Juan Carlos Piñeiro: "A nosa función é achegar os cambios tecnolóxicos a toda cidanía"

O director de Operacións da Mobile Week Ourense analiza a importancia do evento para a provincia

Juan Carlos Piñeiro, durante a entrevista (MIGUEL ÁNGEL).
Juan Carlos Piñeiro, durante a entrevista (MIGUEL ÁNGEL).

Juan Carlos Piñeiro, director internacional de Red Mundo Atlántico, asociación sen ánimo de lucro para a innovación social, e coordinador da Mobile Week Ourense, valora o pulo que este encontro do sector tecnolóxico supón para a provincia.

A Mobile Week xa é unha realidade.

É froito do traballo de moitos meses e da implicación de moitas administracións, que fixeron posible ter este evento en Ourense na primeira ocasión na que é de ámbito provincial.

Ourense é pioneira nese sentido, que vai significar iso?

O importante desta Mobile Week é o volume de debate que se vai xerar e o nexo de unión entre ese debate e a firma de tres anos. O que buscamos é darlle unha continuidade no tempo. O que nos encargou o presidente é que non se celebre soamente durante esta semana, senón que durante todo o ano vaia tendo ecos do que se está a falar. A calidade das ponencias é espectacular, tivemos un cara a cara entre os reitores da Universidade de Vigo e de Coruña, falamos de 5G, de gobernanza, de saúde, de deslocalización, de cobertura… A función é achegar á cidadanía todos eses cambios tecnolóxicos que están no día a día e ás veces non entendemos.

Eses cambios xeran de primeiras un certo medo entre a poboación, e moitos aínda se resisten, pero en dous ou tres anos será imposible escapar.

Hai dúas vertentes. Algúns cambios si que dan vertixe porque precisan dunha capacitación e un salto da fenda dixital. Eu sempre poño de exemplo unha persoa maior ou unha nova que se teñen que enfrentar a unha tramitación electrónica. O que busca a Mobile é un vehículo para capacitar a esas persoas. Despois hai outros cambios máis comúns, tecnoloxías que nin te decatas de que as estás empregando, como pasa cos sistemas de seguridade dun coche, as plataformas de televisión… Todo isto cambia continuamente e tamén precisa dunha pedagoxía para que a xente se implique e vexa o que hai detrás.

Hai toda unha serie de oportunidades que aproveitar neste preciso momento en Ourense e por iso non é casual que a Mobile se celebrase aquí.

Hai unha cousa que está clara: Ourense ten un proxecto que se chama Provincia Intelixente de implantación de base tecnolóxica, e ten tamén outra peculiaridade que é a súa fronteira con Portugal. En nada estaremos a dúas horas de Madrid, e isto pode ter un papel moi importante para captar talento e empresas. Non olvidemos que hai moitos sectores de tecnoloxía nos que se está a falar da xeración de 650.000 postos de traballo. Aquela comunidade que vaia un paso por diante terá unha posición máis competitiva para atraer emprego.

Facendo unha similitude co AVE, este é un tren ao que nos temos que subir si ou si, non o podemos deixar pasar.

É a obrigación da Comisión Europea decidir cara onde quere que vaian os fondos Next Generation, porque iso vai transformar o paradigma social europeo. Europa é unha gran unión de intereses pero temos varios problemas. Somos unha sociedade máis envellecida que a doutros continentes, somos menos… entón temos que buscar unha diferencia competitiva.

Ese interese que hai de que a Mobile non se quede en catro días senón que permaneza no tempo vai un pouco nese sentido, non?

O que vou dicir pode soar a cliché pero o mundo tecnolóxico cambia día a día, entón se focalizas todo nunha celebración en cinco días de novembro estaste perdendo o resto do ano. O compromiso do equipo directivo e da Deputación é que as actuacións se transformen nun debate continuo.

De feito, das tecnoloxías que se está falando neste mesmo momento dentro de catro meses probablemente estén obsoletas.

Ou dentro de catro días incluso.

Contenido patrocinado

stats