Julio Temes: “Antes do mandato, pensei nunha lista alternativa"
Será nomeado hoxe alcalde de Nogueira de Ramuín
Julio Carlos Temes Pereira (PP) será nomeado hoxe, ás 12,30 horas no pleno do Concello de Nogueira de Ramuín, novo alcalde do municipio. Este cargo non é novo para Temes, quen xa foi primeiro edil entre 2003 e 2011. Sustitúe á fronte do concello a José César Parente, quen fora o seu sucesor cando decidiu apartarse da política. Xunto con el, tomarán posesión dous novos concelleiros.
Que o motivou a volver?
Hai 11 anos que non era alcalde, pero eu, dende o mediodía, estou todos os días aquí. Teño fincas, unha casa… estou moito en Luíntra e polas aldeas. Moitos veciños animábanme a que volvera, comentábanme os seus problemas e, pouco a pouco a raíz destes ánimos continuados, volveron despertar esa chama en min. Ademais, agora veño coas pilas cargadas e creo que teño moitas cousas aínda por aportar.
Como está a relación co alcalde saínte, José César Parente?
Moi ben. Aínda estivemos comendo xuntos hai uns días. Falamos, se non todos os días cada dous días como moito.
Non houbo ningún tipo de roce?
No seu momento tivemos as nosas diferenzas a nivel político, pero somos amigos de sempre. Aínda que houbo pensamentos dispares nalgún momento, a nosa amizade vai máis aló da política, é sincera. Creo que o demais é completamente anectdótico.
Canto hai de certo na súa implicación en crear unha lista independente?
É certo que antes da lexislatura, César e eu tiñamos puntos de vista diferentes. Estabamos perdendo apoio da xente, de feito, pasouse de nove a sete concelleiros; a situación non era boa e a xente queixábase. Por iso planteei que igual era mellor cambiar de rumbo. Co paso do tempo, dígoo porque a min pasoume e por iso decidín marchar no seu momento, estás canso e podes quedar sen ideas, e creo que foi un pouco o que pasou. Pero, ao final, puidemos resolvelo falando.
Entón, só foi antes do comezo do mandato?
Si, ao comezo de todo. Había puntos de vista diferentes dentro do partido pero sentamos, falamos e puidemos solucionar a situación.
O Concello, a nivel económico, está mellor ou peor de como vostede o deixou?
Cando marchei a situación xa non era boa. Agora é practicamente igual, quizais un pouco peor, pero tamén influído pola situación actual de guerra, pandemia…
E a nivel de funcionamento no día a día?
Está funcionando ben, pero, coma en todo, hai cousas que mellorar.Houbo poucos cambios tamén dende que eu marchei.
Entón é unha situación familiar.
Si, malia eses pequenos cambios, é unha situación moi similar.
Comentou nalgunha ocasión que había desconcerto na poboación, que a situación non era boa e que era o momento de tomar decisións. Cales son?
Parto da base de que a persoa que está ten que ter ilusión e ganas, algo que, con máis de dez anos de servizo, esa vocación de servizo non é a mesma que ao inicio. Nós temos ganas. E ademais, ao estar aquí tódolos días permítenos coñecer a realidade no concello. Con todo, o primeiro que temos claro é que hai que atender as demandas dos veciños e intentar solucionar as súas necesidades. E por outra banda, estamos nun concello próximo a Ourense e pasa moita xente por aquí, non obstante as infraestruturas, de tódolos ámbitos, non son as adecuadas. Entre Concello, empresarios e veciños debemos intentar que as infraestruturas se adecúen ás necesidades e os habitantes non saian perxudicados.
Poñer aos veciños por diante dos turistas?
Temos que buscar un equilibrio. Nestes momentos, hai algunhas aldeas cuxos veciños saen perxudicados. Temos que lograr que o turista quede contento e o veciño non quede de lado.
Algún outro proxecto?
Si. Nos anos 60, o 80% da superficie do municipio estaba traballada. Hoxe é ao revés, excepto os montes comunais, o resto do monte está abandonado. Temos que recuperar a produción dos nosos montes, coidalos, xa que é outra das formas de atraer xente e xerar postos de traballo, ademais de coidar a natureza.
Apórtalles tranquilidade o arquivo da peza da Pokemon sobre o catamarán?
Si, aínda que é algo que ven moi de lonxe e ademais creo que non era algo que perxudicara ao catamarán nin ao turismo do concello. É un tema puramente administrativo que non ten ningunha influencia.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
TURISMO EN OURENSE
La provincia de Ourense logra un inicio de año turístico de récord
OURENSE "CAPITAL TERMAL"
El Senado avala la inclusión del termalismo en la sanidad pública
Lo último
QUEN CHO DIXO
¿Sabe usted que a Jácome ya no le salen las cuentas?
"EVIDENTES CONTRADICCIONES"
Deniegan la celebración de un matrimonio civil en O Barco ante la creencia de que es “simulado”