 trabajadores públicos de Ourense, en vilo por su puesto
Lo último